Logo de la empresa

A XLVI Festa do Viño Tinto do Salnés"

Redacción revista eSmás | Revista eSmás edición O Salnes Nº 4

A pesares de que o viño que se exalta nesta festa aínda non está acollido en ningunha das Denominacións de Orixe de Galicia,
A XLVI Festa do Viño Tinto do Salnés

"no final da primavera...

A pesares de que o viño que se exalta nesta festa aínda non está acollido en ningunha das Denominacións de Orixe de Galicia, de sobra é coñecido, e non só na súa zona. Referímonos á Festa do Viño Tinto do Salnés e Exaltación das Variedades Autóctonas, celebrada en Ribadumia, que cumprirá a primeira fin de semana de xuño a súa 46ª edición, sendo só superada en lonxevidade pola Feira do Viño do Ribeiro (Ribadavia), que se celebrará a finais de abril a súa 56ª edición, e a Festa do Albariño (Cambados), que alcanzará este año a súa 66ª edición.

Os Inicios

Para coñecer os inicios desta Festa do Viño Tinto do Salnés, hai que botar a vista atrás, concretamente ata o 1 de novembro do 1967 cando, sendo José Alfonsín Cancela alcalde do Concello de Ribadumia, se celebrou na Casa Consistorial unha xuntanza dos colleiteiros de viño tinto de todas as parroquias do municipio que tiña como obxectivo organizar a 1ª Festa do Viño Tinto.
Nesta festa quíxose incluir un concurso con premios aos que poderían optar os colleiteiros do Val do Salnés.

Nesta xuntanza acordouse celebrar a primeira edición da festa en xaneiro do 1968 pero a casi inexistente colleita do 1967 fixo imposible que se celebrase. A idea desta festa continúou crecendo con ilusión e foi no 1973, o 7 de xuño, cando naceu a primeira edición da Festa do Tinto do Salnés e Exaltación das Variedades Autóctonas, que se celebrou de xeito ininterrompido dende entón e ata os nosos días.

Que caracteriza o viño tinto?

Dende o Concello de Ribadumia detallan que “o viño tinto do Salnés ten moi boa aceptación pero as variedades autóctonas tamén son moi ben acollidas por todo o público en xeral. Son estas variedades da nosa terra que, non sendo de colleiteiros con grandes extensións de terreo, sí son de grande calidade e percibimos que cada vez máis se incrementa a demanda e entusiasmo por eles. En canto ao viño tinto, caracterízase por tres cuestións moi importantes: a intensidade colorante, que sexa un viño sabroso en boca e que destaque no lagrimeo. Isto diferénciase coas variedades autóctonas, que son viños con moito carácter pero en boca teñen unha textura suave, cun punto de acidez”.

Que facer na Festa do Viño Tinto?

Para aqueles que non visitaron Barrantes e non coñecen estas datas festivas, deben saber que esta festa é un tributo ao viño tinto e ás variedades autóctonas que teñen un profundo arraigo no Salnés e nas súas familias, tanto pola tradición da uva como pola elaboración familiar.

Pero… Que é un viño sen un bo prato ao seu carón? E isto téñeno claro en Barrantes, xa que non falta o tributo tamén á gastronomía galega en xeral, e ao pulpo e empanada en particular.

Nos tres días de celebración celébranse actividades que xa son tradición: pregón, música, exhibicións de baile, deportes, xantar de confraternidade, nomeamento dos valedores e o concurso de viño tinto e variedades autóctonas coa última cata e entrega de premios.

Dende o Concello explican que as actividades están pensadas para chegar a todos os públicos, dende nenos a maiores. No apartado gastronómico destacan os showcooking que se celebran na carpa central, pensados para un público adulto. En toda boa festa non pode faltar a música que faga mover a todos os asistentes, por iso se conta con animación musical durante os tres días de festa, con estilos para todos os gustos: orquestras, bandas de música, charangas, gaiteiros, grupos locais de rock, etc.

Tradicións

O segundo día de festas, o sábado, é a xornada grande. Todo comeza co tradicional desfile ata a Carballeira, onde se celebra o momento máis agardado polos colleiteiros: a cata final. e a investidura dos novos Valedores e a lectura do pregón. Na pasada edición foi a actriz Isabel Risco a encargada de facer a lectura do pregón.

A continuación, pásase á comida de confraternidade, celebrada todos os anos no pavillón de Barrantes á que acuden centenares de persoas, sendo os primeiros en coñecer os nomes dos colleiteiros gañadores do certame, tanto de viño tinto como variedades autóctonas.


 

En canto aos máis pequenos, poden entreterse con xogos tradicionais, a festa da escuma, gozando coas exhibicións deportivas (patinaxe, zumba…) e co broche final o luns, celebrando o Dia do Neno, con atraccións durante toda a tarde.

Pasado e presente da comisión

Non se pode falar da Festa do Tinto do Salnés sen mencionar a figura de Manuel Abuín “Piris”. Ata o 2016, e con 30 anos de experiencia e sabiduría, a comisión organizadora da festa estivo presidida por Manuel e foi en maio cando se produciu o relevo, facéndose cargo o Concello de Ribadumia, apostando por un novo grupo promotor sen presidencia e coordinado pola concelleira da área de Participación e orientación veciñal, eventos e Protección Civil, Mar Moimenta.

Dende o Concello de Ribadumia destacan a labor que a anterior comisión realizou para que esta festa poida chegar neste 2018 á súa 46ª edición e explican que este cambio producido no 2016 “os membros, xa veteranos, víanse maiores para seguir coa densa labor de organizar as festas e plantexouse esa transición hacia unha nova comisión que siga traballando por manter e mellorar dentro do posible esta cita anual”.

Asimesmo, mostran o seu agradecemento “a todas as persoas que fixeron posible esta Festa do Viño Tinto, pois sen eles non chegaríamos a onde está situada esta festa hoxe en día. Piris sempre foi unha persoa que liderou a comisión organizadora, un dos precursores, e unha persoa grazas á cal a festa se mantén viva”.

Dende o Concello confirman que tanto Piris coma os membros da antiga comisión non están na actual organización, pero seguen participando na festa e tamén nas catas (parte fundamental nesta festa) e a nova comisión organizadora e o propio Concello, continúan facéndolle alguna consulta para “coñecer o seu parecer, pois entendemos que a súa experiencia é un grado”.

As cifras falan

O que non se pode negar é que esta festa continúa crecendo edición tras edición e, segundo os datos facilitados polo Concello, esta Festa do Viño Tinto comezou con 11 viños participantes na súa primeira edición, no 1973, alcanzando os 140 viños na edición do 2016; mentras que as ventas ascenderon ata as 9.500 botellas na pasada edición.

O incremento de visitantes nestas datas é destacable e dende o Concello apréciano non só polas vendas, senón “pola necesidade de adaptar máis zonas de aparcamento e as numerosas imaxes de coches que invaden o centro de Barrantes nos seus accesos”.

O Concello de Ribadumia valora positivamente este crecemento: “É moi importante para nós porque é unha festa que atrae a moitos visitantes, facendo que o noso concello se beneficie económicamente, e porque así cada vez máis persoas coñecen o noso municipio como destino turístico con, por exemplo, visitas á Ruta da Pedra e da Auga ou o paseo fluvial polas marxes do río Umia, sendo así novos prescriptores de Ribadumia e das nosas riquezas paisaxísticas”.

 

Anunciantes en el número actual la revista eSmás:


Scroll to Top