Logo de la empresa

As mulleres de Santiago no s.XV

Redacción revista eSmás | revista eSmás Santiago Nº 2

A historia de Santiago de Compostela cóntase habitualmente desde o punto de vista dos seus arcebispos, cóengos, cabaleiros e burgueses.
As mulleres de Santiago no s.XV
A historia de Santiago de Compostela cóntase habitualmente desde o punto de vista dos seus arcebispos, cóengos, cabaleiros e burgueses. É dicir, nárrase desde a perspectiva dos homes que, ao longo dos séculos, residiron na cidade, exerceron nela o seu poder, desempeñaron diversos oficios ou promoveron a construción dos monumentos que actualmente engalanan as súas rúas. Porén, nese relato do pasado bótase moitas veces en falta apresenza das mulleres.

¿Cales foron os seus nomes e qué papel tiveron as compostelás na historia da cidade? Hoxe en día imos coñecendo parte das súas actuacións e realidades cotiás.
Sabemos que, ao longo da historia, as mulleres compostelás traballaron arreo nas diferentes acividades económicas da cidade -incluso houbo unha ciruxá alá polo século XV-, que unhas casaron e loitaron activamente polo benestar da súa familia, mentres outras ingresaron en conventos e mosteiros; que participaron nas festas e celebracións da sociedade santiaguesa e que formaron parte da realidade espiritual e cultural da cidade. Incluso sabemos que algunhas só estiveron de paso por Compostela tras emprender o camiño da peregrinación, pois non só foron peregrinos os homes. Nesta ocasión, imos viaxar uns cantos séculos atrás para falar de dúas mulleres de finais da Idade Media: dona Xoana de Castro e dona Catalina de Fonseca. Dúas mulleres que se debían coñecer ben, pois ambas formaban parte das elites de Santiago a mediados do século XV, pero que, polas circunstancias do momento, acabaron sendo inimigas. Ambas son un bo exemplo da participación das mulleres na historia de Santiago e, concretramente, de como as mulleres non foron alleas á conflitividade urbana senón que, pola contra, participaron activamente nela e, por suposto, non só como vítimas. De feito, dona Xoana e dona Catalina tiveron un papel moi importante nos dous bandos que, por quel tempo, estaban inmersos nunha auténtica loita polo poder.

Coñecidas e inimigas dúas mulleres con poder e resolución na Compostela medieval

Ao longo da súa historia, a cidade de Santiago de Compostela converteuse en diversas ocasions no escenario dos enfrontamentos que xurdiron entre o señor da cidade, é dicir o arcebispo, e os propios composteláns. Don Diego Xelmírez, don Berenguel de Landoira, don Rodrigo de Luna, don Alonso II Fonseca... todos eles viviron momentos de tensión ante as revoltas que levaron a cabo os composteláns e compostelás ao longo da Idade Media. Non obstante, centrarémonos nos tempos destes dous útimos arcebispos, os tempos nas que viviron dona Xoana de Castro e dona Catalina de Fonseca.

Dona Xoana de Castro era unha muller nobre, ben situada social e economicamente tanto por orixe como polo seu casamento con Rodrigo de Moscoso, membro da liñaxe máis importante da contorna compostelá. Falecido o seu marido, que ademais de estar ao fronte da Casa de Altamira era o pertegueiro maior da Terra de Santiago, a viúva comezou a ter unha presenza pública notable. Como nai e titora do seu fillo Bernal Eáns de Moscoso, dona Xoana pasou a controlar gran parte do patrimonio familiar. De feito, non era estraño que nesa época a viuvez fora unha especie de idade dourada para as mulleres nobres, xa que, nese estado, podían gozar de marxes de liberdade máis amplas e, en definitiva, dun papel máis activo nos espazos públicos ao xestionar os seus bens e loitar polos intereses socioeconómicos das súas familias e, particularmente, dous seus fillos.

Pois ben, en 1458 documéntase a dona Xoana facendo un preito homenaxe en mans do alcalde Gregorio López, xunto ao seu fillo Bernal Eáns e un grupo de nobres e dirixentes do concello de Santiago e das vilas de Noia e Muros. Todos eles comprometíanse a cumprir os acordos aos que chegaran co obxectivo de defender as liberdades públicas que consideraban que non eran cumpridas e respectadas por parte do señor da cidade e da Terra de Santiago. De feito, ao arcebispo don Rodrigo de Luna fóralle prohibida a entrada á cidade nun clima de crecente hostilidade cara el. Dona Xoana non só estaba presente nesa xuntanza masculina, senón que a súa voz uniuse á dos homes que a acompañaban en pé de igualdade: "juntos en un ser y querer". Incluso, un ano máis tarde, cando as partes enfrontadas chegaron a un pacto para poder fin ás disputas, dona Xoana xurou ante o altar do Apóstolo gardar e cumprir o acordado entre os representantes do arcebispo don Rodrigo de Luna e os sublevados. Vemos, pois, como esta muller compartía dalgún modo co seu fillo Bernal a representación da liñaxe dos Moscoso e, como tal, foi copartícipe nas actuacións que este levou a cabo en canto líder do bando contrario ao arcebispo, servindo ás veces de mediadora entre as partes enfrontadas.
Lonxe estivo de ser unha viúva retirada do mundo. Pola contra, a documentación reflicte o seu papel activo na Compostela do momento e tamén na xestión, acrecentamento e defensa do seu propio patrimonio e daquel que os Moscoso posuían na Terra de Santiago. En 1466, no marco das loitas que tiveron lugar en Compostela contro outro arcebispo, don Alonso de Fonseca II, atopamos de novo a dona Xoana de Castro xunto a Bernal Eáns, nesa ocasión, cercando a catedral para conseguir a liberación dos cóengos que foran feitos prisioneiros polo bando fonseano.
Foi entón cando dona Xoana viu morrer ao seu fillo, que recibiu na gorxa e no hombreiro o disparo dunha bésta.

É precisamente nese momento no que descubrimos o importante papel desempeñado por outra muller da elite compostelá nesas loitas de bandos. Trátase de dona Catalina de Fonseca, nai do propio arcebispo Alonso de Fonseca II, que, xunto a outros familiares, acompañara ao seu fillo na viaxe cara as terras galegas, asentándose na cidade. Boa mostra da resolución coa que dona Catalina afrontaba as situacións dificiles e non se limitaba a esperar a que outros actuaran por ela e os seus é que, en 1466, ordenou que foran tomadas do Tesouro da Catedral algunhas alfaias e moedas vellas por valor de dous mil catrocentros reais. O seu obxectivo era pagar o rescate de liberación do seu fillo, o arcebispo Fonseca, que fora feito prisioneiro polo fillo de Xoana de Castro uns meses antes. Incluso, ante a división en bandos do propio cabido, foron presos algúns eclesiásticos "por mandado de " dona Catalina e os seus, levándos para "a cima de iglesia onde estiveron por espacio de cinco meses". En definitiva, vemos a unha muller resolutiva que chegou a poñere ao mando da resistencia da facción arcebispal dentro da catedral, xunto ao seu fillo Luis de Acevedo e un pequeno número de clérigos e homes de armas, cando se produciu o asedio liderado por Bernal Eáns de Moscoso.
Entre as razóns que deu para xustificar o seu papel destacaban o desexo de proceder a unha xusta defensa da igrexa de Santiago, que consideraba ser vitima dos ataques dos señores, e do seu fillo, que permanecía prisioneiro.
Sobre estes feitos non só nos informan os documentos medievais galegos senón tamén o relato sobre a viaxe que realizou pola Península Ibérica o nobre bohemio León de Rasmithal entre 1465 e 1467. No mesmo nárrase o encontro entre os viaxeiros, que desexaban visitar a tumba do Apóstolo, e Bernal Eáns de Moscoso, quen se refire a dona Catalina con dureza: "no templo está unha muller malvada, nai do Arcebispo, moi diferente del, a cal non ten consigo a ningún home honrado, nin coidadoso da súa fama, polo que lle aconsello que non entres". Bernal atacaba a dona Catalina ante as acusacións que esta lle dirixia por terse revelado contra o seu señor, o arcebispo, ademais de terlle tomado moitos castelos e ter ocupado a cidade. Finalmente e a pesar da negativa inicial por parte dos asediados, pois un membro do séquito do nobre bohemio tratara de axudar a Bernal Eáns cando fora ferido, Rosmithal e os seus chegaron a entrar na catedral, onde unha alta e seca dona Catalina advertiulles que caeran en pena de excomuñón pois "os que falan con eses homes, comen e beben con eles, son reos do mesmo delito que os que os axudan; porque o seu delito é público".
Aínda así, finalmente puideron visitar a xoia compostelá antes de abandonar a cidade. 

Tamén as mulleres do común tieron un papel fundamental na historia da cidade"

Como vemos, estas dúas mulleres de mediados do século XV, que, sen dúbida, eran coñecidas pero tamén inimigas, constitúen unha boa mostra da participación das mulleres nas loitas e acontecementos que tiveron lugar na historia de Santiago. Non foron as únicas, por suposto pero está claro que, más alá dos arcebispos e dos cabaleiros, houbo mulleres moi próximas a eles que mostraron unha gran capacidade de resolución en momentos de dificultades e  que, na medida do posible, non dubidaron en exercer o poder e a autoridade.
Tamén as mulleres do común tiveron un papel fundamental na historia da cidade, mais, polo momento, esa xa é outra historia.



 

Anunciantes en el número actual la revista eSmás:


Scroll to Top