Logo de la empresa

San Cibrán de Sobradelo, sanador de osos

Redacción revista eSmás | revista eSmás Vilagarcía Nº40 Primavera 2023

En Vilagarcía atópase a capela de San Cibrán, avogado do reuma con fama de milagreiro e con festa na súa honra.
San Cibrán de Sobradelo, sanador de osos

 

Na parroquia de Sobradelo, no concello de Vilagarcía atópase a capela de San Cibrán, avogado do reuma con fama de milagreiro e con festa na súa honra, que ademais de recuperarse como romaría tradicional rural, nos últimos anos tivo outro aliciente: a restauración da imaxe do santo, que se atopaba bastante deteriorada. Hai case un quinquenio que o donativo dun particular permitiu mellorar o seu aspecto e que luza como merece.

O santo ten a súa festa a principios de xuño e ata a capela achéganse centos de devotos de toda a comarca en busca da sanación dos seus males de ósos. A actividade no pequeno templo comeza cedo, ao redor das oito e media da mañá, coa apertura de portas e a colocación de postos na contorna, onde non faltan churros e rosquiñas, como en toda romaría popular. As misas realízanse ao longo de todo o día, tanto matutinas como vespertinas, e é sempre nas de tarde –coincidindo co fin da xornada laboral para moitos fieis– cando a afluencia é maior. Sobre as 20 ou 20.30 ten lugar a misa cantada para, a continuación, realizar a procesión. Tampouco falta a verbena e o baile para amenizar a xornada.

Porque como en toda festa rural galega que se prece, non falta a versión devocional –a dos actos litúrxicos e a fe no santo- coas actuacións musicais que poñen ritmo ao día. A tradición marca que hai que ir ata o altar e alí o sancristán, cun pequeno San Cibrán de madeira, toca aos devotos na cabeza, peito, brazos e xeonllos, á vez que recita a seguinte oración:

Santo San Cibrán
que nos dea sanidá
que nos cure a enfermedá
pola virtú que ten
o santo avogado
na vida e na morte.
Amén.

A lenda conta tamén que San Cibrán andou predicando pola Illa, por Vilanova e arredores. Pasaron os anos e, xa ancián, as dores apenas lle permitían camiñar. Decidiu entón facer a peregrinación a Compostela para pedir ao Apóstolo remedio ás súas doenzas. Ao pasar por Sobradelo deitouse baixo un carballo para descansar. Entón rogoulle á Virxe: Nosa Señora, líbrame desta angustia! Ao pouco intre María aparecéuselle e díxolle: Vai tranquilo, San Cibrán, que quedas dá miña man! O santo sanou ao momento e, en agradecemento ante tal milagre, erixiu no sitio unha capela cunha imaxe da Virxe colocada na fachada. A historia remata contando que, ao morrer San Cibrán, tallouse unha figura do santo home coa madeira do carballo no que descansara, a mesma que se venera na capela e á que acoden os devotos en busca de remedio para as súas doenzas. Por iso considéraselle avogado do reuma e de calquera mal de ósos.


Anunciantes en el número actual la revista eSmás:


Scroll to Top