Logo de la empresa

Entrevista - Lito, director de Panorama

Roi Palmás Cores | revista eSmás Vilagarcía Nº 3

Naceu como todas as orquestas, nun furgón no que iamos músicos e instrumentos, con baca e todo
Entrevista - Lito, director de Panorama



Falar de Panorama é moito máis que falar dun grupo de músicos ou dunha simple orquestra. Bautizada e recoñecida xa como “a mellor de toda Europa”, a banda liderada por Lito pasa por ser un auténtico referente para artistas e público en xeral, que nunca falla cando se trata de presenciar este espectáculo. Responsables do novo estado no que se atopan actualmente as verbenas, teñen como obxectivo ampliar os seus horizontes e amosar alén de Galicia o segredo do seu éxito. O equipo de Panorama ten como principal reto non defraudar as expectativas dos milleiros de seguidores que os apoian e mesmo veneran pero asumen que hai que sorprendelos con novidades continuas á altura das súas esixencias...


Onde nace e como nace o Proxecto “Panorama”?
Comeza cando Espectáculos Lito decide facer unha orquestra propia para pouco a pouco ir conseguindo que se convertera nunha das máis solicitadas de Galicia. Naceu como todas as orquestras, nun furgón Mercedes 406 no que iamos músicos e instrumentos, con baca e todo. Arrancou cun cantante solo, despois fomos dous e máis tarde incorporamos mulleres, porque daquela non había apenas. Era un mundo moi machista.


E por que o nome de “Panorama”?
Pois foi unha idea de Espectáculos Lito. Gustoulle o nome polo programa de televisión “Panorama de Galicia”. Quería un nome sonoro e que se acabara facendo famoso. Que conste que eu estaba daquela noutra orquestra e a min, persoalmente, non me gustaba o nome... non me convencía (isto era un segredo, que non contara nunca... [risos]


Canta xente había en Panorama nos inicios e cantos sodes agora?
Daquela, hai 25 anos, empezou con 9 compoñentes enriba do escenario e 4 máis fóra. Agora somos 15 no escenario e 27 persoas en total traballando


Podemos dicir xa que Panorama reinventou o concepto de “orquestra”?
Si. Nós sempre quixemos facer algo distinto. Non falo de niveis porque bos músicos hainos en moitos sitios, pero si é certo que sempre se reinvertiu o que se gañaba. Iso é fundamental. Desde entón apostouse por darlle maior protagonismo á xuventude, que era o que lle faltaba ás festas porque moitas morrían. Fixo falta unha rexeneración, de festas, de comisións e de espectáculos.
E ese cambio, ese “click”, onde comenzou?
Na provincia da Coruña, sen dúbida. Actuabamos moito por alá e tiñamos un repertorio que funcionaba e cando cambiabamos de provincia tiñamos que cambiar tamén de música, ó mellor máis da metade do concerto. E baixarlle volume. Empezamos a darlle máis marcha no segundo pase para facelo máis xuvenil, porque só quedaban os xoves, e moitas outras orquestras tamén o fixeron.

Cando vos decatades de que hai que mudar hábitos?
Empezaron os cambios no verán de 2002. Aí decidimos incluír un pouquiño de espectáculo e facer cousas diferentes. Ata 2005 iamos facendo que os músicos non fosen só músicos. Non queriamos actuar coma unha orquestra, máis ben facelo coma un grupo. Niso si que nos consideramos dos primeiros en facelo.

Todo o mundo comenta o grande e o espectacular que é o voso escenario... hai cousas parecidas en Galicia ou en España?
En Galicia seguro que non, e en moito outros lugares do mundo tampouco. Cun escenario móbil que se monte e desmonte para cada actuación, somos os únicos. Hai que pensar que existen xiras de cantantes moi importantes pero que son escenarios fixos, para un só concerto, que tardan varios días en montar e desmontar.


Canto se tarda en montar o voso? E sobre todo, cantos tráileres fan falla?
Tárdase arredor de 3 horas. Quizais un pouco máis e imos con 4 tráileres. O escenario, aínda que pareza incrible é só o caixón dun tráiler e volvémonos tolos para que nos entre todo o material. Moitas veces xa é un espectáculo ver manobrar ós tráileres.


Cres que aquí imos de festa dun xeito propio e distinto a outros sitios?
Si, claramente. O que se fai en Galicia a nivel de verbena non se fai en máis sitios. Aquí ven xente do espectáculo e queda asustada. O máximo é Galicia. Despois, Asturias e a parte do Bierzo teñen tamén a cultura das comisións de festas. Fóra de aí, é distinto porque son os Concellos os que se fan cargo ou iniciativa privada.


Sempre se di que a axenda da Panorama ten máis días ca o calendario do ano. É así? Estades tan ocupados como parece?
O certo é que hai datas que se poden contratar incluso dunha semana para outra, pero tamén hai datas que se queres asegurarte, tes que facelo con moita antelación. Hai un tope, porque hai que dar opción a outra xente. En agosto por exemplo están todos os días ocupados, e o do ano que vén, tamén.

Notades que ós vosos concertos ven xente doutras provincias?
Pois si. Sobre todo cando actuamos en sitios onde non é habitual. A Ponferrada por exemplo foi xente de Zamora, Valladolid ou Zaragoza... Hai xente que ven a propósito e outros aproveitan que veñen de vacacións a Galicia e unha das citas é ir ver á Panorama. Aí vívense sensacións diferentes.

E hai estranxeiros entre os vosos fans?
Pois teño que dicir que si. Agora somos xa máis coñecidos. Unha vez viu un inglés que nos vira por Youtube e chegou aquí porque “tiña que ver isto en directo” e quedou asustado. E outra vez, a un australiano díxonos que non lle cabía na cabeza como isto podía ser gratis... Galicia é moi peculiar...


E non vos insisten doutras comunidades fóra de Galicia para que vaiades actuar?
A verdade é que si, pero iso ten que ser algo moi programado porque non é fácil. Ademais teñen que ser varios sitios coordinados, senón non compensa. De todos modos, pode ser que o ano que ven nos lancemos... A orquestra necesita iso para seguir medrando e para tamén darlle un pequeno respiro a Galicia...


Hai risco de que por ser tan habitual a xente deixe de sorprenderse?
Iso pode pasar. Nós cada ano presentamos un espectáculo completamente novo. A nosa xira remata o 31 de decembro e aí morre. E o 15 de marzo saímos con outra completamente distinta. Hai un 10% de temas que hai que manter, pero o 90% restante cámbiase, por moi ben que funcionara... A xente sempre espera cousas novas.. É un risco pero é o que mantén viva á orquestra.


Pero dirixir a Panorama é fácil ou difícil?
Persoalmente penso que é a orquestra máis difícil de levar de todas, en global. Temos a vantaxe de que nos segue moita xente pero se non introduces cambios a xente nótao. É un risco.


E tedes un nutrido club de fans que vos examinan a diario...
[Risos] Son 9.000 fans con carné... Son incribles, a verdade. Nós en determinados sitios ós que imos xa sabemos a quen nos vamos atopar, ata algunhas das caras que están en primeira fila.


E tendes relación directa con eles?
Si, moita, e iso facilita que durante o espectáculo saibas con quen te podes meter ou con quen tes que ter coidado. Axuda moito pero é un desgaste. Non vale repetir aquelo que che funcionou.

Existe medo de “morrer de éxito”?
Iso é precisamente o que eu temo. Hai que cambiar continuamente porque a este nivel, se te dormes, é morte segura. O que se busca é que vaia cantidade de xente e que esa xente quede contenta.


¿E canta afluencia soedes ter?
Pois aínda que é moi difícil de cuantificar, porque soen ser sitios abertos, sabemos que este ano tivemos máis afluencia que nunca. Foi o mellor ano. Pero isto é unha bola que leva un arrastre de anos.


E falando de cifras, lembras dalgunha vez que fora realmente moi pouca xente?
Con Panorama non, pero si que é certo que eu teño quedado solo tocando... [risos] En 2012 e tamén en 2011 pasounos algo parecido na noite de San Xoán, que é unha noite moi peculiar. É unha festa de tradición na que mandan as fogueiras.

E un concerto que lembres por ter unha afluencia tremenda?
O de Riazor. Aquelo foi un escándalo. Houbo unhas 30.000 persoas. Lembro tamén a gala contra o Cancro de Ordes, en 2009, que había 50.000 persoas. Estaba desbordado, non cabían todos... Foi o máximo, e daquela non nos seguía tantísima xente.


E tedes datos globais?
É moi complicado. Facemos 200 galas en 9 meses ó ano e a verdade é que non hai espectáculo en España que leve tanta xente. É imposible. Quedas asustado da diferencia. Festas de 10.000 persoas de media, hai moitísimas. Temos documentos gráficos e estamos a traballar para facer o cálculo real.

Din de vós que sodes a mellor orquestra de toda Europa... é certo?
A verdade é que iso queda moi bonito, pero ó que nós lle chamamos orquestra aquí en Galicia non é o mesmo que o concepto de orquestra sinfónica ou un grupo musical de 4 persoas...

Que tal vos levades co resto das orquestras?
Moi ben. Coñecémonos todos. Hai incluso relación persoal co resto. Pode haber algún pique concreto pero é algo san.

E nas vacacións sodes quen de desconectar para recargar pilas?
Realmente vacacións de verdade só son en Xaneiro. Febreiro e principios de Marzo son ensaios potentes e agora mesmo xa estamos preparando o ano que ven.


Que é o que máis traballo costa? Ir engadindo os éxitos que arrasan en cada momento?
A nós o que máis traballo nos costa é montar temas en medio da xira. Se ó tema non lle fas nada máis, só cantalo, non hai demasiado problema. Nunha semana está listo. O asunto é cando lle metes coreografía e espectáculo. Iso é moi complexo. O hándicap que ten agora mesmo Panorama é que debería de traballar menos días ó ano para poder ter máis tempo para montar.

De que artista gardas mellor recordo porque che sorprendera o ben que canta?
A mellor gala a nivel de artistas, de cooperación e de compañeirismo foi, sen dúbida, a gala de Vilagarcía deste ano… non se pode poñer nin un só “pero”. Chegaron os artistas e dixeron: “aquí, o que faga falta, o que queirades”. Bustamante por exemplo, pediu que lle baixaramos a letra dun tema que cantara hai moitos anos; Despois para nós, é moi especial Carlos Baute. Sempre ven e non sabe que canción lle vamos mandar cantar ata que chega aquí. Xa fomos a cantar á súa voda…


E de mulleres?
Pois Mónica Naranjo. En 2008 estaba anunciada porque tiñamos un tema dela e ó final non viu. Tempo despois viu e agora sempre que ven gústalle chegar a noite anterior e vamos ó furancho con ela…


Con que voz te quedas?
Merche, Mónica Naranjo, Bisbal... hai moitos. E para ir de festa levámonos moi ben con Melocos e Mago de Oz .


Sodes o icono da solidariedade. De onde sae ese compromiso tan profundo?
Pois todo nace no 2008 cando celebrabamos o noso 20 aniversario. Decidimos facer unha gala solidaria. Puxémonos en contacto coa Asociación Contra o Cancro e ofrecémosllo como punto de partida. Encargamos camisetas para que o importe das vendas foran unha axuda. En principio ía ser só ese ano pero (había que poñer cartos do peto) a final da tempada, no Nadal, entregamos o que se sacara na unidade de cancro de materno-infantil do Juan Canalejo. Eu nunca vivira aquilo. Moita xente ten a alguén preto con cancro, pero non no meu caso. E iso é outro mundo… visitamos en planta a unha rapaza que nos seguía. Tiña 16 anos e era guapísima. Recordábamos de mirala nas nosas actuacións e unha semana despois morreu… iso marcouno todo…


Onde non actuastes aínda e non vai a quedar así?
A miña ilusión é facer unha xira por España e probar noutros sitios. Despois evidentemente cruzar o charco e facer algo en América, o que pasa é que hai que ir coa túa infraestrutura porque senón non é o mesmo. Xa levamos a Canarias dous tráileres… é complexo. Hai que facelo moi ben porque de loxística é moi difícil.


Anunciantes en el número actual la revista eSmás:


Scroll to Top