Logo de la empresa

Entrevista a XAQUÍN XESTEIRA

Redacción revista eSmás | revista eSmás O Salnés 32 Primavera 2025

Músico de Cambados e gaiteiro pertencente ao grupo de música tradicional Treixadura
Entrevista a XAQUÍN XESTEIRA

En esta ocasión entrevistamos a Xaquín Xesteira, músico de Cambados. Para comezar, cóntanos como comezou a túa relación coa música, en particular coa gaita.

Pois dende moi neno. Por diante da miña casa en Cambados —vivía no centro, na casa dos meus pais, que aínda está alí— pasaban gaiteiros durante as festas que había ao longo do verán. Cambados caracterízase por ter moitas festas estivais, dende que empezan en San Cristovo ata que rematan na Balbanera en setembro. Os principais gaiteiros que pasaban nesas festas eran os Campaneiros de Vilagarcía. A min sempre me chamou a atención esa sonoridade. De feito, de neno distinguía cando eran os Campaneiros e cando era outro grupo, porque soaban diferente. E o que facía inmediatamente era baixar á rúa porque daquela os nenos podiamos andar por fóra e seguir os músicos durante toda a mañá. Era unha forma de escoitar música, sobre todo música que na radio non se escoitaba tanto, nin a dos gaiteiros nin a das bandas. Cando non había gaiteiros, eu ía detrás da banda. Debín ser dos últimos nenos que foi detrás da música en Cambados.

Coincidía tamén que meu pai era o presidente da Confraría de San Roque da Lei de Cambados, unha confraría fundada en 1611. Cando organizaba as festas de San Roque, o 15 de agosto, contrataba sempre aos Campaneiros para tocar alí. Paralelamente a isto, eu encantábame a música e empecei co tambor. Meus pais mercábanme tambores de xoguete que rompían ao pouco de tanto tocar. Cansos de que os estragase, decidiron mercarme un tambor de verdade en Musical Duende, en Vilagarcía. A partir de aí fun aprendendo a tocar na casa. Nunha festa de San Cristovo, debía ser no ano 75, meus pais estaban nunha comida nunha depuradora de Cambados e alí estaban os Campaneiros. Meu pai coñecíaos ben, tanto de contratalos como de coincidir con eles en festas e reunións informais. Chamáronme á casa: "Veña, colle o tambor e vén con nós". E así foi como me levaron alí. Os Campaneiros empezaron a tocar, e meu pai púxome ao lado deles co tambor que tiña. Eles dixeron: "Oh, este rapaz como toca!".

Nas festas de San Roque, meu pai levábame con eles no medio dos catro, tocando. A partir de aí empezou a miña traxectoria musical. Teño 53 anos neste momento e levo 49 tocando. Ata os 12 ou 13 anos só tocaba o tambor; non empecei coa gaita ata que estaba nunha asociación en San Adrián de Vilariño, en Cambados. Naquel tempo, os Campaneiros xa deixaran de tocar. Eu formaba parte de varias agrupacións, pero principalmente da agrupación xuvenil Mocidade de Vilariño. Nese momento, estaba tocando o tambor, pero aburríame un pouco e pedín que me deixasen un punteiro para aprender na casa. Xa tiña nocións musicais porque miña nai —que aínda vive— foi profesora de piano e deume clases de linguaxe musical dende moi pequeno. Iso permitiume desenvolverme só. Sempre tiven moi bo oído, segundo din, e collía as melodías con facilidade. Así fun entrando neste mundo, e a gaita chegou dun xeito casual, case como un "dano colateral".

 

 

Sobre a túa formación académica, ademais das clases de túa nai, tivéches outras?

Si. A miña formación musical máis académica veu principalmente de miña nai. Eu tiña que estudar solfexo obrigatoriamente: mentres os meus amigos ían xogar, eu ía ás clases de solfexo, o que me fastidiaba bastante. Non toco o piano, pero adquirín unha boa base de linguaxe musical. Sendo neno, presentábame por libre aos exames do Conservatorio de Pontevedra e fun aprobando cursos.

Co tambor e coa gaita fun autodidacta, pero tamén tiven mestres. Tiven a gran sorte de aprender con Nando Casal, do grupo Milladoiro, na Banda de Gaitas de Vilanova de Arousa. Considéroo o meu principal mestre.
No ano 1990 decidín facer os cursos de gaita no Conservatorio de Vigo. O primeiro, segundo e terceiro curso fíxenos por libre con Xosé Luís Represas, un músico que hoxe toca na Banda Municipal da Coruña e é un gran compositor e arranxador. O último ano fíxeno con Carlos Núñez, que acababa de aprobar a oposición.

A parte máis importante da miña aprendizaxe veu escoitando gaiteiros galegos, dende os Campaneiros ata os Rosales de Rianxo, os Garceiras de Melide ou os Morenos de Lavadores. Moitos non eran contemporáneos meus, pero estudaba o seu estilo e as súas melodías.

 

 

 

En 1990 fundaches Treixadura xunto a outros músicos. Como naceu o grupo e cal era a vosa intención?

A intención de Treixadura foi sempre a mesma: subirnos a un escenario, tocar melodías de gaita e cantar. Nos inicios, cantabamos os propios gaiteiros, pero co tempo o grupo medrou. En 2003 chamamos a uns amigos para cantar unha peza e así naceu o Orfeón Treixadura, que logo se integrou no grupo.

Ao longo dos anos, Treixadura converteuse nunha referencia da música tradicional galega. Cal cres que foi a clave do éxito e da permanencia do grupo durante máis de tres décadas?

Non buscamos unha fórmula de éxito. Tocamos o que nos gusta, sen pensar en modas ou en engadir instrumentos. No ano 98 introducimos un acordeón, pero a base sempre foi a mesma. Seguimos a tradición dos coros galegos como Cantigas e Agarimos ou Cántigas da Terra, que levan máis de 100 anos facendo o mesmo. O noso obxectivo foi presentar a música tradicional con dignidade: cun bo equipo de son, unha iluminación coidada e unha posta en escena estudada. A xente identificouse co noso traballo porque recoñecen as cancións, desfrutan delas e mesmo participan nos concertos cantando e bailando.

A gaita é un símbolo da identidade galega. Que significa para ti tocar este instrumento e que emocións transmite?

Ademais de gustarme moito, a gaita é un instrumento único. O son envólvete completamente: o punteiro diante, o ronco por detrás e a ronqueta ao lado. Pero tamén implica unha responsabilidade porque representa a nosa cultura.

Sempre fun consciente diso. Hai que tocar afinado, con respecto, sabendo o que se fai. Perfecto Feijóo dicía: "Uns tocan o que saben, outros saben o que tocan". Eu quero saber o que toco, porque cando alguén me ve tocar, sexa galego ou estranxeiro, debe ver unha representación digna da nosa cultura. Tocar a gaita non é só interpretar música, senón levar con orgullo unha identidade.

 

 

Traballaches tamén con tamboril e outros instrumentos. Como ves o papel da percusión na música tradicional galega?

Pois afortunadamente estes últimos anos está tendo unha relevancia bastante boa. Isto foi tamén porque, a finais dos anos 90, proliferaron moitos artesáns de percusión. Un deles, que está moi preto de aquí —aínda que neste momento xa non está construíndo—, é Chilro, Ramón Vázquez. Foi compañeiro meu nun dos grupos onde levo 37-38 anos tocando, que son os Faíscas de Solobeira. Apareceron artesáns que se interesaron pola percusión e melloraron moitísimo a percusión galega. Hoxe en día ten unha presenza tanto nos grupos de gaiteiros como nos grandes escenarios, cunha sonoridade e dignidade moi destacadas. Ademais, moita xente, ademais de controlar a percusión tradicional, ten unha formación máis académica, chamémoslle clásica, que axuda a mellorar aínda máis o nivel. Hoxe en día hai un nivel abrumador, e oxalá isto siga así.

Como ves a situación da música tradicional galega hoxe en día? Hai relevo xeracional?

Si, hai relevo xeracional. Xa dende hai moitos anos. Dende finais dos 70 e principios dos 80 en Galicia, o tecido asociativo —as asociacións culturais que se crearon— foi inmenso. Nesas asociacións, a maioría das primeiras actividades que había eran clases de gaita, baile e percusión. Naquel momento, nas clases de gaita estaba todo metido aí: a percusión, etc. Agora xa hai percusión tradicional, percusión doutras modalidades, gaita, guitarra... Hai unha chea de asociacións con moitas actividades deste tipo. Pero daquela, nos anos 80, o principal era facer un grupo de gaitas, porque tamén era unha forma de organizar festas e recadar fondos para manter a asociación. Aquí fago un chamamento a tódolos concellos: cando contratan un grupo de gaiteiros ou un grupo dunha asociación do pobo ou da cidade, non só están pagando un traballo porque esa mañá van tocar un pasarrúas ou o que sexa, senón que están colaborando para que esa asociación siga en pé. E iso é moi importante. Vivimos nun mundo no que cada vez a xente se pecha máis nas casas, onde todo é máis individual. Xa non hai tanto compartir na rúa como antes. Entón, eses puntos de encontro, as asociacións que fan este tipo de actividades e logo as expoñen cando son as festas, son fundamentais. Os concellos deben saber que non están pagando só por tocar ese día, senón que están axudando a manter a asociación, a darlle futuro e a que poidan existir moitas máis actividades, relacionadas coa música tradicional ou non, pero que xeran un evento social que cada semana congrega moita xente.

 

 

Nos últimos anos houbo un rexurdimento do folclore en moitas partes. Cres que a música galega está a vivir unha nova época dourada?

A ver, supoño que tamén te refires a Tanxugueiras, Fillas de Cassandra, Baiuca, etc. Evidentemente, todo isto axuda a que as bases, como dicía antes —as asociacións, as escolas de música—, teñan xente interesada en aprender. Evidentemente, as rapazas de 12 ou 13 anos que ven as Tanxugueiras non van aprender coas Tanxugueiras directamente, pero si poden ir á asociación do barrio do lado porque alí dan clases de pandeireta e canto. Todo iso axuda a que ese tecido asociativo se manteña.

Non todos os que tocan a gaita con 12 anos van ser gaiteiros profesionais, igual que non todos os que estudan arquitectura van ser arquitectos. Pero se hai 50.000 persoas que con 15 anos tocan a gaita, malo será que 40 ou 50 non cheguen aos escenarios dentro de 15 anos. Dígoche isto tamén como mestre, porque —aínda non falamos deste tema— levo 29 anos dando clases na Escola Municipal de Música Tradicional e Folk do Concello de Vigo. Aí pasa infinidade de xente: uns tocan por diversión, outros porque queren enfocarse cara aos escenarios. Tamén hai xente maior que entra na música tradicional despois de xubilarse, como unha afección. Todo iso ten cabida e é estupendo que exista.

Para as persoas que queren iniciarse na música tradicional, que consello lles darías?

Simplemente que desfruten da música. Temos unha riqueza cultural e musical impresionante. Somos —e dígoo moi en serio— a envexa de moitas comunidades autónomas e países. Mesmo en comparación con Escocia e Irlanda, o que ocorre aquí coas asociacións culturais e con toda a xente que se move arredor da música tradicional non ten parangón. A quen ten a sorte de introducirse neste mundo, dígolle que desfrute. E a quen quere dedicarse profesionalmente, que saiba que hai que traballar moitísimo, igual que calquera músico en calquera outra disciplina. E no caso da gaita, ademais de tocar un instrumento, estás representando unha cultura. Hai que facelo con dignidade, procurando mellorar.

 

 

Cales son os próximos proxectos de Treixadura? Podemos esperar novo material pronto?

Estamos traballando nun novo disco que sairá a finais deste ano nas redes sociais. Logo, a principios de 2025, comezaremos a presentalo ao público nos teatros e auditorios do país.

Tras máis de 30 anos de carreira, viviches moitos momentos especiais. Cal é o recordo que máis atesouras?

Son moitos. O problema é que, coa idade, vanse esquecendo. Pero realmente o que máis valoro é o calor do público, sexa onde sexa. Tanto desfrutas na praza do Concello de Pontevedra chea de xente, como nunha parroquia onde a comisión de festas xuntou os cartos para que puidésemos tocar alí.

Un proxecto que me fixo especial ilusión foi cando xuntamos Treixadura cunha banda de música e un coro. No 2016, en Pontevedra, xuntamos a Treixadura, a Banda de Música de Pontevedra e o Coro Cantigas e Agarimos. Fixéronse arranxos para que todo xunto soase a Treixadura, pero cun toque máis sinfónico. Foi impresionante. Ese proxecto repetímolo en Santiago, na Coruña, no Rosal, en Meaño e en Barro. Foi un soño feito realidade.

Que mensaxe lle gustaría enviar a todas as persoas que seguen e gozan da música tradicional galega?

Que desfruten do noso patrimonio inmaterial. É unha marabilla ver tanta xente desfrutando desta música. O relevo xeracional ten que darse, porque imos cumprindo anos e as enerxías van baixando. Por sorte, na miña familia teño dúas persoas —os meus fillos— que seguen adiante no mundo da música.

E a quen queira aprender, só lle digo que un instrumento non se toca en tres días. Non se trata de perder tempo en estudar, senón de investir tempo. E cando estás desfrutando nunha festa ou nun concerto, vese que todo ten a súa recompensa.

 

 

 

 

 

AQUÍ PUEDES VER LA ENTREVISTA COMPLETA EN VÍDEO EN NUESTRO CANAL DE YOUTUBE:


Anunciantes en el número actual la revista eSmás:


Scroll to Top