Redacción revista eSmás | revista eSmás O Salnés 36 Primavera 2026
Bruno Padín Portela. Doutor en historia, autor de “Entre o mar e a terra. Unha historia do Grove”, unha obra que percor
Nesta ocasión conversamos con Bruno Padín Portela. Doutor en historia, autor de “Entre o mar e a terra. Unha historia do Grove”, unha obra que percorre 2.500 anos de vida na vila e aspira a converterse en referencia para comprender a súa evolución. Bruno, para comezar, cando cres que naceu a túa paixón pola historia?
En primeiro lugar, quero dar as grazas polo convite, por participar dunha revista que xa ten unha tradición de máis de 10 anos. Para min é un pracer estar aquí e poder charlar contigo. É un pouco difícil saber exactamente o momento no que pode surgir esa paixón pola historia, pero supoño que moitas veces se di que na infancia e na adolescencia prodúcense algúns episodios que poden marcar o camiño que vas a tomar no futuro. Ademais, sobre os 13, 14, 15 anos das conta das cousas que se che dan un pouco mellor e das que se che dan un pouco peor. Entón, en función desas condicións, vas escollendo un pouco o camiño. Ao final, estamos aquí pola historia. A verdade é que a física, química, matemáticas e tal non me vía demasiado. Sabía que ía ser de Letras, pero non exactamente que especialidade.
E como nace a idea de escribir “Entre o mar e a terra” e que supuxo para ti o encargo de condensar 2.500 anos de historia nun só libro?
Antes de ser doutor en historia publiquei a miña tese de doutoramento nunha editorial de Madrid que se chama Aal, no ano 2019, que se titula “La tradición en la historia de España”, onde fago tamén un percorrido de máis de 2.000 anos sobre a historia de España, na que estudo os principais episodios de tradición desde Numancia, Villalar, Don Carlos e Felipe II. Moitos episodios. Eu publico ese libro no 2019 e preséntoo no Grove. Tivo bastante éxito, presentámolo no concello, na sala dos cunchas, e tivo bastante visibilidade. De aí uns meses, previa á pandemia, chámanme do concello e propóñenme a idea de que querían facer algo relacionado coa historia do Grove. Non tiñan demasiado claro aínda como enfocalo, pero pensaban que podía ser a persoa para facelo. Eu dixen que si, ademais para min sería un orgullo poder dedicarme a iso. O que pasa é que despois chegou a pandemia e freou o proxecto, houbo que esperar un pouco, retrasouse, e entre unha cousa e a outra chegamos a este libro. Foi unha responsabilidade moi grande porque eu aceptei, pero despois houbo un momento que dixen: a ver onde me metín. Tiña o esquema máis ou menos claro e o que quería investigar e como quería plasmar. Iso é o máis importante cando se emprende unha investigación, sobre todo unha investigación a tan longo prazo, que abarca tantos séculos. O que hai que ter claro é que o camiño que vas a tomar, o esquema, non sae de aí porque ao final é moi fácil diforcarse por outros lados e perder un pouco o fío que te guía. Entón, responsabilidade e orgullo que pensasen en min para iso.
No teu libro decides centrarte non en reis nin en grandes figuras, senón tamén na xente común. Por que era tan importante para ti contar a historia desde a perspectiva cotidiana?
En primeiro lugar porque eu penso que a xente, sobre todo os que non son especialistas, sempre estamos acostumados a entender a historia como unha sucesión de reis ou de papas ou de arzobispos ou do que sexa. De feito, se nos centramos nas grandes biografías, son de xente coñecida, o Rei Carlos publicou unha biografía, Napoleón… A maioría son homes, hai que dicilo, porque ao longo da historia o poder estivo máis en homes. O que pasa é que a historia, dende unhas décadas atrás, está cambiando esta perspectiva, está abrindo a investigación ás mulleres, ás minorías, aos marxinais, ábrese moito máis. Eu penso que, no caso concreto do Grove, o único xeito de facelo, xa dende o punto de vista metodolóxico, era centrarse nas xentes porque non hai un castelo, non hai un mosteiro alí durante moitos séculos. A principal fonte de documentación son as fontes relixiosas, non son as principais e ao non existir iso, era a forma máis operativa e ademais permitía ofrecer unha visión integral da economía, da sociedade, das costumes, dos hábitos, das crenzas, das tradicións. Era o obxectivo tamén.
O Grove foi durante séculos unha illa. Como cres que condicionou esa xeografía o modo de vida, a economía e mesmo as crenzas dos seus habitantes?
Gustaríame facer unha puntualización porque os historiadores distinguímonos dos novelistas en que non podo dicir que Napoleón era sudafricano, era francés e sabemos quen foi. O historiador ten unha capacidade de imaxinación limitada e esa imaxinación está marcada polos documentos e os restos arqueolóxicos, que é do que pode e non pode falar. Trouxen aquí tres referencias para dicir que o Grove era unha illa: por exemplo, o 6 de maio do 899 temos unha doazón na que se di literalmente ínsula o Grove. Un século despois, o 30 de marzo do 999, temos outra documentación que di ínsula o Grove. O 9 de maio de 1138 temos outra que di ínsula que vocatur de O Grove, que quere dicir illa que chamamos do Grove. E xa a última, o 28 de maio de 1248, temos outra de ínsula de Groben. Estas cousas ao final non as inventamos, temos unha documentación que nos permite falar de que o Grove era unha illa. Máis alá diso, influíu de todo desde tódolos puntos de vista porque o xeito no que te relacionas co medio non é o mesmo que estés nunha illa a que estés no medio da meseta da península ibérica. A nivel de comunicacións, a nivel de aproveitamento dos recursos do mar, a nivel de relación incluso de crenzas, de tradicións. É unha condición decisiva, aínda a vemos hoxe en día, a península da Lanzada sepáranos, únenos co mundo, pero esa condición incluso a nivel social segue presente hoxe.
Na antigüidade analizas desde a época castrexa ata a romanización, con especial atención en espazos como Adro Vello. Que nos revela ese enclave sobre a transformación económica e social da zona?
É moi importante porque a nivel económico pasamos desde a primeira época castrexa, que é unha economía de subsistencia na que se aproveitan os recursos que están máis preto do poboado, ninguén se vai a pescar moi lonxe nin nada polo estilo. Iso vai evolucionando cando chegan os romanos, introducen as factorías de salga. Adro Vello é unha das máis importantes do noroeste da península ibérica. Iso implica pasar dunha economía de subsistencia a unha economía excedentaria na que xa se permite certa comercialización, certo mercado exterior, non só cubrir as necesidades da túa familia ou do teu poboado. Ademais, a nivel de comunicacións temos que ter en conta que ao longo da historia o transporte por terra era habitual pero moito máis caro. O máis eficiente e barato era o transporte marítimo. Houbo prehistoriadores e historiadores que analizaron o sobrecusto de transportar unha mercadoría 1 km por terra ou 1 km por mar, e a diferenza era brutal, era moito máis caro. Isto tamén nos leva a pensar se Galicia ou o Grove poderiamos consideralo como un sitio periférico ou non. Depende con que o comparemos. Se nos comparamos actualmente con Madrid podería ser, pero se nos trasladamos a 2.000 ou 2.500 anos atrás temos que ter en conta que o Grove estaba dentro de tódolos circuitos comerciais e de navegación da antigüidade, estaba conectado con Portugal, coas illas británicas, coa Bretaña francesa. Temos moita documentación e moitos restos romanos, fenicios etc. que así o acreditan. Ademais, na alimentación podemos coñecer un pouco máis sobre como era a vida das xentes do Grove: consumían mexillóns, lapas, vieiras, era unha alimentación que aproveitaba o que tiñan máis a man. Pode parecer que pasaron moitos anos, é verdade, pero en certas cuestións a vida seguiu similar. Outra cuestión interesante das crenzas: en Adro Vello documentáronse enterramentos con xente que se enterraba con restos de cunchas de vieiras ou así. Iso pode indicar algo que teña que ver con esas relacións co mar, co máis alá. Ao final está enterrándose con algo que forma parte da súa vida cotiá.

O achado en 1985 da moeda do apóstolo Santiago marcou un antes e un despois para situar o Grove na ruta xacobea. Que significado histórico e simbólico ten este descubrimento?
É moi importante. En primeiro lugar o que nos fala é da casualidade porque o achado foi que unha estudante estaba cunha paleadora e de repente viu que había algo aí. A casualidade tamén na arqueoloxía xoga o seu papel. Ademais é interesante porque é a primeira representación iconográfica que nos fala da traslación do corpo do apóstolo Santiago. No libro dos feitos dos apóstolos din que no ano 44 de Cristo mátano, Herodes Agripa manda cortarlle a cabeza. Segundo os textos relixiosos, pasaría desde Xerusalén guiado pola man de Deus, navegaría polo Mediterráneo, subiría, acostaría todo Portugal e chegaría a Iria Flavia, Padrón etc. De feito, que apareza esa moeda en Adro Vello é esencial porque ten moita importancia nas peregrinacións. É unha das máis antigas porque é do reinado de Fernando II, segunda metade do século XII. Aproveitando que o Camiño pasa por alí, fai 3 meses presentamos no arcebispado de Santiago de Compostela un pequeno folleto que elaborei titulado *O Grove, portas xacobea*, porque se temos en conta os textos relixiosos sería lóxico que quen viñese por todo Portugal entrase pola ría, xirando á dereita, o primeiro sitio polo que pasase sería precisamente Adro Vello, a Ponta do Castriño etc.
Dedicas unha parte importante á Idade Media, un período no que o Grove sufriu incursións vikingas e musulmás e mantivo vínculos co mosteiro de Armenteira. Como influíron estes factores na vida diaria da poboación?
Influíron moitísimo e ademais hai que ter en conta que a Idade Media é un período moi extenso, son 1000 anos, entre o século V e o XV. Temos unha crónica que se chama *Historia Compostelana*, que relata a vida de Xelmírez, o primeiro arcebispo de Santiago de Compostela, e aí di que aos pobos da costa da ría de Arousa, durante 8 ou 9 meses ao ano era imposible vivir alí porque a cantidade de asaltos, a parte dos vikingos que podemos telos idealizados por series e películas, pero viñan a saquear, a ter botíns, a escravos, violar mulleres etc. Era o que sucedía. Foi esencial e iso condicionou dunha maneira ou doutra. A partires do século XI vai haber como un rexurdimento da costa, porque é normal que a xente non puidera habitar preto do mar, estaban moi condicionados por eses ataques. Cambiando cara ao mosteiro de Armenteira, é moi interesante porque temos moita documentación de xente que doou e vendeu terras ao mosteiro e a xente pode dicir que iso non ten moito interese, pero si que o ten porque o mosteiro de Armenteira convértese nun gran terratenente no Grove e en Arousa en xeral. Temos referencias de época medieval: por exemplo, o 7 de maio de 1203, unha persoa do Grove que se chama Juan Vicino doa unha herdade que tiña ao mosteiro de Armenteira. Ou o 1 de febreiro de 1249, María Pequena, unha muller que tamén doa ao mosteiro de Armenteira unha terra que ten e vende. Tamén hai outra muller, Martínez, viúda, que vende en maio de 1240, e outra Acenda Núñez de Abelenda do 8 de xullo de 1250. Vemos de novo que as mulleres teñen un papel importante lonxe do que tradicionalmente se podía pensar. Ademais é interesante a cuestión do mosteiro porque a propiedade agrúpase: se antes había 100 propietarios, se 50 ou 60 venden a Armenteira, a propiedade individual decae e iso cambia non só na estrutura da terra, senón tamén nas relacións, no poder que pode ter a Igrexa neste caso. A posesión da terra está en menos mans.
Na Idade Moderna afondas na estrutura familiar, nas mulleres, no peso da pesca e a agricultura, como era o día a día dun grovense nos séculos XVI, XVII ou XVIII?
Para o historiador a cousa empeza a cambiar un pouco mellor porque tes máis documentación en contra da Idade Media que é un pouco máis difícil. A nivel demográfico, en contra do que podemos pensar de que había familias super extensas de 15 ou 10 membros, o Salnés era o territorio máis densamente poboado de Galicia. Se na coroa de Castela hai unha densidade por km² de 18 habitantes, en Galicia a nivel xeral hai 21. No Grove hai 90. Iso multiplica por moito e tamén ten un problema porque a poboación tan alta fai que os alimentos para esa poboación sexan máis limitados que se hai 20 persoas. Iso provoca que a emigración sexa como unha válvula de escape para limitar en certa medida esas tensións sociais porque non hai comida para todos. En canto a habitantes por fogar temos que en Cambados a mediados do século XVI as familias tiñan 3,60 membros de media, en Carril 3,8, no Grove 4,2, en Meaño 4,2 tamén, en Sanxenxo 4,21, en Vilagarcía catro membros. Non parecen familias moi extensas ao final. A idade a que casaban os homes e as mulleres era máis ou menos a mesma, 26 anos de media. A maioría da xente que se casaba no Grove a mediados do século XVI facíano con xente da súa mesma parroquia. Se non era da mesma parroquia, non ía moi lonxe a buscar, era na comarca da ría de Arousa. Iso nos fala das relacións e dos espazos de sociabilidade. Iso ten sentido porque os espazos de sociabilidade desa época eran a igrexa, os mercados. Non había discotecas nin redes sociais. As formas de relacionarse eran diferentes. Se alguén ía a un mercado era interesante porque se podía ver de que familia proviñas. Tamén servía como baremo social. Outra cuestión que investiguei é que nas segundas núpcias, cando alguén se queda viúvo ou viúva, no caso dos homes casan cunha solteira, pero no caso das mulleres casan con viúvo. Hai unha distinción social. A época moderna tamén é unha etapa extensa, 300 anos aproximadamente. Os Borbóns cando chegan ao poder instauran a matrícula de mar, o servizo obrigatorio, tódolos portos de mar están obrigados a persoas entre 18 e 60-75 anos a servir no mar nas guerras dos Borbóns. Nos censos parroquiais vemos que os niveis de mortalidade máis elevados do Grove coinciden coas épocas nas que hai guerra. Iso tamén condicionou moito porque os homes marchan, a principal forza de traballo tamén se vai. As mulleres teñen que asumir unha representación que asumiron de feito. A Idade Moderna configura un Grove como vila pesqueira, pasa da Idade Media na que os ataques fan que estean un pouco entre medias a configurar unha vila mariñeira que é a orixe do que hoxe podemos ver.


Na época contemporánea falas da chegada dos cataláns e o desenvolvemento da industria conserveira. Como redefiniron estes cambios a identidade económica do Grove?
Sentaron as bases do que hoxe temos tamén. Os cataláns chegan en varias ondas desde mediados do século XIX. Modifican a estrutura sociopolítica, é moi chamativo que no século XIX a maioría dos alcaldes son de orixe catalán. Chegan con maior poder adquisitivo, capacidade de investimento. Houbo resistencia por parte de algúns ilustrados galegos que se opoñían aos métodos novos que os cataláns introducían en contra dos tradicionais que se empregaban aquí. Houbo esas loitas, esas tensións, pero temos no Grove varios exemplos de almacéns de salgadura cataláns. Na antigüidade falabamos de que se pasa dunha economía de subsistencia na época castrexa a unha de máis excedentaria coa chegada dos romanos. Neste caso tamén hai unha evolución: os mariñeiros pasan en moitos casos a ser asalariados, as condicións cambian. Hai centros principais como as factorías de salgadura nas que se concentra produción para exportar. Teñen un papel moi destacado e controvertido ao mesmo tempo.
A emigración cara a América e Europa transformou profundamente a estrutura social e cultural do municipio. Que pegadas deixaron esas idas e voltas na identidade actual da vila?
A migración foi un dos factores máis decisivos da época contemporánea. Temos a fotografía esa tan famosa dun fillo chorando que relata tamén o drama que é a emigración. Supoño que a ninguén lle gustará deixar o seu lugar de orixe, en moitas ocasións obrigado porque as condicións materiais e económicas aquí son as que son. No caso do Grove tivo moita influencia. A principal rúa do Grove chámase hoxe rúa Castelao, antes era rúa Augusto González Besada, pero claro, houbo moita xente do Grove que emigrou aos Estados Unidos, a Nova York, que se situou nos arredores da rúa X e ao final nas idas e voltas foi calando na poboación esa idea de que a rúa X era como a rúa que tiña máis vida, onde estaban os negocios, os bares, o cine. Asociábase un pouco con ese Nova York da xente que emigraba. A emigración tivo outras repercusións, tan sinxelo como na morfoloxía urbana: no Grove apenas quedan casas de mariñeiros, foi substituído por edificios de moitas plantas de xente que retornaba con cartos e podía levar a cabo ese tipo de obras. Modifica un pouco esa morfoloxía urbana e é unha forma de adaptarse aos tempos. Non é unha cuestión que pase exclusivamente no Grove, pódese extrapolar a outros pobos da Galicia costeira.
Xa para finalizar, despois desta intensa viaxe histórica que vai do século V antes de Cristo ao século XX, que conclusión principal cres que podemos extraer do Grove e que mensaxe che gustaría transmitir aos lectores da revista eSmás O Salnés?
Gustaríame dicir que foi unha honra poder levar a cabo este traballo e que centrarnos nas persoas que non pasaron aos libros de historia, que non teñen os seus nomes escritos nin en letras de ouro nin ningún tipo de letra porque a maioría das súas vidas foron esquecidas e sobreviviron mentres as coñeceron as persoas que habitaban con eles. Para min recuperar esta tradición e tratar de ofrecer aos veciños do Grove e a todos aqueles que queiran asomarse a estas páxinas un relato completo, sólido, de longa duración, de case 2.500 anos. Penso que a xente que se asome a esas páxinas vai poder identificarse con moitas cuestións e que máis alá de ser un libro sobre o Grove que se pode estender a calquera municipio de Galicia. Trata temas como a emigración, o papel das mulleres, a economía, a agricultura, a pesca. Hai toda unha serie de cuestións que teñen moita relación ao final. Animo aos lectores de eSmás a que se mergullen nestas páxinas e as descubran. Outra cousa que me chama moita atención é que ás veces aos maiores como que non intentamos quitar todo o proveito que teñen. Cando unha persoa morre ás veces non somos conscientes de que non só morre ela, senón que morre todo o que viu, todo o que sentiu, todo o que experimentou. É un mundo que se perde. Á parte da perda persoal evidente, é un mundo que se perde. Intentaría falar máis con eles e coñecer o máximo posible desa sabedoría ancestral porque ao final se vai de pais a fillos, vaise transmitindo.
Telf: 900 333 666 - https://www.xunta.gal/portada
Serga - Servicios Inmobiliarios. Ourense, 18 Bajo - 36960 - Sanxenxo (Pontevedra) - 986690492 - www.serga.es
Clínica Dental César Lipcen - Especialista en odontología. C- 36 -000347. Illa de Arousa: Avda. Castelao, 31 - 1ºB - Telf: 986 52 74 86 Vilanova de Arousa: Pza. del Parque, 6- 1ºC - Telf: 986 55 47 14
Innovando en los diseños con conchas concibiendo joyas modernas y elegantes, Praza do Pósito, 6. O Grove- Telf: 689 223 387 www.agasallosdomar.com
Tu óptica de confianza. Av. Bouza Martín 7, Ribadumia Telf.: 986 716 347 - 628 777 255 www.laopticadebea.es
Graduado en Podología - Máster en Podología Deportiva - Clínica DentalJaneiro Calle Valle-Inclán, 4 bajo - Barrantes - Ribadumia - http://www.facebook.com/Podología-Isidoro-Buceta-1416270455337178/
Reale Vilanova (Concepción Arenal) - T: 986 555 944 - Concepción Arenal, 2 Entlo B - 36620 - Vilanova de Arousa (Pontevedra) www.reale.es
Fisioterapia traumatoloxica, ortopedica, deportiva, pilates terapeutico Dir: rua José Caamaño Burnacell, 16 - Cambados Telf: 986 18 53 03 www.xacobeabalfisioterapia.es
Servicios de Grúa 24 Horas Sanxenxo - Vilanova de Arousa - Telf.: 986 747 851 - 669 847 652
AFYT - Asesoría, consultoría y gestoría con 40 años de experiencia en el sector - Rúa Arzobispo Lago, 17, 36600 Vilagarcía de Arousa, Pontevedra- Tlf: 986 51 15 42. - www.afytasesores.com/