Logo de la empresa

Entrevista a Carlos Blanco

Lucía D. Bóveda | revista eSmás O Salnés Otoño 2021

Coñecido na televisión, na radio, no cine e nos teatros
Entrevista a Carlos Blanco

Na televisión, na radio, no cine, nos teatros e nun escenario de calquera tipo. Carlos Blanco (Vilagarcía de Arousa, 1959) é de sobra coñecido por todos os galegos. Afincado na Illa de Arousa dende hai anos, onde asegura “atopar paz” e sempre se move en bicicleta, gañou nos últimos anos fama internacional grazas ao seu papel de Oubiña en Fariña, mais xa o coñeciamos na pequena pantalla galega por series como Mareas Vivas.

Falemos dos teus inicios. Chegaches a comezar os estudos de Arquitectura na Coruña... Como se chega de aí ao mundo da actoraxe?

Non foi complicado. Cando estaba facendo Arquitectura xa tiña inquedanzas polo teatro. Deixei de estudala porque non funcionaba e apunteime en Artes e Oficios na Escola Mestre Mateo, en Santiago. E aí fixemos un grupo de teatro que se chamou Ítaca. Ensaiabamos en Vilagarcía, nos dirixía Eduardo Puceiro e formabamos parte Manuel Millán, Josito Porto, Nuria, a miña ex, etc. Unha morea de amigos que fixemos As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, unha obra infantil, e despois Manuel e mais eu fixemos A historia do zoo, de Edward Albee e xa nos profesionalizamos. Comezamos a actuar en toda Galicia, e incluso en Marsella. Foi moi ben e, a partir de aí, fun cara o teatro. Máis tarde cara a radio, porque xurdiu unha oportunidade de traballar na Cadena Ser e tomeina. Son moi multiusos, hai que facer un pouco de todo nesta vida.

Tiñas xa esas inquedanzas dende cativo?

A verdade é que nunca tiven esa pulsión. Iso si, lembro a primeira actuación que fixen sendo un crío, tería 5 ou 6 anos. Foi no salón de actos da Igrexa Parroquial de Santa Eulalia de Arealonga, nunha festa de Nadal. De feito contan que se sorteaba unha cesta e que á miña irmá Esther, que era unha boneca, sempre a poñían de man inocente. E ela, que de inocente nunca tivo nada, sacou un número e dixo, “el de mi papá”. E nunha desas festas contei un pequeno chiste. E lembro a sensación, a risa da xente. Foi algo que quedou gravado e igual esa foi a razón. Tamén fixen teatro na parroquia, estiven no coro Airiños, cando o dirixía Don Jaime...

Ao longo de todos estes anos de carreira tes feito cine, televisión, teatro e mesmo tes presentado programas na TVG. En que formato te sentes máis cómodo?

É complicado responder a isto. Depende. Nos directos de monólogos a xente se parte de risa, pero no teatro con Touriñán o paso en grande, acabo de facer unha función en Madrid con oito actores, eu cambiábame doce veces de roupa, tiña unha parte en ruso, etc. Cando rodas non tes o aplauso, esa cousa do directo, pero despois ves o resultado e mola. Mola estar en Fariña, en La Unidad, nalgunha das series nas que traballo. A min o que me gusta é a variedade. É dicir, que te gusta facer polo día? Pois almorzar tranquila, ir cun libro á praia, tomar algo cuns amigos... E se te pido que te quedes cunha podes pensar: por que non podo facer todo?

 

 

     

Ante todo, es humorista e actor.

A min gústame a palabra cómico. Antigamente era como nos chamaban aos actores. Non estaba moi ben visto pero agora, ri ti de George Clooney e da súa fortuna. Aínda que, no fondo, segue sen estar ben visto. Agora cando un rapaz di na casa que quere ser actor a familia pregúntalle que vai estudar. E aínda se dan moitos casos de xente que completa a carreira para ensinar o título na casa e despois tira pola actoraxe. No me caso non foi premeditado, veu dado. Empecei a traballar na radio porque gañaba diñeiro. Como actor era máis complicado, non existía a TVG, non había o bum das series que hai agora en España... Ser actor era sinónimo de pasalo mal economicamente. Aínda hoxe é unha profesión co 80% de paro, hai actrices e actores poñendo copas, dando clases e facendo de todo. Eu creo que podo dicir que son un dos privilexiados que en 30 ou 33 anos de profesión nunca xamais cobrei o paro. E nunca fixen outra cousa que non fose actuar. E ten que ver con ser un pouco adaptable. Que hai traballo na tele? Pois faise. Cando saín da tele despois de acabar Mareas Vivas metinme a actuar nos bares e de aí saíron os monólogos que hoxe fago. Ao final é adaptarse ás circunstancias.

En Galicia xa hai anos que todos sabemos dabondo quen é Carlos Blanco. Mais, pensas que foi Fariña a chave do salto a máis formatos nacionais?

Si, sen dúbida ningunha. E diría que para os públicos do mundo, porque agora mesmo as nosas series vense internacionalmente. España é unha potencia mundial en ficción neste momento. Non é casualidade que Netflix se instale en España e produza para toda Europa. E quen di Netflix, di outras. Eu nin soñaba isto. E chega Fariña, que foi un antes e un despois na miña vida, como fora no seu momento Mareas Vivas. Pero con Fariña pasmaron fóra. Vas por aí e aínda hai compañeiros que din que fixemos unha marabilla e eu digo: bueno, contamos a nosa historia. Eu fago bromas dicindo que non deixa de ser o noso Cuéntame. É o que vivimos nós cando eramos rapaces.

Ti sabes ben como eran as cousas naqueles tempos.

Claro. Eu lembro cando aquí na Illa aínda non había ponte e viñamos no vapor. Todo era diferente naquela época. E iso é o que contamos, a historia que o transformou todo. Que con ese diñeiro que se sacou da ría pagáronse moitas campañas electorais e moitas cousas, como así o teñen dito eles publicamente. E no meu caso cambiou todo. Facer de Oubiña cambioume a vida, pois inmediatamente comezaron a chamarme para series, teatro... Estou moi agradecido aos guionistas, ao director, Carlos Sedes, á produtora, Bambú, e á directora de cásting por confiar en min para facer ese papel.

Bastante antes ca iso, aínda que só fora durante un par de minutos, fuches “chico Almodovar”, en Volver.

Foi algo moi breve pero foi toda unha experiencia. O cásting foi moi curioso. Chamáronme para facelos e fomos en coche a Madrid Dani e eu. Eu tiña unhas liñas, ía tranquilo, puxera unha camisa azul eléctrica porque sei que a Almodovar lle gustan as cores. Fixéronme pasar ao seu despacho e estaba con Penélope Cruz. Era fascinante ver o que sucedía entre eles, porque eu estaba alí de espectador. Dixen o meu texto, imitei a Almodovar o mellor que puiden, que é o que lle gusta, e o que vin foi un director que, no subtexto, estáballe dicindo que a ía sacar máis guapa do que a sacaran na vida. E así foi, pois penso que Penélope nunca estivo tan guapa, racial e intensa como en Volver. Eu fun testemuña desa escena, eu só estaba alí como na película, para dicir un texto e intentar no tropezar cos obxectos. Foi curioso velo traballar e ver como funciona. Nunha escena el non estaba convencido coa zamarra que me puxeran, trouxeron catro máis, non lle convencía ningunha e, ao final, quitou a súa e dixo que ma puxera. E alá me ves coa chupa de Almodovar e meto a mano no peto e atopo unha factura de Louis Vuitton. Anécdotas como esa teño moitas. Lembro a noite da estrea, que estabamos na mesma fila Penélope Cruz, Matthew McConaughey, Carmen Maura, o marido, Chus Lampreave, Dani, eu e un matrimonio. E cando se apagan as luces a señora saca un bocadillo, dime que é a nai de Penélope e que pensa que non cenara. E o bocadillo pasa por todos ata Penélope, ela di que non ten fame e volve o bocadillo por toda a fila. Dígoche completamente en serio que Penélope foi unha marabillosa compañeira. Traballamos tres días e foi encantadora, non teño máis que boas palabras para ela.

     

Con quen se traballa mellor, con Penélope Cruz ou con Luis Tosar? Ou quedas con Touriñán sobre os escenarios?

Con Penélope foron tres días de traballo e non podo xulgar. Con Luis foron anos e aínda recentemente. É un dos mellores actores que hai no mundo e penso que o máis grande actor de Galicia, en dura competencia con Fernando Rey e con Tacholas. Tosar é un monstro da interpretación, é capaz de facer cousas incribles. E con Touri hai outra química, é de amigos, de gamberros, de entendemento... É un tipo moi serio no persoal pero o máis divertido que coñezo no escenario, o que sae máis relaxado, que pode improvisar o que queira e sae de calquera situación. A maiores é un tipo cunha cabeza moi amoblada, un empresario fantástico e un amigo moi querido. Entre Tosar ou Touriñán non me fagas elixir.

Despois de vivir en Santiago, levas anos afincado na Illa de Arousa. Como e cando foi a decisión de mudarte?

Foi a miña parella máis ca min. Levábamos moitos anos vindo aquí e eu fixen amigos da alma, os máis queridos. Moitas veces estiven tentado de marchar a Madrid, ofrecíanme teatro e cousas alá, pero penso que Madrid é unha boa cidade para a xente nova, para a min xa se me fai esgotadora. Gústame moito, vivín moitos meses alí e moi ben, pero aquí vives en bicicleta, é máis tranquilo. Foi Dani quen dixo de vivir en Arousa, porque levábamos anos en Santiago. E eu pensaba que aquí non había pubs con música, teatros, etc. E el me dicía que había outras cousas. E é certo que, se queres ir ao cine vas a Vilagarcía, para o teatro Pontevedra está moi preto, aquí no Auditorio facemos cousas, en Vilagarcía tamén, etc. E aquí atopamos paz.

Todos coñecemos ben a Illa como un paraíso sen igual durante o verán, mais... como é a vida do día a día aquí na Illa de Arousa?

No verán é máis complicado, eu para aparcar teño problemas, mais no inverno aparcas diante da casa sen problema. A xente da Illa desespérase un pouco e bótanme a culpa, porque lle digo á xente que veña. Claro, como se non tiveran festas gastronómicas e non as anunciasen. En todo caso, asumo a miña cota de culpa. Pero teño a solución: os domingos, no verán, calculemos cantos coches fan falta na Illa para que os negocios se manteñan. Digamos mil coches, pois que pasen eses mil e, a partir dese momento, poñemos catro vellos dando voltas na última rotonda cun coche sen carné e, en media hora, a caravana chega a Cambados e, así, evitamos a invasión. Falando en serio, si que nos preocupa un pouco porque, sobre todo, se tes que coller un avión ou ir a algún lado tes que saír calculando un posible atasco, ou pensar que algún día haxa un accidente na ponte e a ver como entra unha ambulancia. Penso que hai que dar unha alternativa de bicicleta, como se fixo en Pontevedra, cun espazo moi grande para aparcar á beira do río e que a xente camiñe. Aluguer de bicicletas, que non estorba, que non dá problemas, que é saudable, etc.

Nos últimos tempos gravaches varias series para plataformas dixitais nacionais, como La Unidad ou Reyes de la Noche, para Movistar+, e Los favoritos de Midas, para Netflix. Pensas que chegaron para desbancar á televisión tradicional ou que poden convivir?

Conviven e supoño que non quedará outra solución que esa convivencia. Pero a realidade é que transformaron todo, incluso a produción de cine, o consumo, etc. Están usando algoritmos, amosándote as series que se parecen ás que che gustan e sentes que saben todo de ti. Nesa parte dá medo, pero, no noso caso, nos dá moito traballo, cuns guións incribles e cousas que antes nin soñabas. Acabo de ter unha pequena parte na última tempada de La Casa de Papel e sei que iso se vai ver en todo o mundo. Penso que acabarán convivindo, como fixeron a radio e a televisión ou os libros en papel cos dixitais.

Na actualidade, a pandemia está afectando moito ao gremio dos actores e ao mundo do espectáculo. Como o estás levando?

Nos últimos tempos tiven que cancelar funcións. Hai un tempo cancelei unha porque Galicia estaba ao 30% de aforo, cando en Madrid se podía chegar ata o 75%, e eu non entendía porque non se puñan de acordo e puñamos todos un 50%. E tivemos que suspender e aprazar funcións varias veces, co que iso supón de marear ao público. Porque a xente compra unha entrada fai os seus plans, organízase, deixa aos cativos cos avós, etc. E, de súpeto, o día anterior dinche que non se celebra, e é moi frustrante tanto para o público como para nós. E a pandemia, nese sentido, foi moi frustrante. Eu no pasado verán fixen cinco actuacións, cando o habitual é cinco cada semana. Causounos unha perdas e unhas molestias enormes. Ademais da frustración, o agobio e a preocupación. A min salvoume que puiden rodar series e traballar en Madrid, senón estaría desesperado.

De todas maneiras, atopáchedes formas de chegar igualmente ao público. O pase de Somos Criminais en formato online foi o espectáculo que rexistrou o maior número de entradas vendidas na historia do teatro galego. Como foron experiencias como esa? Nótase a falta da calor do público en directo?

Foi aquí, no Auditorio da Illa baleiro. Foi moi distinto. Touriñán e mais eu pensamos en disfrutalo nós, mais non había as gargalladas, os aplausos, os momentos da obra nos que a xente se partía, etc. En realidade, foi como cando ensaiamos, que non temos públicos, pero é un ensaio coa tensión dunha gravación e de tentar facelo o mellor que saibas. Non quedaba outra, e a verdade é que a resposta foi marabillosa. Pero estou afeito a un ritmo de actuar todas as fins de semana, moverme constantemente nunha vida nómade... e, de súpeto, quedou todo empantanado.

Pensas que o humor e máis importante ca nunca nos últimos tempos?

Penso que sempre é importante. Eu teño o razoamento de que a xente pode prescindir de moitas cousas. Podes prescindir de bollería industrial, do azucre e de moitas cousas. Pero, de rir? Se non es capaz de rir, mala cousa. Nós temos unha chave da que non se pode prescindir. Se es capaz de facer rir á xente, chamarante pallaso, pero a moita honra, porque serás feliz.

Que novos proxectos, dos que nos podas falar, tes axendados nestes momentos?

Actualmente, estou pendente de que me chamen para audiovisual. De teatro si que teño tres proxectos en marcha. Un é en Madrid, cun director marabilloso, que penso que será a principios do ano que vén. Outra é a segunda parte de Somos Criminais, con Touriñán, que o temos na recámara pero imos agardar a que se poidan encher por completo os teatros, non antes porque senón imos ter un problema. E unha terceira que é un proxecto dun gran escritor, traducido a 15 idiomas, que fixo o seu primeiro texto teatral e confioumo. E quería que esa fose a primeira vez que me dirixise o meu fillo en teatro. Non sei cal destes proxectos sairá antes, pero espero facer as tres cousas. E se aparece algo de audiovisual, intentaremos compaxinalo da mellor maneira posible.


Anunciantes en el número actual la revista eSmás:


Scroll to Top