Logo de la empresa

C.F. Veterano Atlético Atómico Noalla

Redacción revista eSmás | revista eSmás O Salnés 37 Verano 2026

O Atlético Atómico de Noalla fórmase no ano 2017 por iniciativa de cinco amigos de A Revolta.
C.F. Veterano Atlético Atómico Noalla

Falamos cos responsables deste equipo de fútbol afeccionado de Noalla, formado por un grupo de amigos que levan anos compartindo deporte, amizade e moito bo ambiente tanto dentro como fóra do campo.
 

Como e cando se fundou o club?

O Atlético Atómico de Noalla fórmase no ano 2017 por iniciativa de cinco amigos de A Revolta. A idea xorde como unha forma de recuperar o espírito da época de categorías inferiores do Noalla, cando xogaban xuntos, e de volver xuntar a aqueles compañeiros para retomar a afección polo fútbol.

O nome do equipo nace tamén cunha intención emocional e de recordo, xa que é unha homenaxe a un equipo amateur dos anos 70 formado pola xuventude do lugar de A Revolta, mantendo así viva unha parte da memoria deportiva da zona.
 

Cal é a traxectoria do club ata hoxe?

O equipo comeza a súa andaina na terceira categoría, vivindo unha evolución deportiva moi marcada polos cambios de categoría. Durante a pandemia, o grupo estaba preto de ascender a segunda división, pero a situación freou esa progresión. Posteriormente, o equipo consegue o ascenso a segunda e, sen buscalo inicialmente, chega a competir na primeira categoría de veteranos. Co paso do tempo, a dinámica deportiva vai variando e o equipo volve descender progresivamente ata a actualidade, na que se atopa novamente en terceira categoría. A pesar destes cambios, a experiencia acumulada ao longo dos anos reforzou a identidade do grupo e a súa maneira de entender o fútbol.
 

Cómo é a situación actual do club?

Tras unha tempada complicada, o equipo está valorando como afrontar a seguinte etapa. A idea principal é manter o bloque de xogadores actuais e realizar algunha incorporación puntual que axude a mellorar o rendemento deportivo, sen perder a esencia do grupo. Por riba de todo, priorízase o bo ambiente entre os membros da plantilla, que segue sendo un dos piares fundamentais do proxecto.
 

Cales son os obxectivos do club de cara ao futuro?

O obxectivo principal do Atlético Atómico de Noalla é seguir xuntándose para disfrutar do fútbol. A competición é importante, pero sempre queda en segundo plano fronte ao compañeirismo e ao bo ambiente. O equipo está formado en gran parte por amigos de toda a vida de Noalla, e mesmo o adestrador actual é o mesmo que xa compartían na súa etapa de cadetes e xuvenís na SD Noalla, o que reforza aínda máis o vínculo persoal que mantén unido ao grupo.

 

   

 

 

 

 

 


Anunciantes en el número actual la revista eSmás:


Scroll to Top