Logo de la empresa

Cuento -Cachamuíña-

C.Calle |

Especial cuento para niños
Cuento -Cachamuíña-

Vouche contar un segredo, pero non llo contes a ninguén eh! Eu cando era cativo, coma ti hoxe, fun rei.
- Ti que ías ser rei!
- Fun! Fun e logo!
Tíñao todo para ser rei. O máis esencial e imprescindible para ser rei é ter, canto menos, un castelo e moitas terras. E eu tíñaas. Respiraba a liberdade da aldea e o corpo inundábaseme dun nonseiqué que me arrepiaba o peito. Coñecía tódolos recunchos e camiños, os lugares máis fermosos e máxicos, podería até debuxar con exactitude a inmensidade das miñas posesións:
O castelo era a casa da avoa Pura, situada nun punto estratéxico do lugar. dende onde divisar e vixiar todas as terras de El rei. Os plebeos, que non sabía ben o que era quilo, eran veciños e amigo da aldea; aínda que entre amigos non existían estamentos nin categorías. Eramos todo iguais, agás Brais claro el non podía ser rei porque so viña no verán, nas vacacións pero posuía un status superior ao dos demais nenos: a piscina, un tesouro que compartía connosco.
Alí, na piscina, nos reuníamos á raiola do sol do verán, trala sesta. A sesta era un dos peores momentos no reino, xa que supuña aburrimento, cansanzo, preguiza e uns nervios incontrolables de ir á piscina do Brais. Non me chegaba a hora de asistir ao encontro dos plebeos amigos.
Mais foi unha sesta daquelas, longa e interminable na que fun nomeado rei. Unha cerimonia digna para tal ocasión, na que me coroei como Rei de Cachamuíña, Terras de Lamela e Pereira de Aguiar Máis que coroarme, coroeime. No patín de saúdo do meu castelo, ao pé das miñas terras e rodeado dos meus vasalos e plebeos que berraban meu nome xa sen folgos. Foi entón cando sentín a coroa de ouro vello sobre min, rozándome a fronte e pesándome na testa coma quen carga co poder e a responsabilidade toda dun rei mesmo.
Aquela coroa non chegou para sentir o poder que se me outorga e un manto de veludo encarnado arroupou os meus ombreiros queimados do sol do verán, dándome un calor que non era nada en comparación co calor que me proporcionaban os meus fieis. En verdade, agora si era un rei.
A miña fiel vasala e amiga Dona Pura, avoa e criada, ama de chaves e conselleira de Cachamuíña, Terras de Lamela e Pereira de Aguiar; sempre me tratara con respecto que se merecía un rei, pero agora, xa coroado e recoñecido polos fieis, nos ollos da avoa só podía ver orgullo e admiración. Seu neto preferido Rei de Cachamuíña, Terras de Lamela e Pereira de Aguiar, aquilo xa era o máis do máis!
A hora da sesta pasárase moi rápido, unha cerimonia de coroamento faille a sesta rápida a calquera e, entre aplausos, maxestuosos saúdos e discursos de agradecemento, xa deran máis das catro e había que ir á piscina do Brais.
Correndo, ao patio, coller o bañador que deixara a avoa Pura no tendal ao vir da piscina o día anterior. De volta polas escaleiras para arriba, xa tirara coa alfombra-capa do veludo de rei e, ás carreiras polo corredor, coller a toalla ao dormitorio; e xa estaba preparado para ir á piscina de Brais.
Fun correndo ao comedor onde estaba a avoa a ganchillar.
- Adeus avoa! - mentres lle daba un bico na meixela e me miraba no espello do chineiro - Aih!
Que non quitei a coroa de rei!
Menos mal que me dei de conta senón, que ridículo faría diante dos meus amigos, en bañador, chancletas, toalla ao ombro e un trespés na cabeza coma quen leva unha coroa... Tirei da coroa pero aquelo non saía. Volvín tirar con máis forza e aquelo non saía, un último esforzo e aquelo seguía sen saír.
- Avoaaaaaaa! Non podo sacar a coroa!
- Claro, os reis se quitan a coroa deixan de ser reis.
- Non avoa, non, que non a podo quitar da cabeza, non dou!
- A ver oh! Ven aquí que cha quito eu.
A avoa Pura tirou e a coroa non saía e non saía e nos saía.
- Espera aí ho! Que vou por un pouco de unto a ver se sae!
A avoa untoume toda a cabeza con aquela graxa de porco e empezou a tirar e tirar de novo.
Aquela imaxe era moi pouco digna de un rei dende logo. Tantas ansias por ser rei e agora vou ser un rei para sempre, pensaba.
- Aih! Meu rei, pois isto non sae!
- Eu non son un rei
- Imos ter que ir xunto o Miguel da Elvira que é albanel, moi mañoso e moi forte a ve se el é quen de quitarche isto da cabeza! Tamén como se che ocorre poñer un trespés na cabeza! Ademais está todo sucio, a saber que can ou gato veu mexar aí! Demo de rapaz!
Inevitablemente viñéronseme as bágoas aos ollos, aquelo era máis que patético, a avoa Pura enfadada, eu cunha merda na cabeza mexada a saber por que criatura noxenta e agora, o paseo de vergonza pola aldea ata a casa de Miguel da Elvira, que vivía na outra punta do lugar! Nada podería saír peor. Os rapaces da aldea íanse rir de min e o peor de todo, o Brais non deixaría que me bañara na piscina por facer aquela parvada de ser un rei. Estaba condenado a un dos peores veráns da miña infancia.
- Vamos, imos onda Miguel que ten o coche no camiño, xa veu da obra!
Dame a man.
Polo camiño, ao pé de cada casa á sombra reuníanse as señoras. As vellas a ganchillar e a falar dos demais e as nais a pensar na merenda dos rapaces. Que vergonza.
- Ola Pabliño! Onde vas? Pareces un rei, vas buscar unha princesa? Estás todo guapo de rei!
Aquelo era incrible, as vellas víanme guapo e simpático e non se rían de min.
- Si! Son Rei de Cachamuíña, Terras de Lamela e Pereira de Aguiar! E a avoa Pura e a miña fiel conselleira!
As vellas escachaban a rir e a seguirme o conto. Aquelo non era o paseo da vergonza, era un desfile real co meu pobo aclamándome, era un rei e non había volta que darlle.
Con este ambiente chegamos ao noso destino. A cerimonia de abdicación estaba cada vez máis preto e aquilo ía ser novo, patético ademais de doloroso.
Miguel estás aí? - dixo a avoa Pura mentres entraba no baixo da casa comigo da man.
- Estou, si, pasa Pura, pasa. Ostras Pablo Que coroa! Que es un rei?
- Si, son Rei de Cachamuíña, Terras de Lamela e Pereira de Aguiar! 
- Cala rapaz cala! - dixo a avoa Pura, toda enfadada - Que puxo isto na cabeza e non hai quen llo quite! Voteille unto e nada, non sae.
- Como que non sae? A ver muller que tiro eu xa verás como sae.
O Miguel colleu a coroa por dúas puntas, flexionou os xeonllos, indicoume coa man para que eu me agachara o lombo, e acompañado de un Aaaaaaaaah! Tirou da coroa converténdoa de novo nun trespés, mentres eu choraba e choraba. Aquelo fora moi doloroso e a marca do trespés -coroa duraría na miña fronte o suficiente como para darlle explicacións a todos os amigos na piscina do Brais.
As vellas, de volta para casa ríanse de min porque fora descoroado polo Miguel da Elvira. E eu rascaba a terra do camiño coa parte do trespés que antes fora a coroa do primeiro rei de Cachamuíña, Terras de Lamela e Pereira de Aguiar. Porén, a avoa Pura que sempre me trataba coma un rei, con coroa ou sen ela, coa dozura da súa voz rouca díxome:
- Ao chegar a casa facemos unhas filloas desas que tanto che gustan, meu rei?

FIN

Anunciantes en el número actual la revista eSmás:


Scroll to Top