Logo de la empresa

Entrevista a Araceli Bugallo, campeona española de esgrima

Andrea Abal | Revista eSmás edición O Salnes Nº 5

Quizais non sexan moitos os que saiban que O Salnés conta cunha dobre Campiona de España de Esgrima de Segunda Categoría e outras dúas veces na categoría de Veterana.
Entrevista a Araceli Bugallo, campeona española de esgrima

 

CAMPEONA DE ESPAÑA DE ESGRIMA

 

Quizais non sexan moitos os que saiban que O Salnés conta cunha dobre Campiona de España de Esgrima de Segunda Categoría e outras dúas veces na categoría de Veterana. Estamos a referirnos a Araceli Bugallo, unha cambadesa e mestra de Educación Física que comezou no mundo do duelo con arma branca por curiosidade aló polo 1991.

Gustaríame comenzar pedíndoche que nos fales desta disciplina. ¿Como definirías a esgrima? En que consiste?

A esgrima é un deporte que se considera de orixe español. Practicouse esgrima desde os principios da historia. O que  pasa é que, curiosamente, cando aparece a pólvora (e as armas de fogo van desprazando á espada) é cando se centra a esgrima como unha habilidade e destreza. Consiste en ter un arma. Hai tres tipos e cada unha delas ten un regulamento específico. A esgrima simplemente consiste en tocar e que non te toquen. Mira que fácil é.

Este deporte conta con tres modalidades: espada, florete e sable. ¿Que as diferenza?

Aquí practicamos a modalidade da espada e é a que máis xeralizada está. O tocado da espada é todo branco. Isto significa que se pode dar en todo o corpo, desde a careta ata os pés. No florete, o tocado é de cintura para arriba, sen a careta e sen os brazos.
E no sable o tocado é de cintura para arriba, pero con brazos e careta. Este útlimo ten a peculiaridade de que podes tocar de punta, de fío e contrafío. Ademais disto, o regulamento é específico para cada arma porque hai peculiaridades. Por exemplo, en florete e sable hai unha prioridade a ter en conta: a de ataque sobre a defensa.

Noutros deportes dispútanse ligas, copas, etc. ¿Como se compite no caso da esgrima?

A nivel de Galicia hai varios rankings durante todo o ano no que adquires puntuación (unha Liga) e a final da temporada tes o Campionato Galego. Paralelamente hai unhas liguiñas, que fai cada club de Galicia para ir rodándote para os rankings e o campeonato Galego. A nivel de España é o mesmo. Hai rankings que che dan puntuacións e logo ao final o Campionato e según as puntuacións que obteñas, tes acceso á proba internacional.

¿Precísanse unhas cualidades especiais para practicar a esgrima?

O primeiro é ter ganas (ri). É como todo o deporte, canto mellores cualidades físicas teñas máis as vas a transferir ao deporte. E a partires de  ahí vas adquirindo as habilidades específicas dese deporte.

“Vou probar isto, a ver que tal!”

¿Como de importante é o adestramento e como se adestra (de forma individual, por parellas)?

 

Cada maestrillo ten o seu librillo, non? Despois de quentar fanse uns desprazamentos común, logo trabállase moito en parellas e finalmente a última parte é na que traballas específicamente con cada un dos tiradores a acción que queiras traballar. Comézase do xeral ao individual.

¿Alguén que se queira adicar de forma profesional, canto tempo debe adicar aos adestramentos?

Podes ter unhas cualidades xa innatas pero se de verdade te queres adicar profesionalmente, precisas moitísimas horas. Cantas máis mellor.

¿En que momento decidiches comezar a practicar esgrima e cal foi o motivo?

Eu aprobara as oposicións e comezara a traballar na zona de Ferrol, no 1991, e curiosamente alí había un militar que impartía esgrima a militares. A el ibano desprazar a Cartagena e nese momento veu Ramiro Bravo, que fora ás Olimpiadas de Esgrima e como eu tiña inquietude por todos os deportes, pois dixen: “Vou probar isto, a ver que tal!”. E así foi como comezou todo.

... non foi algo que tiveses en mente.

Non! Vin que había un curso de iniciación á esgrima e como tiña esa inquietude polos deportes fun a probar. Ramiro Bravo instalou alí en Ferrol o club Tres Armas e así comecei.

¿Ao pouco tempo de comezar a practicalo neste club (Tres Armas) xa competiches. Como foi esta primeira experiencia?

A primeira vez que competín fora nun concello do lado, en Neda, e non tiña nin chaquetilla nin pantalón. Dixéronme: “Ven con algo branco que che deixamos unha chaquetilla”. Nada preparada. Así foi a primeira vez.

¿Por motivos laborais chegaches á zona do Barbanza e comezaches no Club de Esgrima de Santiago. Que cambiou nesta etapa?

Cambiou moito a xente. Xosé Piñeiro, que é o presidente, fixo moito fincapé en facer piña. Desprazábamonos como podíamos en coche para ir aos rankings a Madrid. Ás veces era máis ben unha excusa de non ir unha persoa soa pero era para convivir.

No ano 2001 chegou o primeiro título de campioa de España de Segunda Categoría, que repetirías de novo dous anos despois. ¿Que supuxo isto para ti?

O ano anterior a conseguilo quedara na sexta posición, que para min xa era un gran salto porque clasificarse entre as oito primeiras xa era un logro. Naqueles anos adestraba moitísimo, con obxectivos, e como vías que ías escalando un pouquiño pois motivábaste máis, adestrabas doutro xeito e todo era máis específico. Foi un subidón.

En setembro de 2011 nace a Asociación Deportiva Cultural Vilagarcía Esgrima, unha nova entidade que naceu con máis de 25 membros e da que eres responsable na parcela deportiva. ¿Como nace este proxecto nun sitio como Vilagarcía?

Cando xa viñera para esta zona plantexara á Fundación de Deportes o tema da esgrima. Comezamos como escola deportiva, dependendo da Fundación. Logo tivemos que dar o salto e con toda a xente da Fundación, que continúa alí, pasamos a ser asociación e xestionar todos os recursos, as viaxes, as competicións e os sistemas de adestramentos. Para non depender tanto da Fundación.
Seguimos relacionados porque hai unha escola de nenos que sí depende da Fundación.
 

“En Galicia hai moitos clubs e nótase o movemento”
 

En xuño de 2015, con 49 años fixeches pleno gañando todas as competiciones nas que participaches esa temporada: catro probas puntuables do Ránking Galego e a súa clasificación xeral, o Open Nacional disputado en Compostela, o Torneo de Comunidades do Cantábrico e o Campionato de España en categoría Veteranos. ¿Que nos puedes contar desta gran temporada?

Efectivamente neste momento si que adestraba moitísimo, tanto aquí coma en Santiago. E ás veces tamén son  casualidades. Son picos que ao longo da vida deportiva se viven. Foi un ano de sorte, supoño.

Falemos da actualidade. ¿Continúas compaxinando a túa actividade profesional coa túa paixón por este deporte?

Por suposto. Mentres o corpo aguante, sí. É redundante e parece o tópico pero gústame moito, gustaríame poder adicarme moito máis pero hai outro tipo de actividades e compromisos que non cho permiten.

Levas máis de media vida practicando este deporte. ¿Que momento destacarías en todos estos anos?

Pois penso que destacaría o salto que din desde Ferrol a Santiago porque foi un punto de inflexión. Un entorno novo, con xente nova, vas un pouco como unha “pardilla” sen coñecer a ninguén… E a facilidade que me deron para adentrarme no seu club e acollerme dun xeito moi natural foi incríble.

“Gustaríame poder adicarme moito máis”
 

Un tema importante a tratar é que a Esgrima é un deporte minoritario e en moitos casos descoñecido para moitas personas. ¿Cales son as dificultades de querer practicalo e predicalo?

Hoxe en día hai mogollón de clubs en Galicia. En A Coruña hai tres, en Santiago, en Lugo, en Pontevedra, en Vigo, en Vilagarcía, en Melide… Hai moitos pero quizais falte promoción.
Pero, por exemplo, vas á Coruña e teñen unha instalación con oito pistas e está entrando e saíndo xente.

Hai que promocionar moito, nos colexios… Facilidades hainas. Quen queira practicalo non ten máis que informarse e dánlle todo tipo de  facilidades e material.

Cada vez máis mulleres adícanse ao deporte profesional pero aínda queda un longo camiño neste aspecto. ¿Cal é o papel da muller na esgrima?

No escrito está moi ben. Por exemplo vas á páxina da Federación Española e hai un apartado específico para a muller, cun gran discurso.

Penso que aquí, no noso nivel, non hai diferencia porque todo tipo de competición é paralelo, incluso hai competicións mixtas. Calqueira tipo de proba que haxa non hai diferenciación.
A nivel profesional penso que é problemático tanto para as mulleres como para os homes porque da esgrima… É difícil adicarse a nivel profesional só a iso. Cóntanse cos dedos das mans.

¿Cal é a situación desta disciplina en Galicia e en España?

En Galicia hai moitos clubs e nótase o movemento. Hai moitos nenos. O único problema é a promoción e o lugar. En A Coruña xa teñen pistas instaladas pero nesta zona, por exemplo, eu fago promoción en centros pero teño que andar desprazando material. O ideal é ter un sitio fixo. A pesar disto, penso que está en auxe. Agora mesmo en Pontevedra están a traballar só con sable, desde os centros.

¿Cales son os países nos que máis se practica este deporte?

En Europa en todos, xa comezando polos italianos e os franceses. Fansemoitas xornadas de tecnificación en idades desde 14 a 20 anos e sempre veñen italianos. Son moi bos. En Italia, Francia, Hungría… Ata China e Corea. Moita xente o practica.

 

¿Por que sendo España un dos países con maior tradición de práctica de esgrima quedo una estacada con respecto aos países que acabas de mencionar?

Pola maneira de traballar. Por exemplo, en Francia a esgrima está no currículo escolar. Iso están a introducilo agora en Valladolid. Traemos moitos maestros de fóra e agora sempre hai campus de esgrima no verán. Tamén aproveitan as xornadas de Semana Santa e Nadal  para facer xornadas de tecnificación… Importan moitas cousas porque non podemos pecharnos aquí.

Para ir rematando. ¿Que consello lle darías a unha persoa que queira comezar a adicarse a esta disciplina?

Primeiro que teña ganas e inquietude  en practicalo. Logo que se dirixa ao club máis cercano e probe. De primeiras é un pouco intuitivo, de sensacións. Tampouco podes xulgar por un só día pero que probe para saber que sensación lle produce. E logo si lle gusta ten que ir rodado.

¿Cales son os obxectivos e retos para Araceli a curto e longo prazo?

Agora está o Campionato Galego, despois está o de España de Veteranos e máis adiante teño que ver se fago o podio para ir en outubro aos Mundiais en Italia. Veremos que pasa! Hai que traballalo moito.

 

“a ver se fago podio para ir aos Mundiais en Italia”

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 



 


Anunciantes en el número actual la revista eSmás:


Scroll to Top