Logo de la empresa

Entrevista a Manolo Paz, escultor

Fátima Frieiro | Revista eSmás edición O Salnes Nº 8

O artista é profeta na súa terra, onde conta con unha Fundación propia dedicada a conservar e difundir a súa obra
Entrevista a Manolo Paz, escultor

Non resulta estraño falar da escultura en Cambados porque hai grandes nomes que representan esta arte por toda a xeografía española. Unha desas figuras é Manolo Paz. Non é só profeta na súa terra, se non que vai máis alá. O escultor ten en Castrelo (Cambados) a Fundación Manolo Paz, dirixida por Julia García Escudeiro, un espazo moi especial dedicado a conservar, difundir e estudar a súa obra, a crear o Museo Manolo Paz Arte Contemporáneo, e a organizar exposicións temporais e itinerantes, así como simposios, cursos, seminarios e xornadas sobre arte contemporáneo.  

 

Comecemos polo principio. Sempre soubeches que querías ser escultor?

Iso si que o tiven sempre na mente. Quería ser escultor ou toureiro, desas cousas que non sabes porqué. O de ser toureiro quedouse aí no tempo e de escultor foi crecendo un pouquiño máis esa motivación. E aquí estamos agora vivindo diso.

 

Estudiaches na Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo de Santiago de Compostela. Que che aportou esta formación para ser quen es agora?

Foi moi importante. Eu tiña a ansiedade de coñecer escultura e xente que estivese relacionada co mundo da escultura e aquí, na miña aldea, non había xente dedicándose a ese tema. Foi moi interesante. Onde eu vivía a xente falaba do campo, do viño, do mar… Pero de escultura e arte non. Entón a etapa no Mestre Mateo foi como chegar ao paraíso.

 

Nada máis rematar en Santiago, fustes mestre na Escola de Canteiros de Poio. Que significou esta etapa como educador para un escultor?

Persoalmente foi moi forte todo iso. Aínda estás aprendendo e de repente aparece a oportunidade de dar clase. Ao principio non o asimilaba pero despois fíxeme un exame a min mesmo, que foi pensar que podía ensinar eu. A miña conclusión foi ensinar o que a min me ensinaron e me gustou, e ensinar tamén o que quería que me gustase e que non me ensinaron. Así podo estar libre de culpa porque polo menos vou ser sincero no que vou aportar.

 

No 1983 estiveches en Nova Iork e tomastes contacto con novas tendencias. Como influiu esa estancia no teu traballo?

Foi moi interesante esa viaxe porque eu estaba facendo unhas formas moi aéreas de formigón e experimentando con novos materiais. E cando me din conta aínda non saíra nun avión. Isto non podía ser e pensei: ‘Por que non cruzar o charco?’. E así foi. Cheguei alí na época da Reagan, que parecía que ía rebentar todo alí. Por exemplo no museo Whitney había varias obras pero unha delas chamoume a atención. Era un monte de garabullos cunhas peles de conexo enriba e pensei: ‘Esta é a cultura dos indios. Quen vai facer a nosa?’. Aí empecei a darlle voltas ás cousas e ao mesmo tempo, na rúa estaba Jean-Michel Basquiat, Keith Haring facendo grafiti, nunha época moi viva. Nese momento fixen unha pequeniña reflexión para, ao regresar, facer un traballo distinto. Cando subes ao avión só queres chegar a terra canto antes. O concepto da terra. Case todo sae da terra. E pensei que tiña que traballar niso porque sería o futuro que podemos deixar. A partir dese momento comecei a aproveitar a forma natural que teñen as pedras e intervir nelas deixando o meu selo, do meu paso no tempo. Esta viaxe foi fundamental para buscar a identidade do meu traballo.

 

En canto ás túas esculturas, ao longo do tempo foron evolucionando, sobre todo en canto a materiais. Que é o que te leva a ir introducindo cada vez máis novidades?

Son momentos. Moitas veces tamén cando fas exposicións, o espazo pide un material ou outro. Hai pouco fíxose unha escultura en Boiro, de aceiro inoxidable de oito metros, que incluso a fixeron os mesmos empregados da fábrica porque saben soldar mellor ca min.

Que significa para un escultor que expoñan os teus traballos en galerías e participar en feiras e exposicións?

Paréceme do máis normal. Ti estás aí e tes que estar nestes sitios que son un escaparate. Sempre tes que estar aí aportando algo distinto. Non te podes quedar no tempo se non... A vida é iso. O que está feito xa está feito, sempre hai que ir a por outras cousas.

“A primeira viaxe a Nova Iork foi fundamental para buscar a identidade do meu traballo”

 

Manolo Paz escultor en Cambados  

 

No 1992 consegues a Beca Unión Fenosa de Creación Artística en el Extranjero e regresas a Nova Iork. Houbo diferenzas ou cambios entre esta segunda etapa nesa cidade e a anterior

Foi unha etapa distinta porque o mundo evoluciona e o meu traballo tamén o fai. Nesa etapa traballei os Menhires, que están deseñados alí. Alí tamén traballei con outros materiais ademais do granito. Vivín alí dous anos que os dedique a crear, cousas non moi grandes, e a pensar ideas para despois realizalas.

 

Entre as túas obras, no 2002 realizas A dónde llega el mar, onde plasmas que hai baixo unha batea de mexillóns. É un elemento moi característico do teu lugar de nacemento. Fálanos desta obra e de como surxiu.

Esta obra é unha homenaxe a Joan Miró, porque realmente era na súa Fundación. Eu fixen pesca submarina na ría e esa era unha paisaxe da nosa zona. E pensei: ‘Por que non ensinarlle isto á xente que non estivo debaixo da auga?’. E cunhas cordas de batea de aquí quixen crear unha paisaxe mariña, un espazo de nove metros de altura e estaban as cordas da batea a nivel natural, que incluso cada vez se ían cambiando para ir cambiando de color a escultura cada mes.

 

Como se pode comprobar, a temática de todas as túas obras vai variando. Que che inspira ou que te leva a cada unha desas temáticas?

Saír da monotonía. O que che da é esa liberdade de poder crear e é o que che alimenta o espírito de estar aí, vivo.

Tamén realizastes traballos de temática eclesiástica, como Catedrales, Agua Bendita y Capillas. É un campo co que querías traballar?

Máis ca relixioso digamos que é a integración de arquitectura, de paisaxe, o que pasa é que lle poño eses nomes porque a maioría das veces está a simboloxía da cruz, pero estamos falando do románico no medio da paisaxe, que está moi ben integrado.

Tamén fixen a cruz de cando o Papa visitou Santiago de Compostela. Son dous elementos de granito negro, e cada pedra leva unha antalla, e van as dúas xuntas. É unha cruz aberta para todo o mundo, para todas as formas de pensar e quen fai a cruz é o aire que se respira.

 

Cando nace a Fundación Manolo Paz e cal é o obxectivo deste espazo?

Naceu dunha maneira natural porque realmente tiñamos o sitio, tiñamos as esculturas e tamén era unha forma de que o vira máis xente. Poñer un horario e que a xente poida visitar este espazo que está ao lado do mar.

 

Na Fundación realizades unhas xornadas. Fálanos delas.

Son unhas xornadas relacionadas co arte contemporáneo, na que entra arquitectura, paisaxística, coleccionismo... Entra toda esa parte que axudou a que o arte contemporáneo exista. É o que nos da un pouco de evasión ao lado na monotonía. E incluso de valores que están e que se fixeron ben, máis ca un premio é un recoñecemento a alguén que fixo algo que serviu para a sociedade humana. O primeiro premio foi para Xerardo Estévez, por integrar a historia coa contemporaneidade en Santiago, o segundo foi para Román Pereiro, que daquela tamén axudou a que en Galicia nos xuntásemos todos no proxecto Atlántica, e foi moi positivo para os artistas galegos. E o terceiro foi para Rosina Gómez, que foi quen abriu o arte contemporáneo ao mundo en España, que estaba a feira de ARCO e foi ela a directora 25 anos.

 

No 2011 noméante académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario, na sección de Escultura. Que significou este nomeamento para ti? En que che influíu?

Non o esperaba. Son destas cousas que cando cho din non as esperas. E cando te das contas foi outro proceso natural, de que te vas facendo maior.

 

No 2014 regresas a América, esta vez para expor alí por primeira vez a túa obra no Centro Cultural de España en Panamá (Casa del Soldado). Como te sentistes?

Hai outra atmosfera. É océano Pacífico e é verán todo o ano. É como que hai outra maneira de ver o arte, non é coma no norte, que vai frío e axuda a alimentar o espírito. No Pacífico é como que che da vagancia todo (ri). É outra maneira de ver o arte. O ano pasado estiven nas feiras que fan de arte contemporáneo e é outra atmosfera, outra forma de entendelo. 

 

Se tiveses que quedarte cunha soa das túas obras, con cal sería?

Aínda a teño sen facer.

 

Próximos proxectos para Manolo Paz?

Agora mesmo estou cun proxecto para uns xardíns de Alemaña. Ademais deste tipo de proxectos, aquí sempre hai algo ao que darlle forma a este espazo ao que sempre veño e me enche de enerxía.

Manolo Paz


Anunciantes en el número actual la revista eSmás:


Scroll to Top