Logo de la empresa

A moza da Fonte da Coca

Aitana Iglesias | Revista eSmás Vilagarcía Nº 24

Son mootas as fontes que dan de beber a Vilagarcía, pero a da o parque da Coca agocha unha lenda moi peculiar
A moza da Fonte da Coca

Ouro na lenda da fonte da cocaNumerosas son as fontes que dan de beber a Vilagarcía. Chea de encanto e historia, a fonte da Coca, cuxo nome se debe a un ser mitolóxico galego do que falaremos noutro número, atópase envolta nun clima de lenda e fantasía que agocha tras de si un dos mitos máis coñecidos pola xente do lugar.

Situada entre Laxe e Florida, conta a tradición que nela se deron multitude de aparicións. Nunha de tantas ocasións, un home chamado Pablo ía deica á Feira do Vintecinco de Carril. Para non perder tempo, decidiu saír cedo da casa, tanto que aínda era noite pechada cando puxo rumbo cara alí. Ao chegar á altura da fonte, atopouse de súpeto cunha moza de longos cabelos louros e beleza suprema que non paraba de ollalo mentres gardaba as súas galiñas. Sacándoo do seu ensimesmamento, a moza preguntoulle a onde ía a aquelas horas tan temperás. Aínda que dubidoso, Pablo fíxolle saber que se dirixía cara á Feira. Amosando un grande interese, a moza pediulle que lle mercase unha clave de ouro para o galiñeiro, xa que as aves non paraban de se lle escapar. 

 

  • Pero tráema agochada para que non lle dé o sol, senón non a quero.

Preguntándolle que gañaba él con iso, a moza respondeulle:

  • Dareiche cen pezas de ouro

E alá continuou Pablo o camiño deica Carril, cavilando se o que lle prometera aquela extravagante muller sería verdade. Unha vez na Feira, acordouse do favor pedido pola moza e, buscando entre a multitude, atoupou a un home facendo zocos. Así, ocorréuselle pedirlle un anaquiño de madeira a modo de clave que servise coma peche para o galiñeiro. Ao rematar as compras, desfixo o camiño para chegar de novo á súa casa. Á pasar pola fonte, atopouse outra vez coa muller coidando das súas aves. Inmediatamente, requiriulle o tan prezado obxecto. Desta forma, Pablo sacou o anaco de madeira e deullo, ao que a loura respostou meténdose nun furado da fonte e saíndo cun saco cheo de ouro.

  • É para min?

  • Si, pero cunha condición: non podes miralo ata chegar á túa casa.

Sen entender moi ben o por qué daquela absurda prohibición, o home colleu o saco e continuou o camiño de volta ao seu fogar. Mais, unha vez cruzado o río, non foi quen de resistirse a abrir o saco para comprobar se efectivamente contiña no seu interior as cen moedas prometidas. Inesperadamente, todo o ouro comezou a se tornar carbón no mesmo momento de abrilo.

  • O meu ouro, o meu ouro! Todo o meu ouro se converteu en carbón por idiota! De non telo mirado, agora seríamos todos ricos!

E este é o motivo polo que o terreo anexo á Maroma onde aconteceu tal desgraza é coñecido actualmente coma “O Ouro”, na honra do home que, froito da impaciencia, perdeu a oportunidade dunha vida acomodada en cuestión de segundos. Coma postula Quevedo: “ a paciencia é unha virtude vencedora... A impaciencia é o vicio do diaño”.


 

 


Anunciantes en el número actual la revista eSmás:


Scroll to Top