Logo de la empresa

Creación administrativa del Concello de Vilanova

Redacción revista eSmás | Revista eSmás edición O Salnes Nº 4

A organización administrativa do Antigo Réxime previa á Constitución de Cádiz de 1812,
Creación administrativa del Concello de Vilanova

A organización administrativa do Antigo Réxime previa á Constitución de Cádiz de 1812, presentaba unha gran diversidade segundo fosen os propietarios das terras en cuestión. Así, podíamos ter propiedades do rei, dos señores eclesiásticos e civís, das igrexas ou mosteiros ou dos propios veciños. A orixe destes coutos e xurisdicións remóntase á Idade Media segundo López Ferreiro que apunta que os coutos das igrexas e mosteiros formaban un termo pechado, arredor dunha igrexa ou convento e os seus moradores eran considerados vasalos das devanditas institucións que os rexían e administraban por medio dun xuíz ou mordomo, designado polo superior da comunidade.
Respecto da xurisdición señorial temos que eran territorios que os mesmos adquirían, xa por herdanza, doazón, compra ou contrato e administraban con autoridade propia nomeando a xuíces, mordomos e escribáns.

Este será o panorama tan disgregado que se atope Floridablanca no século XVIII cando elabore a división administrativa preliberal na que Galicia queda desta forma: unha Provincia-Reino como circunscrición político administrativa de primeiro grao, sete provincias, como ámbitos territoriais de representación que abranguen a sete principais cidades galegas e unha subdivisión provincial en xurisdicións e coutos, compostos á súa vez por entidades máis pequenas, as parroquias.

Neste caso, Vilanova aparece xa como xurisdición propia segregada da antiga da Lanzada. Nela intégranse a parroquia de Godos, de señorío real, Paradela, Briallos e Bamio, de señorío de abadengo y xurisdición ordinaria do arcebispo de Santiago, Lois, de señoríos de abadengo e secular e xurisdición ordinaria nas mans do arcebispo de Santiago e de Antonio Troncoso, A Illa de señorío eclesiástico e xurisdición ordinaria polo mosteiro de San Martiño Pinario e a Orde de San Bieito, San Tomé do Mar faise cargo de Deiro, de señorío secular e xurisdición ordinaria nas mans do Marqués de Monte Sacro, e, finalmente, as parroquias de András, Baión, Caleiro, Tremoedo e Vilanova con señorío de abadengo e xurisdición ordinaria polo arcebispo de Santiago.

As cousas van volver a cambiar cando se elabore o Catastro de Ensenada aló polo 1750, datas que marcan o xerme do nacemento do que poderíamos chamar concellos. Así, se ben é certo que os xuíces ordinarios seguen a ser nomeados polos señores hai casos nos que o común dos veciños fai o propio cos procuradores, rexedores, concelleiros e mordomos, xuíces ou rexedores pedáneos das parroquias.
Con todo as cousa quedan como segue: A Illa ten un alcalde-xuiz do couto con atribucións plenas dun correxidor en materia de xustiza e goberno e Vilanova convértese en xurisdición, dividida en catorce parroquias baixo a tutela do señorío do arcebispo de Santiago quen nomea xuíces ordinarios, escribáns e rexedores. O procurador xeral era nomeado polos veciños das parroquias que tamén tiñan mordomos pedáneos.

A NOVA PLANTA ADMINISTRATIVA DE 1833.

Á morte de Fernando VII no 1833 sucédeo a súa muller María Cristina en tanto que a súa filla Isabel non cumpría a maioría de idade para gobernar. Isto fixo que os partidarios de Carlos, irmán do Rei, fosen apartados dos órganos de poder véndose substituídos polos liberais retornados do exilio. María Cristina abraza a causa liberal porque non lle quedan bazas  no absolutismo máis rancio e comeza unha serie de reformas en tódolos ámbitos do estado. Unha delas ten moito que ver co que estamos a desenvolver e trátase do establecemento dunha nova división provincial levada a cabo por Javier de Brugos, ministro de Fomento, que aínda hoxe segue vixente.

 

Nela, España dividíase en 49 provincias (as mesma que na actualidade agás Canarias que constituía un so ente) buscando unha maior racionalización administrativa pero tamén unha maior centralización e control territorial. Á fronte de cada provincia, como xefe da administración, instaurouse o cargo de Xefe Provincial, antecedente do Gobernador Civil finiquitado co franquismo.
Neste modelo administrativo, tan rixidamente centralizado e xerarquizado a elección dos alcaldes dependía das autoridades centrais que poñían nas mans dos gobernadores civís as tarefas de control e supervisión política dos anteriores.

A instauración do concello de Vilanova arrinca no 1835 cando se crea a comisión do partido xudicial de Cambados, todo dentro do contexto da nova planta administrativa liberal, trala norte no 1833 de Fernando VII. O certo é que a posta en marcha tivo moitos atrancos que houbo que solventar e non sempre contou co número de parroquias que hoxe ten.

Así, entre 1836-37 a mentada Comisión do Partido Xudicial de Cambados, encargada de elaborar o proxecto de creación dos novos concellos no Salnés, que viña a substituír a antiga xurisdición da Lanzada, deixa nun principio sen concello a Vilanova para quen se outorga un mordomo pedáneo como rexedor. No 1836 rectifícase a decisión e se concede a creación de concello propio atendendo a centralidade que ocupa no val do Salnés, á importancia económica no mesmo e, polo que parece, ó papel que xogou o seu corpo de Milicia Nacional no levantamento de Riego contra Fernando VII no 1820. Con todo, intégranse nel cinco parroquias (András, Caleiro, Illa de Arousa, Tremoedo e Vilanova. Deiro quedaba integrada en Cambados e Baión en Vilagarcía) e non as seis actuais e se denega a pretensión da Illa de ter concello propio pasando a pertencer como parroquia a Vilanova.

As razóns desta decisión tiñan que ver con que contaba con 177 veciños e non acadaba os 200 necesarios para constituír entidade propia. Amén disto, todo parece indicar que había moitos perxuizos cos isleños xa que, se ben se indicaba a súa insularidade, o que debería servir para ter concello propio segundo as alegacións dos propios veciños, ó mesmo tempo facíase fincapé en que a súa poboación estaba composta “casi de marineros y de vecinos poco instruídos para entenderse en negocios de municipalidad, además de no tener el número de doscientos vecinos que exige la ley fundamental para iguales corporaciones”.

 

Anunciantes en el número actual la revista eSmás:


Scroll to Top