Logo de la empresa

O Mexillón de Galicia

Ángeles Longa Portabales | Revista eSmás Vilagarcía Nº 22

Ángeles Longa Portabales, responsable de I+D de la DOP Mexillón de Galicia, nos cuenta en detalle todas las características y el procedimiento de cultivo de este molusco tan típico.
O Mexillón de Galicia

Hai que remontarse á prehistoria para intentar determinar cando os galegos comezaron a comer mexillón. Hoxe sabemos que xa no Paleolítico aqueles galegos que vivían en aldeas amuralladas chamadas castros aproveitaban a baixamar para apañar os mexillóns e lapas que se amoreaban nas rochas e que formaban parte común da súa dieta. Así o testemuñan os múltiples cuncheiros que están espallados pola costa galega. Por tanto, podemos afirmar que os galegos xa no século IV antes de Cristo comían mexillón en abundancia.

Na Gallaecia romana o consumo de mexillón se estende aos pobos e vilas do interior, e, polo que parece, se empezan a elaborar conservas deste marisco. De feito, recentemente se descubriu preto de Brigantium, a actual Coruña, o que parecer ser unha planta de elaboración de salsa de mexillón ou dalgún tipo de conserva de mexillón.

Os mariscos e peixes galegos van gañando sona na época romana e aló polo século primeiro despois de Cristo o poeta Marcial loaba os produtos dos mares galegos. No Medievo, excepto a ostra, todos os mariscos eran desprezados polas clases altas. Pasado o tempo, van gañando aprecio e en pleno Século de Ouro o cociñeiro maior do rei Felipe III suxería preparar os mexillóns fritos con laranxa e pementa. Xa a mediados do século XVIII o Rexidor de Santiago, José Cornide de Saavedra, nos dicía deste molusco que “su carne, después de la ostra, es la mejor... y es de muy buen gusto”.

O vínculo entre o mexillón e a gastronomía galega seguiu reforzándose ata a actualidade, converténdose en prato imprescindible de moitas festas gastronómicas.

Comezo do desenvolvemento produtivo do mexillón 

As primeiras experiencias de cultivo das que temos constancia documental son de finais do século XIX. En 1869 o naturalista M. Paz Graells resaltaba a abundancia de mexillón que había nas rías e describía como se practicaba nos antigos viveiros de ostras de Carril un eficaz cultivo de mexillón sobre cabaletes.

O primeiro ensaio en viveiro flotante se produce na ría de Vigo en 1932, pero debido a distintos problemas a experiencia non tivo continuidade. Pasada a Guerra Civil se volve a ensaiar o cultivo en batea, pero esta vez na ría de Arousa. En 1946, Alfonso Ozores Saavedra, señor de Rubiáns e marqués de Aranda, co asesoramento do catedrático de Bioloxía da Universidade de Santiago Luis Iglesias, fondea no porto de Vilagarcía o primeiro prototipo de batea, consistente nun entramado de madeira dotado dun único flotador en forma de cubo feito de madeira de onde se colgaban uns poucos metros de corda de esparto cru. O éxito foi tal que en poucos anos se instalaron bateas no resto das rías ata completar as máis de 3.300 bateas que na actualidade sitúan a Galicia como primeiro produtor europeo de mexillón.

A aparición das bateasMexillón de Galicia

Sen dúbida o maior éxito tecnolóxico no cultivo do mexillón foi o desenvolvemento do sistema de bateas. Inicialmente aproveitando como frotadores os cascos dos barcos e pouco a pouco cambiando o deseño ata a típica batea actual.

O sistema de cultivo en batea ademais de ser un símbolo de Galicia e das nosas rías, é admirado no mundo porque está perfectamente adaptado as nosas rías e permite obter rendementos produtivos por hectárea de mar e ano que non teñen réplica en ningunha outra parte do mundo. Mediante este sistema tradicional os produtores galegos son capaces de aproveitar do xeito mais efectivo, dende o punto de vista socioeconómico e ambiental, as capacidades produtivas naturais das nosas riquísimas augas, colleitando anualmente en torno aos 250.000.000 kg.

Fases de cultivo do mexillón

O noso cultivo é unha actividade totalmente natural, na que o mexillón se alimenta en exclusiva das microalgas e material nutritivo que hai na auga. Aínda que a batea é a estrutura onde se cría o mexillón, todos os traballos se realizan no característico barco mexilloeiro que ten unha ampla cuberta e conta cunha típica grúa instalada na popa.

O proceso de cultivo se inicia nos meses de decembro a abril cando os bateeiros se dirixen as rochas máis batidas do litoral a apañar a cría. Pequenos mexillóns de apenas un ou dous centímetros cos que confeccionan as “cordas de mexilla”. A recolección de cría tamén se realiza nos meses de marzo a xuño mediante cordas colectoras que están deseñadas para facilitar a fixación das larvas de mexillón.

O encordado da mexilla consiste en envolver manualmente as piñas de cría sobre as cordas coa axuda dunha fina rede biodegradable, que mantén o mexillón na corda o tempo suficiente para que bote o biso que o fixa á corda. As cordas de mexilla permanecen na batea uns 4 ou 6 meses. Durante este tempo o mexillón come e crece ata acadar os 4,5-5,5 cm. Nese momento faise necesario desdobrar as cordas, isto é, elaborar novas cordas de menor densidade para facilitar o crecemento do mexillón e evitar que se produzan desprendementos. Co mexillón dunha corda de mexilla se fan entre dúas ou tres “cordas de desdobre”. Como este mexillón de desdobre é mais robusto que a mexilla, o proceso de encordado esta vez faise coa axuda dunhas máquinas especiais fabricadas en Galicia chamadas encordadoras.

As cordas de desdobre pasan no mar aproximadamente un ano, tempo suficiente para que o mexillón alcance a talla comercial. Momento no que coa axuda da grúa os bateeiros izan o mexillón ao barco. Xa en cuberta, o mexillón destinado ao mercado de fresco se limpa con auga de mar, se clasifica e embolsa en sacos listo para o seu traslado as depuradoras e centros expendedores. O mexillón destinado ao mercado de elaborados e conservas se subministra a granel ás empresas.

Batea de mexillón en Vilanova de Arousa

 O mellor mexillón do mundo

A especie producida Mytilusgalloprovincialis, que é propia das nosas costas, xunto a nosa forma de producir que salvagarda a nosa identidade e tradición, e o entorno onde producimos, recoñecido como un dos mares máis ricos do mundo, debuxan un alimento único cunhas características organolépticas que o singularizan. A súa intensa e atractiva cor, o seu inconfundible olor, o seu saboroso sabor a mar, a firmeza da súa carne...diferencian ao Mexillón de Galicia dos demais e o fan un alimento irrepetible.

Grazas a todo elo, o Mexillón de Galicia foi o primeiro produto do mar en ser recoñecido pola Unión Europea co distintivo da Denominación de Orixe Protexida, selo que identifica aos alimentos de calidade asociada á orixe.

O futuro do mexil´ón en Galicia é prometedor porque temos o mellor produto, cultivado nun entorno privilexiado. O noso obxectivo é manter e mellorar a contribución positiva que as actividades vinculadas ao Mexillón de Galicia representan para o benestar socioeconómico e ambiental de Galicia, distribuíndo riqueza, xerando emprego con forte arraigo territorial, desenvolvendo un papel positivo no medio ambiente e subministrando un alimento único, natural e de calidade.


Anunciantes en el número actual la revista eSmás:


Scroll to Top