Adrián Gondar | revista eSmás Santiago Nº 2
Atención, lectores: David Amor é feliz. Moi, moi feliz. Quizais non sexa o que máis titulares venda, pero é a realidade.
"Empecei a dedicarme ao mundo da televisión por casualidade"
Atención, lectores: David Amor é feliz. Moi, moi feliz. Quizais non sexa o que máis titulares venda, pero é a realidade. A piques de estrear Gym Tony, unha nova serie diaria para a canle Cuatro, facemos un repaso pola súa vida profesional e acabamos falando de quedar en calzóns na Praza da Quintana, do inxusto da cancelación do Supermartes ou do seu título de Míster Simpatía cando se presentou ao certame de Míster Galicia. Por certo, non é ningunha lenda nin un efecto óptico: as súas mans son realmente xigantes.
Antes de meterte de cheo no mundo da televisión xogaches ao balonmán profesional.
Foi unha cousa moi rara porque, como todos os rapaces, de pequeno facía deporte e xusto me quedei co que peor se me daba, que era o balonmán. Iso é un pouco indicativo da intelixencia do animal. Empecei en Pontevedra, que é unha cidade con moita tradición nesta disciplina, e o certo é que eu era o malo do equipo. Houbo un ano que medrei moito, entrei na selección nacional e, de repente, comezou a formar parte da miña vida.
Tanto foi así que chegaches ser subcampión mundial...
Fomos subcampións mundiais en categorías inferiores. Eu, a dicir verdade, era dos que xogaban pouco, pero estaba aí. Foi unha época moi bonita que lembro con moito cariño, porque é unha forma de vivir o deporte espectacular. Non quero imaxinar o que poden ser unhas Olimpíadas de verdade. Eu o que xoguei foron unha especie de Olimpíadas xuvenís en Moscova.
A día de hoxe segues xogando sempre que podes, ¿non?
De feito só estiven un ano desvinculado, pero non por cuestións profesionais senón por motivación persoal. Penso que o deporte haino que facer porque a un lle apetece. Nunca deixei de xogar, nin ao traballar a nivel nacional nin agora. De feito este ano fichei por un equipo da provincia de Pontevedra, o S.A.R. Balonmán de Redondela, coas limitacións laborais evidentes.
Agora dis que tes moi claro o que queres, pero antes non o debías de ter tanto porque xa tendo traballado na televisión fixeches un parón para volver ao deporte.
Na miña vida foi todo sempre bastante casual e nada premeditado. Non sei se é caótico, se é unha sorte ou que. Empecei a dedicarme ao mundo da televisión por casualidade e o balonmán comezou a pasar a un segundo termo. Foi así ata que, na cidade de Pontevedra, me chegou a oportunidade de xogar no equipo da vila. Iso foi un orgullo para min, e dixen: “aí imos, á aventura”. Creo que esa é a maior das liberdades, poder facer o que a un lle gusta é unha auténtica riqueza.
"Creo que o Supermartes merecía un gran final"
¿Fas agora o que che apetece?
Estou nun momento boísimo porque levaba moito tempo con ganas de facer o que fago agora, non sei se loitando ou esperando, pero sendo moi consciente de que igual non o chegaba facer nunca. E de repente estou aí, gravando unha serie e moi feliz.
Dis que a televisión chegou por casualidade, pero esa casualidade, cando falamos do mundo que a arrodea, ten un nome: María Castro.
Nos seus inicios si, porque comecei a licenciatura de INEF en Pontevedra e eramos compañeiros. Sempre tiven moita curiosidade, en xeral, e a moda chamábame moito. Ela estaba nunha axencia de modelos, díxome que fora ata alí e fun, fixen cousas pequenas… Lémbroo con moito cachondeo. Métome moito comigo mesmo. Sempre digo que ten que haber un modelo de antes, non só do de despois, e era un xogo. Víao dende moi lonxe, sen pensar en dedicarme a iso. De feito, en rendemento creo que perdín cartos en lugar de gañalos. Foi unha experiencia moi divertida porque saquei moitas vivencias, e dentro duns límites sempre é mellor vivir as cousas ca que chas conten.
Algo aprenderías desa época que poidas aplicar ao teu traballo actual.
Non sei que elegancia terei eu... Ata certo punto a modelaxe si que ten que ver coa interpretación. Cando fas os catálogos de verán adoitan ser en inverno e tes que estar interpretando que é verán, pero falo en xaneiro cun frío que nin Diola mentres levas un pantalón curto e semellas estar todo feliz. Creo que todo na vida está máis interrelacionado do que parece.
Aínda que nunca o tomaches como algo serio, presentácheste a Míster Galicia, onde acadaches o título de Míster Simpatía.
¡Pensei que non iamos sacar os trapos sucios, non sei que necesidade hai! (risos). Que nun concurso de beleza che digan que es simpático paréceme unha crueldade terrible, de nenos sen corazón. Presenteime por casualidade e tamén levei o premio da elegancia. Cando cheguei a El Club del Chiste, en Antena 3, tratábanme de guapo. De feito fixen un espectáculo chamado Fóra De Sitio, porque vou a un concurso de beleza para que me digan que son simpático e nun programa no que teño que ser simpático son o guapo, ¡parece que me están botando dos dous lados!
Comezaches na televisión con O Rei da Comedia, na Televisión de Galicia.
Tratábase dun casting, pero nesta ocasión foi distinto porque era de actuación. En Pontevedra facíase no Teatro Principal, con público, que non adoita ser habitual. Eu tiña un textiño escrito e desenvolvino, con el escribín un pequeno monólogo e colléronme. Cando chamei para saber o que era, dixéronme que era coma un Operación Triunfo pero de humor e no que durmías na túa casa.
A partires de aí fuches medrando ata acabar presentando un programa de karaoke no verán.
Chegoume o punto álxido de poder presentar un programa, pero pasou un pouco nin fu nin fa. Hoxe en día tería sido un bo produto pero no seu momento non se valorou. Nesta profesión é complicado, eu estou agradecido porque sempre máis ou menos fun traballando, pero é unha pena que, por exemplo, te fichen nun equipo que está na Champions League e non che deixen xogar nos partidos.
Non sei se te das conta de que traballaches nos dous grandes símbolos da televisión da nosa terra, o Supermartes e o Luar.
De feito no espectáculo téñoo mencionado. Faime moi feliz, pero tamén moi triste co inxusto que se foi co Supermartes. Eu estaba aí e é unha pena cando o político ou persoal se mestura co espectáculo. O programa tiña a súa xente a favor e os seus detractores. Eu penso que estaba moi ben, era un directo (que quedan moi poucos programas así), cun presentador que é o mellor no que fai e, de repente, houbo toda esa historia que fixo que o programa rematase dunha maneira tan ruin… Creo que o Supermartes, aínda que queiras que acabe (que non pasa nada), merecía un gran final porque forma parte da historia da TVG. Por aí pasaron xeracións enteiras. Foi unha aprendizaxe de cinco anos para min, que xa o quixeran moitos.
¡Todo o mundo coñece a alguén que fora algunha vez a ese programa!
¡Si! Tamén parece que hai cantinelas de que acabe Luar cada rato. ¿Quen o pide, a xente nova? A xente nova non ve a televisión un venres pola noite, pero a miña avoa si e faille ilusión. Gayoso é outro monstro da televisión. ¿Por que vas quitar algo que está ben? Tes que reivindicar e esixir que o resto da semana haxa algo para ti. Eu entendo que a TVG é unha televisión pública e ten que estar enfocada a todos os sectores, pero non quitando, senón sumando. Se algo funciona, ¿por que o vas quitar?
¿Por que cres que lle meteron man ao Supermartes e non ao Luar? ¿Xoga noutra liga?
Luar é un programa de produción propia, aínda que agora externalizaron partes, e o Supermartes era dunha produtora. Eu vivino dende dentro, e mesmo os executivos da televisión tiñan ese pensamento, pero paréceme un absurdo porque a xente non se entera desas cousas. Creo que nos falta o mundo da pomposidade, porque na televisión hai que vender fantasía. Para ver xente normal xa a vexo na rúa. Pareceume unha mediocridade e de xente que non sabe facer televisión de verdade. As formas foron un absurdo e nunca as entenderei.
Con El Club del Chiste deches o teu salto a nivel nacional. ¿Como o viviches?
Foi algo moi progresivo e moi bo grazas á TVG, porque funciona moi ben e a nivel técnico é unha pasada. A mecánica era bastante igual, pero cambiou o tema do impacto e que hai máis cartos para facer calquera cousa. De feito, para min foi un pouco frustrante porque en Galicia traballara moitísimo e de repente empecei a ser moi coñecido. Levaba 8 anos traballando na TVG, ¿é que teño que ir fóra para que se vexa o que fago? E iso que o programa era algo menor. Son as cousas que pasan e que hai que aceptar como foron. Foi marabilloso. Pilloume nun momento no que nada me ataba aquí, aínda que nunca pensara en marchar de Galicia.
¿Como é traballar en Madrid? ¿Cambia algo o tipo de humor?
A nivel profesional, en xeral, fun moito máis respectado. Foi unha sensación de que a xente pensaba: “como este está aquí, suponse que ten algo”. O humor claro que cambia, comezando porque cambia o idioma no que traballas. Ao final hai unha parte do humor que é moi universal e depende máis do teu estilo. Creo que o meu é sobrio e limpo, sen moitos adornos, pero o dos chistes nunca se me deu moi ben. Hai que ter moita arte para contalos e eu creo que non a teño, pero en Antena 3 dixéronme que me pagaban por iso ¡e non ía eu dicir que non! (risos) Hai cousas que tiven que cambiar cando levei o meu espectáculo. Non podes facer referencias locais, pero se o contextualizas ben, metendo ao teu público no teu mundo, pode funcionar. Hai xente que fala das cousas que se lles pasan pola súa cabeza e funciona, non todo ten que ser coñecido.
Ao escribir os teus espectáculos, ¿como sabes o que funciona?
Moitas veces testas entre os teus amigos, valo repetindo moitas veces… Cada vez tendo a que haxa máis parte de espectáculo, porque o texto vai tirando. Gústame que sexa algo pechado, con sentido, e hai moitas cousas que medran no escenario e outras van quedando atrás. Iso é un pouco o reflexo da miña vida, non fago nunca espectáculos totalmente novos pero si están en constante evolución.
En El Club Del Chiste había unha parte de interpretación, ¿foi aí onde xurdiu a túa paixón por ese mundo?
Si. Ata chegar ao programa levaba oito anos dedicándome a isto, pero nunca tivera un obxectivo claro. É un medio que me gusta moito, pero fixen de todo: dirixir, guionizar, colaboracións, presentar… Descubrín esa parte que nunca me chamara. De aí xurdiu esa ansia. Sempre estarán os monólogos, que espero que sexan sempre o meu modo de vida, pero na parte televisiva é o que me tira.
O teu último espectáculo foi coa banda Taninos Maduros, ¿que podes contar sobre el?
Nace da xenerosidade e da loucura, porque é un espectáculo cunha banda de jazz fantástica no que eu canto. ¡E eu canto moi mal! Tiña moitas ganas dun espectáculo grande, creo que o monólogo de saír co micro está moi queimado. Eles son unha banda co seu espectáculo clásico, pero accederon. É un show difícil de mover, de feito só formulamos facer sobre catro ao ano e ímolo cumprindo. Son oito músicos, moito equipamento… Eu gózoos moitísimo e creo que o público o agradece moito. A xente sae dicindo: “hoxe vin algo distinto”, e iso é un orgullo.
"o corazón fai un ritmo que vai máis alege ou tiste en función de cómo te sintas ti"
Polo tanto o humor e a música lévanse ben.
¡Non hai mellor maridaxe posible! Todos estes músicos que teñen don da fala trunfan, sempre me lembro de Rodrigo Romaní con Milladoiro, Anxo Pintos con Berrogüetto… Creo que a música levámola interna. Eu sempre digo que o corazón fai un ritmo que vai máis alegre ou triste en función de cómo te sintas ti. Emprego a banda de dous xeitos distintos, hai momentos nos que a banda son o espectáculo e outros nos que poñan a banda sonora, nun segundo plano apoiando o texto.
Ti es unha persoa moi activa nas redes sociais, e de feito neste espectáculo tedes unha aplicación para os móbiles.
¡Son menos activo do que quixera! Eu facía unha cousa de interacción co público, e foi un dos músicos quen suxeriu esta iniciativa. Como xa dimos por imposible o de apagar os móbiles, foi o de sempre: ¡se non podes co inimigo, únete a el! Fixemos esta aplicación ex profeso para o espectáculo e imos interactuando dunha maneira moi puntual. Non tería sentido pasar o espectáculo mirando cara ao móbil en vez de ao escenario, e así á xente quédalle un recordo.
¿Ao público faille ilusión o momento selfie?
O das fotos funciona moi ben, sempre o fago cando remato e saio saudar ao público. Decidimos facelo no medio, as fotos se subían no momento para que as puidesen descargar… E se a xente non as quere é tan doado como borralas. ¡Agora que as fotos xa non van en carrete non hai eses problemas!
Vas ser un dos protagonistas de Gym Tony, unha nova serie de Cuatro (cando se realizou esta entrevista aínda non se estreara). ¿Como te atopas?
Moi ilusionado, con moitas ganas de que se estree. ¡Que teña coidado a xente con diabetes cando me lea, porque estou ñoño perdido! Estou feliz e encantado. Chegou unha grande oportunidade, o proxecto perfecto para este momento, e estouno gozando moito.
¿Que nos podes contar sobre a túa personaxe?
A serie é sobre o ximnasio de Tony, e non sobre a bebida. Eu son o monitor, o tipo ten as luces xustas para pasar o día. Eu cravo á personaxe, ¡é un papel feito á medida para min! Non ten maldade, é moi cariñoso pero é moi parvo, moi parvo. As loucuras máis grandes que se che podan pasar pola cabeza tenas el. Para min o reparto é marabilloso, porque está cheo de cómicos recoñecidos como Santi Rodríguez, Antonia San Juan, Iván Massagué… Despois está xente como Carlos Chamarro, Tomás Pozzi, Juanma Cifuentes, Miriam Cabeza que é unha pasada, Mar Abascal que creo que vai ser un descubrimento que vai arrasar… Ver tanto cómico arredor é un luxo. Para min xa é un éxito persoal porque pasámolo moi ben.
¿Non che pon nervioso estar rodeado de tantos grandes?
Son mitómano a nivel positivo de admiración. Para min é unha motivación, non me fai presión nin me bloquea. Motívame a estar máis activo e espabilado. Imaxino que no seu día quen xogase con Michael Jordan non o estaría pensando todo o día, chega un momento no que gozas e eles fanche mellor a ti. Nada de presión, gozar, aprender e ver como traballan e resolven.
O título fai alusión a esa bebida tan de moda, o gin tonic. Se esta serie fose un cóctel, ¿que series empregarías como ingredientes? Sona moito Camera Café.
Creo que segue máis a liña de La Tira, porque Camera Café facíase a unha cámara e a nosa ten máis. Para ser unha serie diaria creo que é algo pretenciosa no sentido da calidade. É unha sitcom curta, ao estilo de 7 Vidas ou Aída pero concentrada, e dígoo porque temos directores das series traballando aí que din que os guións están ao seu nivel e coa súa esencia.
¿Confía Cuatro nel, agora que vén de cancelar outra serie diaria (Ciega A Citas)?
Son cousas que nin me preocupan, sobre as que non podo decidir nin influír. O máis positivo é facer ben o teu traballo. Eles claro que confían, pero sabemos como funciona este mundo: confiarán ata que comece a ir mal. Espero que funcione, que guste, e a intención é facer máis temporadas. Intento ser positivo e poder seguir traballando.
¿Que vai ser o que máis sorprenda da serie, ver a Usun Yoon como actriz?
¡É que de feito ela é actriz e ten traballado en varios países! Espero que destaque por boa. Mar Abascal vai sorprender, é a miña aposta persoal. É unha muller cun sentido do humor espectacular. Quizais outros actores desta serie estean máis contrastado, son moito máis coñecidos, e por iso ela sorprenda.
Viviches en Santiago durante anos, ¿como recordas esta época?
Débolle moito a Santiago á hora de namorarme desta profesional. Sempre pensei que acabaría en Santiago, pero agora non me vexo vivindo na cidade. Vivín en sitios preciosos como na Praza do Toural ou na rúa Preguntoiro, nun piso marabilloso no que cando estabas sentado no cuarto de baño vías a Catedral. É moi bonito, ¡son dous momentos máxicos xuntos! Estaba totalmente namorado da cidade e do seu ambiente: do Modus Vivendi, dos monólogos, de Carlos Blanco, Kiko Cadaval… A través de Fran Hermida fun descubrindo a cidade e foime engaiolando de tal maneira que había semanas que só traballaba un día pero pasábaa toda alí. Dáme pena que se perdera o ambiente universitario, non só polo ocio nocturno, senón por esa ebulición na rúa. Creo que dispersar tantas universidades é un erro, porque ao final non deixan de ser unha continuación do instituto. Creo que Santiago é a cidade perfecta para ese ambiente. Se é unha capital europea, a xente nova é a que a debe impulsar, e creo que está ben aglutinar xente nova porque, ao tela separada, é máis doado controlala. Cando vivía en Santiago adoitaba ir pasear polas noites e subía ata a Quintana, que é a miña praza preferida, e houbo noites que estiven so, todo un privilexio. Mesmo unha noite de verán quedei en calzóns, ¡tiña toda a praza para min! Era unha noite moi agradable, a pedra daba moito calorciño…
Xa sabemos que a Quintana é o teu lugar preferido de Santiago, pero ¿despois cal estaría?
Todos os típicos, coma o parque de Bonaval, que para min foi un descubrimento tardío. Ter unha cidade con algo así ao lado e ao que podes ir camiñando… É máxico, pero creo que en Santiago todo o é. Cada lugar é un anaco de historia. Sempre se di que todo está mal pero tamén hai cousas que están ben, coma o recuncho onde todos os veciños plantan. Ademais estou desexando xubilarme para ir ver as obras da Cidade da Cultura, que seguirán daquela.
¿Como é o público da cidade?
Eu vou formulando pequenos obxectivos e un deles era o Teatro Principal. Pensabamos en facelo no Auditorio, pero o Teatro era un lugar máxico. Era a segunda vez que estaba, coincidiu cun partido da Champions e estivo cheo. Iso dáche a medida da cidade, de como se move, como pensa… Para min ese tipo de actuacións son un agasallo. Creo que se teño algún segredo e por qué gusto á xente é porque se me nota que estou gozando. Para min ter ese teatro cheo é un privilexio.
¿Volveríaste quedar en calzóns na Quintana?
Hoxe en día hai cámaras na praza, pero puidendo estar so… ¡Foi unha cuestión de sentir a pedra! A xente sabe que o contacto coa pedra é moi agradable, ¡pero faríao sen cámaras!
AIBASA - Servicio Oficial Peugeot. Rúa Santa Eulalia, 11-13 Vilagarcía. Telf: 986 51 02 22 AIBASA
Tu boutique de moda para hombre y mujer con diseños de inspiración marítima. C/ Edelmiro Trillo nº21, Vilagarcía. Telf: 986 551 881 Visita nuestra web
AFYT - Asesoría, consultoría y gestoría con 40 años de experiencia en el sector - Rúa Arzobispo Lago, 17, 36600 Vilagarcía de Arousa, Pontevedra- Tlf: 986 51 15 42. - https://afytasesores.com/
Envases metálicos para el mundo. Ctra. Pontevedra - Vilagarcía Km. 13.800 - Meis (Pontevedra) Telf: 986 71 67 07 - Visita nuestra web
Diseño e Interiorismo. Plaza de Galicia nº19 5º, Vilagarcía de Arousa. Telf: 986 509 006 | 670 517 181 E-mail: jorge@jorgejimenezinteriorismo.es
Organización y administración financiera de empresas. - C/ Romero Ortíz nº22 - 1º dcha., Vilagarcía. Telf: 986 509 069
Profesionales de la mecánica general, chapa y pintura. C/ García Hermo nº2, Vilagarcía. Telf: 986 511 340 | 658 848 670 | 622 586 026
Almacén de Maderas - Suministros para carpintería y bricolaje. Polígono Ind. Bamio. Telf: 986 50 84 44. | Venta al Púbico : Avd. Valle Inclán, 11 - Vilagarcía. Telf: 985 50 19 20
Especializados en el desarrollo del negocio de nuestros clientes. Avda. Vilariño nº16 Bajo, Cambados. Telf: 986 520 366 E-mail: info@canedaychamosa.comVisita nuestra web
Jaema- Nuestro mejor deseo sois VOSOTROS - La mejor Navidad es la que pasamos contigo. Haciéndote sentir seguro desde 1990. Este 2020 cumplimos 30 años a tu servicio. - Juan Carlos I nº20, Local 1, Vilagarcía. - Telf: 986 510 244. - Visita nuestra web