Logo de la empresa

Entrevista a Gustavo César Veloso, ciclista profesional

Fátima Frieiro Santaya | Revista eSmás Vilagarcía Nº 10

Non fun eu o que escolleu ser ciclista. Foi o ciclismo o que me escolleu a min
Entrevista a Gustavo César Veloso, ciclista profesional

 

Naceu en Bamio hai 35 anos e presume de ser de Vilagarcía alá donde vai. Foi o ciclismo, cando tiña case 18 anos, o que chamou á súa porta e foi sobre unha bicicleta donde colleitou triunfo tras triunfo.

Os últimos, a Volta a Portugal ou o Tour de Río. É, sen lugar a dúbidas, o ciclista arousán máis internacional e un apaixoado do mundo do deporte. Gustavo César Veloso debulla cómo é a vida dun ciclista profesional e, sobre todo, qué sinte cada vez que colle a súa bicicleta e cruza a liña de meta.

Cando empezaches a ter interese polo ciclismo?
Pois a verdade é que a moita xente lle sorprende porque foi bastante tarde. Eu empecei a competir en bicicleta en plan serio cando tiña 18 anos. É certo que fun deportista toda a miña vida. Fixen de todo, aínda que para min o deporte sempre foi un xogo. Fútbol, baloncesto, atletismo... sempre me apuntaba a todas as actividades extraescolares que se facían na escola, pero nunca dende o punto de vista da competición. Non obstante é certo que a competición é algo que levas dentro e, ao final, sempre acaba aparecendo esa inquedanza. Foi despois dunha tempada sen facer nada cando se me deu por saír en bici cun ciclista daquí de Vilagarcía ata o Xiabre. Outros días tamén saía con meu irmán maior e xa o fun convertendo nunha rutina da fin de semana.

Como pasou de ser un entretemento a ser algo profesional?
Teño que dicir que Indurain tamén xogou un papel importante. Naquel momento estábao gañando todo e a min entroume o “gusanillo”. Eu estudaba naquel momento e estaba desexando que chegara o verán para coller a bicicleta. Aos 18 digamos que chegou o punto de inflexión cando ingresei no Club Ciclista de Cambados, de junior. Aí empecei a competir. Na primeira carreira que corro quedo terceiro e aí xa me dá o subidón. Cando me quixen dar conta estaba metido ao cen por cen no ciclismo, gañando carreiras. Aos tres anos diso era profesional.

Non é fácil compatibilizar a competición cos estudos...
Non, non é fácil, sobre todo cando che pasa como a min que vagueara bastante no instituto. A min coincidiume que no 2000 fun chamado pola Selección Española para correr a Volta a Cataluña, xusto o ano no que tiña que facer Selectividade. Aí tiven que decidir. Optei por ir á Selección Española. Saíume ben a xogada porque se me abriron as portas do Campionato do Mundo Sub 23 e daí pasei a profesionais, pero moitas veces penso que se me aplicara un pouco máis daquela podería ter pasado a Selectividade e logo entrar na universidade donde xa sería máis sinxelo compatibilizar estudos coa competición. Eu intentei seguir nas aulas cun ciclo superior, tamén vinculado ao deporte, pero faltaba moito a clase e perdía o dereito a exames. Era practicamente imposible. De todos xeitos, cando deixe a bicicleta, non descarto retomalo.

Cómo é un día normal para César Veloso?
Pois hai días moi diferentes e outros que son absolutamente normais dentro do que pode ser a miña preparación. Agora mesmo estou nunha fase na que estou adestrando pouco porque estou ben de forma e veño de estar correndo de modo continuado no último mes. Nesta época de adestrar menos fago como dúas horas ao día, algún tres. Hai outras fases nas que teño que coller forma e podo estar en 25 horas á semana de adestramento. Cando estou aquí na casa a cousa cambia porque teño dous fillos e teño unhas responsabilidades.

E cando está próxima unha carreira?
Pois por exemplo para preparar a Volta a Portugal dous meses ou tres meses antes intento aislarme o máximo posible. Todo o que me falta en meses anteriores eses dous ou tres sono ao máximo, en exceso. Teño a sorte de que a miña muller, amigos e familia están aí para botarme unha man. Normalmente marcho e fago unha concentración en altitude que dura entre 20 e 25 días. Logo baixo para facer unha competición como pode ser a Torres Vedra ou o Trofeo Xaquín Agostiño e automaticamente volvo a subir unha semana máis a altitude. Os primeiros días da concentración é cando máis traballo, nos que máis horas fago... A min cóstame moito perder peso... non é fácil perder peso sen perder forza. Nesa época de preparación pode dicirse que estou as 24 horas do día vivindo para a bicicleta. Non poño o despertador para levantarme, cando desperto almorzo e collo a bici, normalmente sobre as doce da mañá. Practicamente a comida que fago é encima da bicicleta, chego de volta e pico algo como unha fruta e logo tomo unha boa cea. Procuro comer sempre sano e limpo, iso é fundamental.

Cal é o peso idóneo para un ciclista de competición?
Para cada ciclista é diferente. A min por exemplo cóstame moito perder peso. Chega un punto que baixar da barreira dos 70 quilos é case imposible e teño que facer cousas que non son recomendables para unha persoa normal. Teño que controlar ao milímetro as calorías que como e as que gasto. Eu como en función do que gasto, non gasto en función do que como.

É certo que agora te atopas nun momento moi doce revalidando o triunfo na Volta a Portugal e coronándote no Tour de Rio, pero houbo momentos duros nos que incluso te viches sen equipo...
Non é que me vira sen equipo, é que me quedei sen el. Foi no 2010. É certo que no pasado non tiven moita sorte porque me coincidiu xusto no peor momento da miña carreira deportiva. Estaba no máis alto tanto a nivel económico como deportivo e iso implicoume ter que volver empezar de novo de cero. De todos xeitos son cousas da vida e ás veces os golpes hai que sabelos encaixar. Todo depende de se ves o vaso medio cheo ou medio baleiro. Igual se me pasara antes non conseguía volver ao ciclismo. Volvín porque xa tiña un palmarés e agora aquí estou.

Foi un momento no que se che pasou pola cabeza deixar a bici?
Si, porque foi unha forma traumática de quedarme fóra. Eu estaba apalabrado polo manager do equipo durante a Volta a España. Todos confiabamos en que iamos seguir e ao final quedámonos na rúa. De todos xeitos son cousas que forman parte do pasado e eu polo menos teño a conciencia tranquila e podo durmir tranquilo, non sei se outros poden. Ao final a clave é mirar hacia adiante e seguir.

Estás contento co equipo actual?
Agora estou nun equipo máis pequeno e estou con menos presión, entre comillas. Na Volta a Portugal ía liderando e aí si que notas máis presión que antes. O que si é que quizáis disfrute máis agora. O feito de verme fóra do ciclismo fíxome volver a engancharme a este deporte e a volver a disfrutar del como facía tempo que non o facía. É certo que moitas veces cando ves aos ciclistas na Volta España, no Tour de Francia ou no Giro de Italia todo é moi bonito, pero tamén hai moitas presións por detrás. Ese ano que estiven na rúa ensinoume a madurar. Ao fin e ao cabo todo son experiencias e intento sacar as malas para un lado e quedarme coas boas e aquí estou dando guerra.

Un gran momento cando te coronaches en Portugal por segundo ano consecutivo... Víaste con opcións de revalidar antes de comezar?
A verdade é que si. Nas últimas tres Volta a Portugal fixen un segundo posto e unha vitoria a medias con Álex Marque. Fixemos historia cunha diferencia mínima de catro segundos que nos xogamos finalmente na contrarreloxo. Foi ese ano cando caín na conta de que podía desputar a vitoria. O ano pasado xa fun a gañar. Despois do triunfo do ano pasado este ano sabía que tiña posibilidades. A vitoria do ano anterior sempre che dá confianza, pero ao mesmo tempo tamén sabes que vas estar máis vixiado. É unha gran responsabilidade tanto para ti como para o equipo. Un bo equipo sempre conleva a metade da vitoria. Un ciclista sen equipo non é ninguén. Na Volta a Portugal o equipo controlou a metade da carreira á perfección. É importante ter un bloque forte para aguantar unha carreira durante tantos días e ir diante tirando do carro, todo ten que ir coordinado.

E logo ao Tour de Río practicamente sen un respiro no camiño...
Si, pero tamén ten a súa parte boa. Ao acabar a Volta a Portugal tes ese punto de forma diferente, un ritmo no corpo de correr e de competición que ao mellor si que non tes cando empezas a Volta. O Tour de Río é distinto en moitas cousas. Son equipos de seis, en vez de nove, e córrese dunha forma moito máis desorganizada e sempre con ataques dende a saída ata a entrada. Eu tiña un equipo forte porque seis dos que fomos xa viñamos de Portugal. Entre todos conseguimos desbancar a Óscar Sevilla que era o líder da segunda etapa. Fixémolo traballar moito para que non tivese ningún tipo de ventaxa ata que quedou só. Cando quedou só aínda quedabamos tres compañeiros aí facendo o traballo de desgaste. Aí entrei en xogo eu, que son máis especialista en contrarreloxo que escalador. Nos últimos cincuenta quilómetros e coa carreira totalmente rota conseguín unha ventaxa que me axudou a ter tranquilidade. O resto do Tour foi ir nas rodas dos compañeiros e pouco máis.

Esa imaxe túa, como vencedor, entrando na meta coa bicicleta ao lombo xa é todo un icono que está na retina de todos os vilagarciáns...
Esa imaxe dou bastantes voltas si, pero para min ese momento foi totalmente automático. No tramo final da meta os coches dos mecánicos son desviados a 400 ou 500 metros da liña final. Eu caín a 300 metros. Eu tiña que chegar e pola situación ou o facía andando ou esperaba polo mecánico que xa fora desviado. Cando fun a coller a bici tiña a roda de diante pinchada e estaba rota, era imposible ir encima dela. No reglamento queda ben claro que un ciclista ten que entrar na liña de chegada coa bicicleta enteira, non lla pode levar ninguén. O mecánico díxome que esperara, pero eu non o vía necesario. Botei a bici ao lombo e pasei a liña de meta que era do que se trataba. Alí en Río déronlle moito bombo e falaban de que entrei así un pouco tipo “espartaco”. A cuestión é que non é algo inusual nas carreiras. O que si pode ser algo inusual é ver entrar ao líder. O meu tempo estaba garantizado porque hai unha regla en ciclismo que se tes unha avería nos últimos tres quilómetros danche o tempo do grupo no que ías cando caíches. Eu niso non tiña problema, tiña tempo de sobra. Entendo que á xente lle sorprendera porque estas cousas moita xente non as sabe.

Son moitas horas encima da bicicleta. En qué se pensa cando se pedalea?
Pois pensa que unha etapa pode chegar a durar entre catro ou cinco horas. Estar concentrado ao cen por cen é moi complicado. Hai momentos que tes que estalo e outros nos que te relaxas máis. Todo depende tamén da carreira e da etapa. Por exemplo hai momentos moi estresantes e complicados cando che dá o vento de lado e donde te pasas toda a etapa intentando estar na parte de diante do pelotón, cunha rotación constante entre compañeiros. O certo é que normalmente hai moito tempo para falar cos compañeiros e incluso cos rivales. De feito unha das cousas boas que ten o ciclismo é o ambiente que hai. Un pode ser o meu rival nun momento determinado e ao mellor estiven falando con el vinte quilometros antes como un amigo. Un exemplo é Álex Marque que foi meu rival na carreira e adestramos xuntos. Cando chega o momento cadaún fai o seu traballo e punto. Hai moi moi bo ambiente.

O que está claro é que lle colleches o gusto ao país veciño. Vaste ter que nacionalizar portugués...
(Risas) Eu vivo aquí todo o ano e só me desplazo para as competicións, pero é verdade que lle teño moito cariño a Portugal. Alí foi donde pasei a ser profesional, dado que nos meus inicios estiven no equipo Boavista. Despois vin para España e agora, paradoxicamente, estou rematando a miña carreira deportiva en Portugal. É un sitio ao que lle debo moito tanto como ciclista e tamén como persoa. Aprendín moitísimas cousas dos equipos dalí. Cando vou síntome como se estivese na casa. Ademais agora son unha persona relativamente coñecida no mundo do ciclismo máis alá que aquí.

É igual o afeccionado español que o portugués?
Non. O afeccionado portugués é máis “fanático”, no bo sentido. Entenden moito máis de ciclismo. Eu sempre digo que quen non veu unha etapa da Volta a Portugal non sabe o que é o ciclismo, porque hai etapas que nada teñen que envidiar a calquera outra doutras voltas do mundo. A cantidade de xente que vai a ver a Volta é impresionante, só de pensalo pónseme a pel de galiña. Ao fin de contas cando estás a gusto nun sitio é porque a xente tamén te fai sentir a gusto.

Hai opcións para poder ver a Gustavo César Veloso correr de novo en España?
O panorama en España é o seguinte. Agora quedan dous equipos. Eu cheguei a correr en España cando había dez. É como se pechan o 80 por cento das empresas en España, o 80 por cento da xente quedaría sen traballo. Iso é o que me pasou a min e é a principal razón pola que estou en Portugal e non en España. Estou seguro de que se agora saísen novos equipos aquí tería posibilidades de virme, pero a crise do ciclismo é brutal. Dende o ano 2004 e 2005 foi a peor e non sei canto vai durar. Haberá que esperar a ver se repunta, pero a min xa non me vai coller nesa subida. O que si hai corredores novos, moita canteira, que teñen que abandonar porque non teñen donde ir. Espero que saian equipos novos e que lles dean oportunidades como as que tiven eu no seu día

Ti correches a Volta a España que partiu daquí, de Vilagarcía. Foi iso unha presión engadida?
Para min non foi presión, para min foi un premio. Eu viña de estar un ano sen correr e sabía que a nivel de rendemento ía ter dificultades. Costoume moito coller o punto e arrancar para volver ser o ciclista que era. No 2013 foi donde realmente me volvín sentir ben de novo. Estar aquí, na saída, foi un soño feito realidade, un recordo que gardo como algo especial. Son desas cousas que te levas ao final, por encima do material. Momentos como o que vivín aquí ou en Cambados con toda a xente gritando o teu nome para nada dá presión. Cando estás na túa vila e a xente está así contigo estando xente como Contador, Purito, Valverde ou Froome na mesma carreira é impresionante. Como deportista é moi bonito.

Falabas antes de que Indurain é como o teu ciclista fetiche. Hai algún dos actuais que che sirva de referencia?
Para min Indurain a día de hoxe segue estando nun pedestal. Falo con el e méteme o mesmo respecto que cando era un neno. Para min no mundo do ciclismo é un dios. Na actualidade un dos que máis me gusta é Purito, sobre todo pola forma de ser. É un dos ciclistas máis señores encima da bicicleta.

Dá o ciclismo profesional para vivir?
Dá para malvivir mentres sexas ciclista. Cando deixas a bici tes que traballar ao ano seguinte como calquera persona normal. Se tes a sorte de entrar en determinado momento nun equipo grande cun bo contrato pode darche para varios anos de tranquilidade ou para investir nalgún negocio. Hai outros, que son os que están nos podium das grandes voltas ou das clásicas, que si poden solucionar a vida. Pero son catro. Eu non o conseguín. Eu estou facendo unha casa e na teño acabada. Tiven mala sorte porque a min débenme cartos varios equipos nos que estiven. Teño xuízos gañados, pero os cartos non aparecen. Neste caso a xustiza non valeu para nada, porque a razón eu xa sabía que a tiña.

Agora parece que está de moda potenciar o uso da bicicleta, rutas peonís... Como ves a Vilagarcía como cidade amiga deste tipo de transporte?
É certo que a xente usa máis a bicicleta, pero non hai unha infraestrutura adecuada para poder facer uso dela con certa seguridade. Falta ademais moita educación por parte dos condutores, dos ciclistas e dos propios peóns e isto no fondo é unha cuestión cultural. En Vilagarcía, aquí cerquiña, temos uns raíles de tren que atravesan unha estrada principal que son un auténtico “san benito” para os ciclistas. Eu non coñezo a un só ciclista que non caíra no Ramal algunha vez. Son unha auténtica trampa, unha lotería o caer ou non caer. Non é que dependa do ciclista, é que depende do tráfico que haxa na estrada. Eu se teño o tráfico cortado non caio nese raíl nunca, porque tomo as miñas precaucións, pero co tráfico os imprevistos que poden xurdir son moitos. Se houbese aquí unha cultura respecto do uso das bicis como hai en Holanda nunca se faría o que se fixo no Porto. Buscaríase unha maneira de facer que fose menos perigoso, seguramente habería un carril-bici paralelo fóra da estrada ou poñerían tapas aos raíles. Alí teñen outro respecto pola bicicleta. De feito non é complicado ver a un ministro entrar no Parlamento en bici ou a un traballador dun banco chovendo con roupa de augas ou un pouco. Para eles coller a bicicleta é como para nós poñer un pantalón.

Tes dous fillos... xa teñen dentro o bicho do ciclismo?
Non, para nada. Eu intento que disfruten do deporte, pero non lles meto na cabeza nada relacionado coa competición. O meu fillo maior, por exemplo, é moi competitivo e eu intento restarlle importancia a esa parte. O que importa é que o pasen ben. Eu fixen moitos deportes e ao final acabei no ciclismo. Se algún deles o engancha pois apoiareino. Eu sempre dixen que eu non escollín o ciclismo, foi o ciclismo o que me escolleu a min. Fixen de todo e ao final acabei encima da bicicleta. Aos meus fillos algún día chegaralles tamén o seu momento e eu como pai teño que estar aí para orientalos, non para escoller o camiño por eles.

Cal é o teu futuro inmediato?
Pois seguir correndo en bici. A min gústame moito e mentres teña a cabeza con ganas e o corpo me responda seguirei correndo. Non sei cantos anos, non me poño un límite. Cando chegue un momento en que me sature direime “non quero correr máis”. Será aí cando deixe a bicicleta. Teño algún proxecto en mente, pero aínda hai moito que perfilar.


Anunciantes en el número actual la revista eSmás:


Scroll to Top