Logo de la empresa

Entrevista a Xurxo Alonso, pintor e poeta

Fátima Frieiro Santaya | Revista eSmás Vilagarcía Nº 11

Nos 80 a xente sorprendíase que puidese vivir da arte. Actualmente o que se sorprende de poder vivir dela son eu
Entrevista a Xurxo Alonso, pintor e poeta

 

Naceu en Bos Aires (Arxentina) no ano 1956, pero con só 8 anos cruzou o Atlántico para asentarse en Vilagarcía, de donde se sinte veciño e cidadán. Coñecido sobre todo pola súa faceta de pintor, Xurxo Alonso non é quen de lembrar de memoria nin o número de obras realizadas nin tampouco as exposicións que vagaron por diferentes galerías do mundo. A primeira foi no ano 1983, na sala do Liceo Marítimo en Vilagarcía, cando a arte desbordaba por cada recuncho da cidade. As súas series pictóricas viaxaron por toda España, por Portugal e tocaron galerías de Italia, Francia ou México entre outras. Á súa pasión pola pintura suma tamén a da poesía, coa que conseguiu diferentes recoñecementos espallados polo país.

Rematados xa dous poemarios e retomando outra vez a pintura, Xurxo Alonso conta como é a vida dun autor que sente, vive e respira arte.

A súa formación non ten nada que ver coa arte... En qué momento empezou esa inquedanza pola pintura?
Pois é certo, a verdade é que os meus estudos nada teñen que ver con isto. Eu fixen Bioloxía Mariña e hei de recoñecer que sen ningún tipo de convencemento ao respecto. Fíxena máis ben porque Belas Artes naquel momento non se podía facer aquí, había que ir a Madrid e era algo máis complicado. O que sí é certo é que a miña idea era ser pintor. Tiven a oportunidade de empezar a pintar en serio cando estaba en cuarto de carreira. Ao rematar presenteime a un premio e tiven a sorte de gañalo e a partir daí pois xa empecei a vivir disto.

Pero a vocación viña de antes...
Si. Cando era neno, aínda en Bos Aires, debuxaba na escola e dábaseme ben. A partir daí tiven certa determinación polo debuxo, aínda que empecei a pintar tarde, con vintedous anos ou así. Cando estaba na escola a mestra dicíame que saíse a pintar ao encerado nos días de festa. Alí en Bos Aires era algo moi común na Festa Nacional e eu sempre era o escollido. Cando nos viñemos para Galicia recordo que a profesora me dixo “se nos va el artista”, poñendo a súa man sobre a miña cabeza... Iso é algo que me quedou sempre aí gravado.

Estudou Bioloxía Mariña, pero tamén ten formación na Escola de Artes Mestre Mateo...
Si, despois fixen un curso de debuxo artístico con Rafael Romero, un pintor moi coñecido, na Mestre Mateo. Eran cousas que estaban ben, pero que non eran estudos puramente de pintura nin nada. O que si servían para ver como funcionaba o mundo dos pintores, que eu descoñecía totalmente.

 

Cada artista fala e define o seu proceso de creación dun modo diferente... Como funciona no caso de Xurxo Alonso? É sempre da mesma maneira?
No proceso de creación hai dous mundos. Por un lado está o da pintura e por outro o da poesía. No da pintura eu traballo moito en formato de series e cando estou pintando unha serie, como coa que estou agora de “cidades feitas en cartón”, traballo sempre sobre a mesma temática. Como funciona o proceso? Pois, como en todo, hai moito azar. Ti manchas e traballas a partir do que determina a mancha que, ao fin e ao cabo, é o que vai a determinar o resultado. Como che dicía, normalmente traballo por series ata que vexo que esta se esgota ou porque xorde unha distinta. En pintura podo facer varias series distintas ao mesmo tempo, pero o que si non podo facer é escribir e pintar ao mesmo tempo. É algo que teño prohibido. Cada cousa absorbe moitísimo do meu tempo e se as fago parellas, fágoas mal.

É posible que moitos relacionen a imaxe dun pintor cunha persoa con vida bohemia e desenfadada. Como é o día a día dun artista como Xurxo Alonso?
Pois a verdade é que é bastante distinto do que moita xente pode pensar. Hai moitos que cren que pintamos cando estamos inspirados ou cousas desas... (Risas). No meu caso a pintura e a poesía requiren moita constancia e moitas horas, así como moito tempo de aillamento. Non obstante iso ocorre en calquera actividade artística... A miña rutina é traballar mañá e tarde, en series de non moitas horas seguidas, pero si continuas. Ao mellor traballo no estudio, que o teño fóra da casa, en series de dúas horas e media e logo xa na casa outras dúas. Iso se falamos da pintura, no da poesía é distinto. A poesía é para min unha paixón totalmente absorbente que me leva a traballar ao mellor oito ou dez horas diarias seguidas. Aí si que non hai parón. Incluso cando saio á rúa levo sempre unha libreta que é donde anoto as cousas. Dicía o escritor Sánchez Ferlosio que a el o tiñan sorprendido escribindo encima do capó dun coche... Na pintura por exemplo ese non é un proceso válido porque non podes atrapar as ideas na rúa como si ocorre coa escritura. Na poesía calquera palabra, ou dúas xuntas, hai que collelas no momento para que logo non se nos escapen da memoria.

Son moitas horas seguidas traballando... Canto tempo pode levar confeccionar unha serie pictórica? Está máis ou menos calculado?
Pois iso depende moito da corda que ti lle deas ás series. Hai algunhas máis curtas porque non teñen o percorrido que ao mellor se esperaba delas, porque xa as ves esgotadas ou porque empezan a aparecer cousas novas e decides ir tirando delas... Na miña obra hai temas moi recorrentes como son a cidade ou determinados tipos de paisaxes como as mariñas. A duración sempre depende.

Hai algún motivo concreto polo que esas temáticas sexan recorrentes?
Non sei, supoño que o das mariñas polo lugar no que vivo e as cidades porque sempre me tiveron un encanto especial. Sempre podes ver cousas novas detrás de cada edificio.

Para aqueles que non coñecen a Xurxo Alonso... Como definiría a súa obra?
Sempre me pareceu moi difícil definirme a min mesmo, para iso están os críticos e moitas veces nin se poñen dacordo... Como dicía antes sempre hai un pouco de azar no encontro das cousas e iso xoga un papel fundamental tanto na miña obra pictórica como na poesía. Encontrar algo que non buscas, algo que aparece ante ti e ao que lle sacas o velo ese que ten. É algo así como desempañar un cristal. A cousa está aí detrás, pero se ti lle quitas o bafo coa man pois velo moito mellor. É xusto nese sentido como eu vexo a arte. Eu definiría a pintura como moi colorista e estruturada e a poesía... a poesía xa é outro tema (risas).

Xurxo Alonso sempre soubo que quería ser pintor e isto lévanos á eterna pregunta. Un artista nace ou faise? É preciso contar con ese talento innato ou pode cultivarse despois?
Eu penso que, coma en todas as actividades, hai que ter un mínimo de talento, nacer con elo. Que pasa? Pois que se non o cultivas, se non lle das forma, pois ese talento innato non serve para nada, pasa a ser un talento desperdiciado. Alguén que ten un mínimo de talento ten a obriga de perfeccionalo, de traballalo e pode que daí acabe saíndo algo. Tamén é certo que hai moitísima xente que cun mínimo de talento fai moitísimas cousas porque soubo traballalo e soubo, sobre todo, buscar o seu canle. Pero si, realmente penso que si hai que ter un pouco de talento.

As obras de Xurxo Alonso viaxaron por exposicións e mostras de todo o mundo. É a arte unha linguaxe internacional ou enténdese de forma diferente dependendo da cultura?
Na arte habería que establecer moitos niveis pero cada vez o certo é que está todo moito máis homexeneizado, sobre todo no mundo occidental.

Tanto en España como en Latinoamérica?
Si, é a mesma idea de arte. É certo que sempre hai un punto autóctono e indíxena que se pode valorar máis nun país ca noutro, pero penso que todo é cada vez máis homoxéneo.

A súa primeira exposición foi no ano 1983. Moito ten chovido dende aquela e a crise actual fai que a cultura sexa precisamente un dos sectores máis afectados. Cómo vive vostede como artista este momento?
A cousa está mal, está moi mal. As galerías están pechando, moitísimas delas despois de anos de actividade. Son ciclos e nesta ocasión tocounos vivir este, pero non queda outra cousa que resistir.

Acusa a cultura a falta de apoio por parte das institucións?
Ben, eu entendo as axudas que mediante becas se lle deron á xente nova e esas agora tamén están resentidas. No noso caso antes, por exemplo, había certas institucións que mantiñan esa obra cultural, como bancos ou administracións públicas. Todo iso veuse moi recortado e, claro, a nós aféctanos. Son situacións coxunturais, o que pasa é que esta coxuntura xa dura demasiado.

Cada país terá o seu encanto ou historia para Xurxo Alonso, pero Arxentina ten un valor sentimental engadido...
Eu non volvín a Arxentina, non volvín a Bos Aires dende que o deixei con oito anos. Hai un matiz sentimental que ao mellor implica que volver sexa máis duro. Moi duro o reencontro. Con respecto a Bos Aires eu teño un primo que é poeta e que é moi coñecido alí. Chámase Rodolfo Alonso e nese sentido pode ser que parte da vena poética me veña dalí. Eu de neno sabía que meu primo era poeta e iso sempre me subxugaba un pouco, mantíñame aí na expectativa, dábame unha certa áurea. Logo máis tarde tiven a oportunidade de coñecelo aquí e de falar con el. Curiosamente o outro día merquei un libro na Coruña de Juan Gelman, que foi premio Cervantes hai pouco. Alí atopei un poema dedicado a meu primo. Así, sen sabelo. Cando o vin sentín como un calafrío. Polo que si, a miña relación con Arxentina está aí.

Falando de números... Cantas obras ten feitas Xurxo Alonso?
Non o sei, non levo a conta.

E das mostras e exposicións?
Pois a verdade é que tampouco... exposicións individuais ao mellor, non sei, unhas sesenta ou así. O certo é que non levo a conta nin das exposicións nin dos premios. Esa contabilidade, como está escrita no currículum, pois podo recurrir a ela en caso de precisalo.

Coas dificultades económicas que se están vivindo nestes momentos... Pódese vivir da arte?
Esa é unha pregunta que me levan facendo dende que empecei. Nos 80 a xente sorprendíase de que lles dixese que si, e a min non me sorprendía. Agora sigo dicindo que si, pero agora si me sorprende (risas). Fágoo porque agora si que é complicado. Antes tamén o era, pero a min non mo parecía, tamén era máis novo.

Xa falando da faceta literaria. A paixón pola poesía empezou antes ou despois ca da pintura?
Non, non... empecei a escribir máis tarde, no ano 97.

Houbo algún detonante para que Xurxo Alonso empezase a interesarse e a escribir poesía?
A verdade é que non sei exactamente o momento no que xurdeu todo. O que si sei é que coincidiu coa celebración do Congreso de Poesía en Vilagarcía ao que viñan poetas galegos. Aí foi donde tiven oportunidade de asistir e de coñecer a varios cos que mantiven moi boa relación. Foi aí donde empezou todo.

Pero a poesía non lle era allea, había lectura detrás...
Si, claro. Todo parte da lectura. Non sei quen dicía que un lector atento é un escritor en potencia. Ti cando les algo que che interesa e te metes niso sempre tes a intención de escribir algo parecido.
Iso pasábame con moitos escritores. Había outros que eran máis complexos e aos que xa non pretendía achegarme. O que me gustaba, o próximo, intentaba reproducilo.



O QUE QUEDA

Que quedará bordeando os nosos ósos?

Un pouco de sal abeirando nas praias,

unha ferruxenta luz esvaéndose en tardes sen fin,

a lembranza que dura duas xeracións?

Sobrevivirannos obxectos en descoñecidas mans

que alguén salvou comerciando en anticuarios,

un pedúnculo de flor brandeando co vento

ao carón da nosa pedra,

un anaco de claror que nos visitou e retorna

como unha queira do forno para abafarnos nos días do calmuzo.

En que solitarios lugares da néboa desembocará

o noso río embebendo a árida terra?

Nalgunha valgada en destempero, en chairas demudadas

onde non chega a brama do bosque,

nalgún treito de terra nunca labrada que segue inconsciente

ao calendario das colleitas e á nosa ausencia.

Xurxo Alonso.
 

(Do libro “Delicto en liberdade”)
 


Hai algún poeta no que se inspirara ou lle guste especialmente?
A verdade é que empecei lendo moito a Borges e agora téñoo un pouco máis apartado. Despois hai outros moitos poetas que me gustaron, moitos españois dos anos 50 ou 70, dende Vicente Aleixandre ou americanos como John Ashbery. Realmente podería citar corenta mil. Valente, por exemplo, tamén me gusta moito. Realmente non hai ningún concreto que poida elixir. Moitas veces despois de reler algún poema volves mirar a un clásico como, por exemplo, Homero, e ves cousas nel que nin sospeitabas. A poesía é así, ten cousas que están mergulladas e que de repente afloran e lle ves algo parecido con outro artista sen ti sabelo.
Sen ir máis lonxe, lembro que no meu libro “Onde viven os saqueadores de naufraxios” un crítico moi duro escribía que notaba certo parecido con Manoel Antonio, o poeta de Rianxo. Eu cando lin a crítica, que naquel caso me deixou ben, pensei “pero se eu hai polo menos oito anos que non leo a Manoel Antonio e non me lembro de poemas seus”... Foi entonces cando volvín ler ao poeta de Rianxo e vin que si había certo parecido, aínda que sen eu ser consciente.

O que si é un proceso de abstracción total. Falaba de ata dez horas de traballo...
Si, con descansos, claro. Pero si é un proceso de inmersión porque hai que traballar as palabras, usar moito o diccionario e darlle moitas voltas aos temas.

Máis un proceso de picar pedra que de inspiración...
Moito traballo, claro. Cando levas dúas ou tres horas traballando de repente xorden as cousas soas, pero é porque xa hai un quencemento anterior. Tes o músculo aí traballando dende hai tempo e por iso as cousas saen.

En canto á pintura, en qué momento está?
Ben, agora estou empezando de novo estes días. Xa rematei os poemarios e estou a retomar a pintura. Teño previsiblemente unha exposición en Madrid o ano que vén a donde espero asistir tamén a algunha feira ou galerías.

Arxentino de nacemento, pero supoño que se considera vilagarcián. Hai talento aquí?
Si, claro. Houbo un agromamento cultural en toda Galicia e aquí, concretamente en Vilagarcía, houbo moitos pintores que apostaron por exposicións conxuntas e iso animaba. Uns sempre tiran por outros. O que pasa é que as cousas están complicadas. Se antes se facían 20 exposicións ao ano, agora probablemente se faga a terceira parte. Nin é rentable expoñer ni tampouco tes expectativas de nada de facelo. É por iso polo que a xente se retira aos seus cuarteis de inverno. Temporalmente, espero.

Cales son os plans de futuro de Xurxo Alonso nestes momentos?
Pois agora levo como cinco meses escribindo e rematei dous poemarios e estounos presentando a algún premio. A cuestión clave é que o artista ten un investimento de tempo moi grande sen ningunha garantía de nada e iso ocorre tanto cando pintas como cando escribes.
Cando escribes incluso é algo máis acusado, porque lle dedicas todo ese tempo e se non gañas ningún premio eses poemarios é como se non existisen. É posible que non os chegues a publicar nunca, dado que non hai publicacións ou editoriais que publiquen poesía que non sexa premiada. Por iso espero que estes cinco meses queinvestín teñan algún premio.

Anunciantes en el número actual la revista eSmás:


Scroll to Top