Logo de la empresa

Entrevista a María Pérez, subcampeona del mundo

Lucía D. Bóveda | revista eSmás O Salnés Nº16 - Primavera 2021

María Pérez tan só tiña 12 anos cando colleu por vez primeira as palas dun kayak
Entrevista a María Pérez, subcampeona del mundo

María Pérez tan só tiña 12 anos cando colleu por vez primeira as palas dun caiac. Pouco despois, decidiu cambialo pola canoa, unha decisión que semella acertada se observamos a súa colección de medallas. Porque nestes anos, ademais de gañar en varias ocasións en diferentes competicións galegas, fíxose xunto con Antía Jácome coa medalla de prata na categoría C-2 500 metros na Copa do Mundo de Pista de Montemor-O-Velho en 2017 e, no mesmo ano, co mesmo metal no Campionato de Mundo Sprint xuvenil y Sub 23 en Romanía, neste caso na categoría C-2 200 metros xuvenil. A cambadesa, que pertence ao Club O Muíño de Ribadumia, forma parte na actualidade do equipo nacional do Centro de Alto Rendemento de Sevilla (CEAR) e compaxina os seus adestramentos cos estudos de Medicina na universidade da cidade andaluza.

 

Cando comeza María Pérez a dar paladas?

Eu empecei en piragüismo máis ou menos no 2012 e na canoa comecei un pouco máis tarde, xa nas categorías de cadete.

Por que decidiches elixir esta disciplina?

Cando eu empecei non era das máis habituais, pero foi a que máis me gustaba. Xa levaba uns anos en caiac e a canoa, a verdade, é que me gustaba un pouco máis.

Practicaches outros deportes antes ou sempre tiraches cara este tipo de disciplinas?

Si, antes de piragüismo fixen natación. A verdade é que sempre me gustaron os deportes de auga, e o piragüismo gústame bastante.

Pensas que é complicado abrirse camiño no mundo do piragüismo?

Para min non está sendo complicado. Penso que, si te gusta e te esforzas, todo se pode sacar adiante. Para outra persoa calquera pode que lle custase máis, todo depende de como sexa e do esforzo que realice.

Se tiveras que elixir un referente neste mundo, quen escollerías?

Na miña disciplina de canoa os referentes son David Cal, que é galego e conseguiu cinco medallas olímpicas, e hai unha rapaza estadounidense que se chama Nevin Harrison que é agora campioa do mundo. E esa rapaza é tamén un moi bo modelo a seguir.

Con palmareses como o de Teresa Portela ou David Cal, pensas que o piragüismo foi gañando visibilidade en Galicia?

Eu penso que si, mais xa non só a nivel galego. En Galicia, malia as condicións que temos -o frío, o mal tempo en inverno, etc.-, aínda se practica bastante o piragüismo. Pero xa a nivel de España hai outros piragüistas que comezan a promovelo un pouco máis, empézase a ver un pouco máis en medios de comunicación... Si que se está a visibilizar bastante máis. 

Xunto a Antía Jácome gañaches a prata na categoría C-2 500 metros da Copa do Mundo de Pista de Montemor-O-Velho en 2017 e, no mesmo ano, fúchedes subcampioas tamén no Campionato de Mundo Sprint xuvenil y Sub 23 en Romanía, neste caso na C-2 200 metros xuvenil. Como se sinte unha ao subir ao podio dun campionato mundial?

Penso que tes que vivilo para sabelo, é moi emocionante. Acabas de remar e estás reventada, pero non che acorda o cansada que estás coa emoción de gañar unha medalla. É unha sensación de euforia e a verdade é que non se pode comparar con outra cousa.

E agora estás coa mira posta nos Xogos Olímpicos de Tokio 2020. na que vas intentar clasificarte, como o levas?

Hai que adestrar moito. É bastante duro pero hai que intentalo, se non se intenta non se pode facer.

Pensas que tes posibilidades neste ano para conseguilo?

O barco está xa bastante perfilado e eu penso que, si se intenta, non se pode perder a esperanza.

Como vos está afectando a pandemia no mundo do piragüismo?

Ao principio, cando pecharon todo en marzo do ano pasado e non se podía remar, o club axudoume bastante e deume medios para poder seguir adestrando. Por exemplo, deixáronme un ergómetro, que é un simulador para facer técnica na casa e poder adestrar. E, a verdade, é que estiven adestrando sempre, practicamente todos os días e moi ben. Entón cando volvemos saír á auga en xuño eu estaba bastante ben. E seguimos adestrando, porque o piragüismo a verdade é que é un deporte que se fai bastante ben ao aire libre, polo que non temos moito problema. Eu son Deportista de Alto Nivel (DAN) e a nós dannos moitas facilidades para adestrar e o único problema que podemos ter é para ir ao ximnasio, para compaxinar os grupos, etc. Pero foi bastante fácil.

E, á hora de competir, cambiaron moito as cousas?

Aínda pode haber público pero, por exemplo, hai espazos pechados para os deportistas. Na miña opinión é moito mellor así, porque ás veces había demasiada xente no campo de regatas e non te podías concentrar, mais iso xa é a opinión de cada un.

Aínda que agora te moves entre Cambados e Sevilla, formas parte do equipo nacional de piragüismo do Centro de Alto Rendemento (CEAR) de Sevilla. Como é a vida alí?

Levántaste á mañá, adestras, descansas un pouco e xa che dá a hora de comer. E, á tarde, de novo a adestrar e, se te queda tempo libre despois, estudar e xa descansar para comezar o día seguinte de novo. As fins de semana si que temos un pouco máis de tempo.

Alí estás con compañeiras galegas, como Antía Jácome, María de la Peña ou Antía Otero. Axuda isto a estar lonxe da casa?

Si. Ao final no centro somos bastantes galegos e sénteste bastante ben.

Ademais estás estudando Medicina na Universidade de Sevilla. Como se compaxina todo?

Con moita paciencia [ri]. Estou intentando sacala ano a ano mais é case imposible. Así que me matriculo nunhas poucas materias e vou repartindo o traballo entre as distintas convocatorias que temos. Por exemplo, alá en Sevilla temos convocatoria de setembro, no lugar de xullo, e temos tamén decembro, que é como unha oportunidade máis para aproveitar. E, no caso de setembro, o que non dá tempo de sacar en xaneiro, no lugar de sacalo en xullo, que iría máis xusta, nesta convocatoria aínda me queda un mes cando remato de competir para estudar o que non puiden estudar antes.

Levamos dúas edicións da Gala do Deporte de Cambados e en ambas fuches nomeada mellor deportista feminina. Como senta ser profeta a na túa terra?

A verdade é que é un orgullo e unha honra. Eu síntome moi ben con isto.

Compites tanto na categoría C-1 como na C-2. Prefires traballar de forma individual ou cunha parella?

A min ao principio gustábame máis competir de maneira individual, e sigue a gustarme. Pero a verdade é que, á hora de competir, tes moitas máis opcións ao facelo nun barco de equipo que de maneira individual. Competir en equipo tamén é moi bonito, pero prefiro individual.

En que se diferencian para ti? Por que prefires individual?

Porque individual vas soa no barco e es ti soa a que ten que sentir como vai, se vai ben ou mal, o que tes que facer, etc. En equipo xa o tes que falar máis con outra persoa, tendes que poñervos de acordo e compaxinarvos. É totalmente distinto.

Veste adicándote ao mundo do deporte no futuro?

Si, aínda que ao mellor non profesionalmente. Eu penso que a época de competir ten un límite. Pero si que me vexo adestrando e facendo cousas deportivas. Igual non a tan alto nivel, pero sempre facendo algo. 

E ligado á medicina?

A medicina sempre me gustou, sexa ligada ou non ao mundo deporte. A min gústame moito competir e, mentres poida, vouno aproveitar e seguir facéndoo. Pero o día de mañá penso que será máis coma un pasatempo. É dicir, gustaríame que cando non estea traballando adestrar para despexarme.


Anunciantes en el número actual la revista eSmás:


Scroll to Top