Logo de la empresa

Entrevista a Carlos Meixide, escritor y periodista

Fátima Frieiro | Revista eSmás Vilagarcía Nº 24

“Calquera sitio é susceptible de converterse no escenario dunha novela. En todos hai historias que poden ser contadas”. Carlos Meixide é desas persoas polifacéticas coas que é imposible sentar a falar dun só tema. Dirixiu a súa carreira profesional cara a rama do xornalismo, pero a súa imaxinación e vocación prematura polas letras impulsouno cara a literatura converténdose nun escritor referente en lingua galega para o público xuvenil.
Entrevista a Carlos Meixide, escritor y periodista

Naceu en Vilagarcía e, aínda que dende moi pequeno xa non vive na cidade, mantén vínculos importantes coa mesma. Carlos Meixide é desas persoas polifacéticas coas que é imposible sentar a falar dun só tema. Dirixiu a súa carreira profesional cara a rama do xornalismo, pero a súa imaxinación e vocación prematura polas letras impulsouno cara a literatura converténdose nun escritor referente en lingua galega para o público xuvenil. A última das súas novelas, ambientada na Ría de Arousa. A súa parte máis retranqueira mostrouna durante anos sendo unha das patas fundamentais de “Os da Ría”, un grupo contestatario que facía humor da realidade política do momento.
 

Carlos Meixide, periodista e escritorEn qué momento Carlos Meixide caeu na conta de que tiña historias no interior que debían ser contadas?

Pois eu creo que historias na miña cabeza houbo dende sempre. A vocación de contar sempre estivo presente en min dende neno. De feito recordo que na escola, cando nos mandaban facer redaccións, eu xa creara unha personaxe. Era Tito Pereira, unha especie de detective que investigaba nun tipo de formato moi de novela negra americana. Cada vez que nos encargaban unha redacción pois os compañeiros esperaban a miña historia con certa expectación e a min era algo que me estimulaba. Despois estudei xornalismo, que foi a miña vocación académica, e que tamén me implicaba escribir. 

Dende Tito Pereira nas redaccións da escola pasaron anos. A túa primeira novela, para un público infantil, chegou no 2004 con “A Maragaia”. Non é o público infantil moito máis esixente que o adulto?

A verdade é que é difícil establecer categorías porque todas as miñas novelas están escritas nunha clave realista e para todos os públicos. Evidentemente o público infantil é moito máis sensible. É un público máis especial porque están descubrindo a literatura e tamén a vida. O que lles chega a través dos libros pode ser enriquecedor ou empobrecedor. De todas maneiras eu cando escribo para rapaces ou para outros máis maiores non fago unha gran diferencia porque eu tampouco me sinto moi diferente do que era eu cando tiña 15 anos. Por iso intento contar as cousas dende a mesma emoción e mentalidade. Dende logo intento non falarlles aos nenos cunha intención paternalista e moralista e intentar chegar dende as emocións e a experiencia.

Dise que os nenos son moito máis francos á hora de valorar. Pasa tamén cos libros que len?

Son moito máis sinceros na súa valoración, porque un maior aínda pode disfrazarse de cinismo ou non acudir directamente á túa obra. O rapaz sempre se sinte máis implicado e a súa valoración vai ser moito máis sincera. Eu creo que os meus libros xuvenís aos rapaces lles gustan e teño a sensación de que se involucran emocionalmente nas historias e iso é moi satisfactorio.

No 2005 lanzabas ao mercado “O home inédito”, que foi o primeiro libro galego en formato dixital, aínda que despois se publicou en papel. Por qué esa aposta?

Pois foi máis ben por vontade de experimentar. Eu estudei xornalismo e con outra xente andabamos bastante interesados polas posibilidades que xa daquela empezaban a ofrecer as novas tecnoloxías. Daquela xa había unha comunidade de xente que tiña blogs, por exemplo, e viamos unha boa canle con novas posibilidades. Tiñamos ganas de expresarnos, de crear e viamos moi lonxe as vías tradicionais. Cando escribín “O home inédito” algúns amigos meus como María Yáñez ou Berto Yáñez, que leran a novela e eran entusiastas, propuxéronme a posibilidade de editala en internet. Foi algo moi divertido porque ao ser a primeira novela galega publicada pois xerou certa expectación e popularidade. Foi unha novela que funcionou moi ben, porque tamén era divertida e falaba de Compostela naquela altura. Ao cabo dun ano tiven a proposta de editala en papel.

A túa presenza entre o público xuvenil é sobre todo grazas á saga xuvenil que naceu con “Ons” e que rematou agora con “Arousa”. En qué te inspiraches á hora de escribila e por qué elixiches eses sitios para darlles nome e tamén localización?

Eu había tempo que andaba detrás da idea de facer unha novela de adolescentes en clave realista, tratar os temas que lles preocupan aos adolescentes como por exemplo o que acontecía en series da miña época como “Los Rompecorazones” ou “Verano Azul”. A idea estaba aí ata que un día fun a un instituto de Bueu a falar de “O home inédito” e un alumno me dixo: 'Por qué non fas unha novela para xente coma nós ambientada en Ons?'. E a verdade é que me pareceu algo fantástico. Quedeime con ese ofrecemento e cando tiven un pouco de tempo e ganas pois empecei a historia. Daquela non sabía se ía ser unha serie porque xa bastante complicado era escribir unha novela como para pensar a longo prazo en máis volumes. Fíxena máis ben co afán de divertirme. Foi unha novela que resultou moi ben e a partir daí decidinme a facer as outras.

Logo chegaron “Cans” e “Guitiriz”...

Digamos que unha novela xa foi levando a outra. No tema de “Cans” o director do festival que alí se celebra e que é amigo meu, Alfonso Pato, propúxome ir por alí e empaparme do entorno. A partir daí pois xurdiu a novela. Con Guitiriz teño un vínculo afectivo porque tiven unha moza alí moito tempo e é un sitio que coñezo bastante ben.

E “Arousa”?

Pois un pouco igual. É un lugar que aprecio moito, no que teño familia e amigos e que me parecía moi acaído para ser escenario dunha destas novelas.

As novelas poden ser un gancho turístico para estes lugares... Non todas as localidades contan con títulos ao seu nome...

Certo. Sempre se poden celebrar roteiros literarios polos lugares nos que se desenvolven as novelas. Vale que Cans non é o sitio máis bonito do mundo, é coma un barrio do Porriño, pero iso tamén lle dá valor a un lugar. Cando vou aos centros educativos e falo cos rapaces facemos exercicios de ver de qué maneira calquera lugar pode ser susceptible de agochar algunha historia. Simplemente hai que pensar nas personaxes que hai, nas circunstancias que os rodean... Na Illa de Arousa fíxome moita gracia unha anécdota. Alí leron o libro de “Ons” antes de que eu pensase na idea de escribir esta última parte da saga. Unha profesora do centro contoume que cando leron Ons os rapaces quedaron contentos e dicían: 'Estaría guai que fixeran algo así sobre Arousa, pero aquí nunca pasa nada'. E digo eu que se non pasa na Arousa donde vai pasar? (risas).

A saga recorda un pouco á mítica de “Los Cinco” de Enid Blyton. Qué lía Carlos Meixide cando era un neno. En qué literatura te inspiraches?

Por suposto que lía “Os Cinco” porque me gustaba moito ese formato de pandilla de rapaces nas súas vacacións. De feito “Ons” ten moitas semellanzas coas historias que se contaban naquela saga. Despois quixen reler algo deses libros, pero con moita cautela, porque tamén acudir a cousas que che gustaban de rapaz cando eres adulto pode resultar algo perigoso. Prefiro preservar aquilo que me encantaba. Pero si, “Los Cinco” era unha referencia, ao igual que tamén o foi “Verano Azul”...
 

Para a saga de “Ons” a “Arousa” apostaches pola autoedición, non sei se pola liberdade que iso che ofrece como escritor ou polo mal ou inaccesible que pode estar o mercado editorial en Galicia.

A miña aposta pola edición non ten que ver cunha visión crítica ou hostil do mundo editorial. Máis ben foi por unha necesidade de endereitar a miña vida nun momento de crise persoal e vocacional. Quixen dedicarme a escribir durante un tempo e ver que posibilidades había de poder vivir do que a min me gustaba facer. Cheguei á conclusión de que a autoedición era a miña única vía máis ou menos factible, na medida de que ti eres o responsable da túa obra e ao mesmo tempo tamén donde reverten os beneficios. Tiña certa experiencia por “Os da Ría”, porque autoeditabamos os discos, e por iso me aventurei. A verdade é que é unha experiencia moi traballosa, pero tamén moi satisfactoria. Dedícate en corpo e alma a algo que non é precisamente a galiña dos ovos de ouro, pero ao mesmo tempo aprendes moito.

Carlos Meixide escritorQuizais é certo que as editoriais van un pouco “por modas” e que igual as novelas que creas non encaixan na moda do momento...

Si e tamén porque hai un problema de mercado. Para o libro en xeral e tamén para o galego. Hai certas limitacións porque evidentemente non todos os libros poden chegar a ser rendibles e é moi difícil competir nunha librería porque non só compites cos escritores galegos da túa época, senón cos de toda a literatura universal. Compites tanto con Pérez-Reverte como con Diego Ameixeiras. Unha persoa non entra nunha librería e decide mercar o teu libro porque si. Ao final levo xa catro anos coa autoedición e voume mantendo máis ou menos. É certo que eu non teño pudor en venderme ou promocionarme, en coller os libros e cargalos como quen leva as leitugas á feira... Isto é como unha artesanía literaria e abarca todo un proceso. O que si permíteme o feito de escribir todos os días e ir afinando o oficio. Porque hai que ter en conta que escribir, aparte do tema de xenialidade que pode chegar a ter, ten que perfeccionarse.
 

Falabas de que ías aos institutos e que estabas en contacto directo cos rapaces. Os datos non son moi positivos en canto á lectura nas novas xeracións...

Eu son bastante optimista nese aspecto. En xeral hai unha certa tendencia a pensar que calquera tempo pasado foi mellor e eu son moi optimista coa xente nova. Non se le moito, pero lese e hai curiosidade polas cousas.
 

E con respecto á lingua? Eres igual de optimista co futuro do galego?

Son pesimista, evidentemente, dende unha clave social porque penso que o idioma se perde e iso é fácil de constatar. E máis para alguén coma min que naceu en Vilagarcía, se criou en Pontevedra e vive na Coruña (risas). En cambio o que si penso que mellorou é o tema dos prexuízos respecto do idioma respecto de cando eu era rapaz. Pode ser que haxa moita xente nova que non lea nada nin fale nada en galego, pero se lles interesa algo vano ler ou ver independentemente do idioma. Eu creo que temos que empezar a despreocuparnos un pouco. Hai unha necesidade de reivindicar unha defensa do galego na educación, na política e demais e é necesario, pero no tema da comunicación social penso que non é necesario insistir tanto. O importante é que nos comuniquemos e que o fagamos en galego. Para min é a miña lingua, pero non me considero escritor galego, senón escritor. Quero que se me considere en igualdade de condicións respecto a outro que escribe noutro idioma.

Pero é certo que apoio á literatura galega ou o espazo que se lle dá en determinados ámbitos é menor...

Si, os principais medios de comunicación adoitan a darlle máis espazo ao que se publica en Madrid que ao que se publica en Galicia e, por exemplo, as grandes superficies teñen un estante solitario cos libros en galego. E iso é desolador e si se pode cambiar, porque hai que ter un aprecio propio, apoiarnos e poñernos en valor porque non temos nada que desmereza.

Estás tamén moi vencellado ao mundo audiovisual. En qué formato te sintes máis cómodo?

Realmente no audiovisual a experiencia que teño é xornalística porque como creador teño as miñas limitacións. Traballei na televisión como redactor e guionista de programas e logo fixen algo de curtas e documentais, pero sen dúbida síntome máis cómodo coa literatura.

Non é posible falar con Carlos Meixide sen facer referencia a “Os da Ría”. É un proxecto acabado de momento, pero supoño que importante na túa vida. Como foi a experiencia?

Foi moi divertido, a verdade. O certo é que Tomás Lijó e eu viñamos facendo cousas dende que nos coñecemos na facultade de Xornalismo. Curtas, documentais concertos, espectáculos humorísticos... daí naceu “Os da Ría” e deixounos moi bos momentos.

Carlos Meixide escritor galego

Que hai de Arturo Puy (a personaxe que interpretabas en “Os da Ría”) en Carlos Meixide?

(Risas) Pois en Arturito hai unha parodia do que podería ter sido eu nun momento dado se me deixara levar por certas tentacións que nos rodean aos galegos de determinada xeración. Hai moita parodia. Unha parodia do politiqueiro, do gobernante, do señorito, do imbécil que te rodea...

É un proxecto rematado, de momento, pero tiñades material de sobra para seguir...

É incrible como ás veces a realidade che vai dando a razón co paso do tempo. O outro día vimos como a Real Academia Galega recoñecía a palabra “xonqui”, que é como de galegueiro puro. O que está claro é que o mundo está cheo de personaxes susceptibles de ter unha canción de “Os da Ría”. Paramos por unha cuestión vital, porque xa imos tendo certa idade e temos as nosas vidas e é máis difícil xuntarse.

Hai locais que aínda seguen pinchando algunhas das vosas cancións...

Si, si, se na memoria colectiva aí estamos. Eu creo que dentro de 20 anos algún fillo de friki intentará reivindicar que volvan “Os da Ría” (risas). Se nos chaman algún día con condicións xeitosas nunca se sabe.

Non sei se segues un pouco o panorama cultural de Vilagarcía...

Si, algo sigo. Manteño relación cos do Festival de Curtas ou co Faiado da Memoria, con Antonio Caeiro, que son xente que sempre estivo vinculada á cultura aquí. Gustoume moito a reivindicación que se fixo dos bancos de Ravella porque miña nai criouse precisamente alí.


Anunciantes en el número actual la revista eSmás:


Scroll to Top