Logo de la empresa

A mesa dos ladróns

Aitana Iglesias | Revista eSmás edición O Salnes Nº 7

Descubre unha lenda oral vinculada co Mosteiro da Armenteira e o monte de Penaguda
A mesa dos ladróns

Coma o resto de parroquias da comarca do Salnés, Meaño garda tras de si unha morea de lendas e tradicións que configuran a súa historia. Aínda que pertencente ao concello de Meis, o Mosteiro da Armenteira garda una relación de proximidade xeográfica e mitolóxica con terras meañesas coñecida por todos os veciños do lugar. 

Meaño, lenda da mesa dos ladronsTransmitida oralmente de xeración en xeración, conta a historia que o mosteiro foi fundado por San Ero. Sen embargo, malia non coñecerse con exactitude a data de construción de tan emblemática edificación, rapidamente pasou a pertencer á Orde Cisterciense, datando do 1162 a súa primeira aparición en documentos oficiais. A pesares dos esforzos de congregacións sucesivas por manter este prezado lugar, a chegada do século XIX trouxo consigo o abandono definitivo do mosteiro. Mais no 1969 os alicerces do que fora un dos máis emblemáticos emplazamentos da comarca voltan a rexurdir da man de Carlos Valle-Inclán, fillo do famoso escritor que, na procura dunha das máis importantes fontes de inspiración do seu pai, decide restaurar o complexo. Finalmente, o mosteiro pasou novamente a cargo de integrantes cistercienses, continuando así deica os nosos días. 

Coma parte do pasado lendario de Meaño, o monte de Penaguda é outro dos lugares máis destacados do municipio. Así, a importancia este accidente natural de 156 metros de altitude non se dá só no ámbito xeográfico pois, a maiores de actuar de barreira de separación con Dena, tamén forma parte da mitoloxía comarcal. Deste xeito, Penaguda acolle un dos monumentos máis máxicos de todo Meaño: a Mesa dos Ladróns. Pero, ¿cal é, xa que logo, a relación entre o Mosteiro da Armenteira e o monte de Penaguda?

A Mesa dos Ladróns non é máis que unha enorme rocha plana con numerosas pedras que se sitúan circunvalando o seu arredor. Cal se dunha mesa coas súas respectivas cadeiras se tratase, esta construción está ligada ao pasado meañés por unha historia que, realidade ou fantasía, chegou deica nós a través da tradición oral. Desta forma, cóntase que o Mosteiro da Armenteira, nun dos tantos roubos que sufriu, foi atracado por un grupo de piratas que desembarcaron en Noalla. Logo de facerse cun interesante botín, deron en fuxir polo monte arriba, atopándose coas pedras máis famosas de Penaguda. Co obxectivo de repoñer forzas e repartires o botín entre todos os membros do grupo, aposentáronse alí un bo anaco. Coma era de agardar que, tras o asalto, fosen perseguidos, foi entre comida e reparticións cando aproveitaron o momento para darlle a volta ás ferraduras dos mulos de carga, a fin de confundir aos seus captoreas coa dirección de fuxida. Ainda que a historia remata así e deixa á imaxinación o éxito ou fracaso da fazaña, dita narración pasou a formar parte non só do imaxinario colectivo da parroquia meañesa senon tamén da memoria comarcal.

Quen sabe se, co paso do tempo, xurdirán novas contribucións que continúen alimentando o patrimonio histórico do Salnés. Mais, de seguro, todavía quedan moitos relatos esquecidos nun rincón da mente dos máis maiores do lugar. 

 

Localización de la mesa de los ladrons en Meaño


Anunciantes en el número actual la revista eSmás:


Scroll to Top