Logo de la empresa

Entrevista a Olalla Bouzas, directora del musical de Shrek

Redacción revista eSmás | Revista eSmás Vilagarcía Nº 21

Sen as posibilidades das grandes compañías que producen en Madrid ou Barcelona en Vilagarcía apóstase dende hai uns anos por poñer sobre o escenario musicais de primeiro nivel como
Entrevista a Olalla Bouzas, directora del musical de Shrek

Sen as posibilidades das grandes compañías que producen en Madrid ou Barcelona en Vilagarcía apóstase dende hai uns anos por poñer sobre o escenario musicais de primeiro nivel como 'O Rei León' ou 'Shrek'. Tras estes dous espectáculos, que suman éxito tras éxito en todas as localidades que visitan, atópase a súa directora musical, Olalla Bouzas. Na súa mente está seguir medrando e seguir formándose en todo o que teña que ver co teatro musical. Unha faceta artística que, recoñece, está moi en auxe.

É imposible entender como nace en Vilagarcía a idea de poñerse a traballar no mundo dos musicais sen coñecer os inicios artísticos e no mundo da música de Olalla Bouzas. ¿Como foron?

Pois os meus inicios no mundo da música foron dende sempre, dende que eu recordo. Sempre tiven un ambiente musical na casa dende moi pequena. Meu pai xa tocaba a guitarra e eu sempre quixen ser músico. De feito sempre digo que non houbo outro momento na vida no que quixera ser outra cousa. Empecei a aprender piano aos 8 anos e despois xa enganchei co canto. Logo veu a escola e o seguir formándome constantemente.

¿Cando se deu ese salto do ámbito formativo ao profesional?

Pois deuse cando rematei os estudos. Foi aí cando empecei co tema da ensinanza e da docencia e cando, xunto coa miña compañeira Chus Ferreira, decidimos montar a Escola Coda aquí en Vilagarcía. Aí foi cando comezou o traballo duro, un traballo que non parou ata día de hoxe. Temos proxectos todos os anos e seguimos aí, sempre querendo un pouquiño máis. Primeiro empezamos en Vilaxoán cunha escola moi pequeniña e alí estivemos como dous ou tres anos. Fomos collendo máis e máis alumnos pouco a pouco e innovando en bastantes cousas. Chegou un momento en que o local xa non daba para máis. Entón só quedaban dúas alternativas: Ou arriscar e facer algo máis grande ou quedar alí. Foi entón cando decidimos mudarnos a Vilagarcía, mercar un baixo, preparalo, insonorizalo... Todo o investimento que iso require. Implicou un risco, pero foi ben.

Un dos puntos de inflexión para Olalla Bouzas supoño que sería o poñer sobre o escenario musicais. Primeiro chegou 'O Rei León'. ¿Como foi ese momento? ¿Como xurdiu a idea de apostar por este tipo de xénero?

Pois a raíz dunha asignatura de canto fixemos como medida de apoio un coro. Este empezou así, como un elemento de apoio, pero empezou a medrar e medrar e pouco a pouco fomos facendo cousas máis modernas. Eu empecei a meterme un pouco máis no mundo dos arranxos vocais e a introducir un pequeno tema do musical de O Rei León. Logo veu outro e outro e cando nos demos conta tiñamos montado todo o repertorio. Entón foi cando decidimos buscarlle un oco a modo de musical e, a verdade, é que foi un “boom”. Dixémonos: “¿E se o facemos todo?”. E aí empezou a traballar a maquinaria.

Aparte foi unha aposta arriscada, tendo en conta que O Rei León ten apostas potentes en Madrid, por exemplo...

Está claro que non son os mesmos medios, pero iso tamén fixo que foramos máis creativos. Se tivesemos moitos máis cartos poderiamos telo recreado moito máis, pero como non os tiñamos pois iso fixo que a creatividade no equipo se ensalzara moitísimo. Buscamos métodos, novas ideas... foi unha motivación tremenda. Crear algo absolutamente de cero é moi motivador e iso foi o que vivimos no Rei León. Crear todo e, aparte e por suposto, todo o que é o canto e a música en directo. 

Porque un musical non só é o canto, senón todo o traballo de vestiario, maquillaxe, ensaios...

Si, claro. Co tempo fomos perfeccionando o método. Empezamos poucos e fomos crecendo e cunhas expectativas moito máis altas. Para traballar ben e de forma organizada tiven que facer varios subequipos: Un dedicado ao deseño das maquillaxes, por exemplo; outro para os vestiarios; outros para os decorados... tivemos que facer departamentos para que todo fose un pouco ordenado. A verdade é que así funcionou todo moi ben porque cada persoa colabora co que mellor se lle dá. Hai que ter en conta que absolutamente todo corre polas nosas mans e para min iso ten moitísimo mérito. A algunha persoa dáselle ben coser, pois é a que se encarga de facer o vestiario; outro é bo nos decorados, pois o mesmo no seu... e así sucesivamente.
 

Canto tempo pode levar poñer en escena un musical como “¿O Rei León” ou “Shrek”? ¿Canto leva toda a preparación?

 

Pois no caso do musical de “O Rei León” a adaptación que fixemos foi como moi lenta porque ao principio non tiñamos a pretensión de facer ese tipo de espectáculo. Empezamos como querendo facer unha especie de concerto e despois, a raíz daí, fomos desenvolvendo a idea encamiñándoa hacia o mundo do musical. Co tema de “Shrek” a cousa foi moi diferente porque, digamos, xa tiñamos experiencia. Levounos un ano enteiro a preparación. Houbo que ir corrixindo erros sobre a marcha. Erros que tiveramos en “O Rei León” por novatos e que fomos solventando neste. Hai que ter en conta que os que participan son xente que teñen os seus estudos, os seus traballos e que non lles podes dicir que teñen que ensaiar todos os días oito horas. O tempo que invisten é sacado de horas extra.

Tanto “O Rei León” como “Shrek” son dúas historias encamiñadas a un público fundamentalmente familiar. ¿É esa a idea que se toma como base para decidirse por unha ou outra adaptación?

Eu sempre digo que nós somos moi familiares. Como temos xente de todas as idades gustounos moito o tema do público infantil, pero pensando en toda a familia. Eu teño dúas rapazas e cando teño que levalas a algo gústame pasalo a min ben tamén. Se eu o paso ben pois pasámolo ben todos, non que só o fagan os rapaces e que para os adultos sexa un tostón. Daí que nós sempre pensamos que xogar co público familiar fose importante. E niso estamos.

E haberá adultos que o pasen mellor que algúns nenos...

Nestes dous musicais non atopei a ninguén que dixera que “me aburrín  moitísimo”. Tanto os rapaces coma os adultos pasárono en grande e vendo que hai calidade musical, que tamén é importante.

Hai moitos cantantes e mestres de música que están a encamiñar as súas carreiras cara o mundo dos musicais. ¿Hai aí un nicho de mercado importante para os artistas?

Eu creo que, e falo no caso concreto de Galicia, non estamos moi mentalizados aínda co tema dos musicais. Eu penso que non se valoran como é debido porque a xente tampouco sabe nin ten por qué saber como funcionan. Non saben, por exemplo, que o equipo son 50 persoas traballando porque facemos todo en directo. Se a música fose gravada e o canto tamén pois poderiamos reducir o equipo e todo sería máis barato, pero non é así. Por iso eu penso que todo este mundo costa un pouquiño aínda. O público galego non está acostumado a un espectáculo destas dimensións, pero estamos aí e para iso traballamos, para que se valore moito máis e sobre todo os temas en directo.

De feito en Galicia non hai moitas escolas de música ou compañías que se dediquen ao mundo dos musicais.  Acostuman a ser espectáculos de fóra os que se ven por aquí...

Nós somos a primeira compañía, con “Shrek”, que ten os dereitos legais da película para poder facer o musical en galego. Hai compañías por toda España que teñen contrato, pero nos temos un extra para poder adaptalo ao noso idioma.

¿Costou conseguir ese contrato?

Pois arredor dun ano de xestións cunha empresa norteamericana que é a que xestiona os dereitos. Son negociacións duras porque, primeiro, non llos venden a calquera empresa. Segundo porque necesitabamos atopar un musical que se adaptase aos nosos medios, á xente que somos e ao tipo de espectáculo que queremos facer. Tendo en conta todo isto e que as xestións son con Norteamérica todo o proceso burocrático e administrativo é moi lento.

¿E son uns requisitos moi duros os que hai que cumprir para conseguir eses dereitos?

Si, moito. Fan moitísimas preguntas e é un contrato extensísimo. Os norteamericanos son moi esixentes e moi organizados nese sentido. O tema Disney, por exemplo, xa é practicamente imposible porque son aínda máis esixentes. Con Dreamwords tivemos sorte e con Shrek déronnos o visto bo. Supoño que eles tamén teñen en conta as características da propia compañía.

Estes dous musicais non só estiveron en Vilagarcía, senón que xiraron por Galicia...

Pois si, no caso de “O Rei León” estivemos arredor de tres anos xirando por Galicia. Con Shrek estreamos o novembro pasado e estivemos en Rianxo. Alí fixemos a residencia, que é que nos cederon os espazos do Auditorio para poder facer os deseños. Por iso fixemos catro funcións nese escenario. Tamén estivemos en Catoira ou en Cangas. Agora descansamos toda a temporada de verán e en outubro arrancamos no Mar de Vigo. Este ano queremos apostar por escenarios un pouco máis grandes. Este ano pasado foi un pouco a proba de lume para saber como ía resultar ou como ía ser a acollida do público.

Eres coñecedora de como está o mundo da cultura e das reticencias que o público ten para pagala. ¿Que cres que ten que cambiar neste sentido?

Pois enlaza un pouco co que dicía antes. Estamos aínda en proceso de valorar as cousas. Claro que a xente é reticente a pagar por cultura. Ti dislle que hai que pagar por unha entrada 15 euros e escandalízase, pero despois non lles importa pagar sabe deus canto por ir ver un partido de fúbol. Estamos aí, na loita. Hai que mentalizarse. Despois cando ven o espectáculo pois valórano máis.

Ese valorar funciona un pouco polo boca a boca. Aquí en Vilagarcía conseguistes encher. Non é fácil ser profeta na terra...

(Risas) Aquí xogabamos un pouquiño na casa e somos moitos. Si, funciona moito o boca a boca.
 

Este curso acábase, pero ¿cales son os proxectos que hai en mente?

Pois para o ano que vén queremos encamiñarnos un pouco máis hacia o teatro musical. A día de hoxe estamos traballando niso, pero digamos que aínda non estamos formando de modo independente nesa disciplina. O meu proxecto é que poidamos deseñar un tipo de ensinanza pensada para o mundo dos musicais, non só para o canto en concreto. O certo é que tampouco hai moitos sitios que ofrezan este tipo de modalidade porque é bastante nova. Deste xeito poderemos xuntar disciplinas como a danza, o teatro, a música... e todo ampliado a cousas modernas como pode ser o jazz.

Despois, por suposto, a nosa idea é seguir xirando con Shrek un ou dous anos áis porque queremos sacarlle rendemento. Tras iso? Pois o que teña que vir. Temos xa cerrado un concerto coa Banda de Música de Vilagarcía na Xunqueira para as festas patronais de agosto e estamos traballando noutras cousiñas que se irán vendo.
 

Despois da experiencia destes dous musicais... ¿Hai xente que participase neles interesada en encamiñar a súa vida profesional hacia este mundo?

Si, por suposto. De feito os protagonistas queren seguir noutros sitios formándose. Tampouco queren deixar isto porque o entenden como unha experiencia adiantada. Despois temos a outra xente que, estou segura, se volvera a trás non estudiaría unha carreira e enfocaría a súa vida por este lado. Hai canteira, dende logo.


Anunciantes en el número actual la revista eSmás:


Scroll to Top