Francisco Fernández Rei da Real Academia Galega | Revista eSmás edición O Salnes Nº 6
Francisco Asorey, Francisco Leiro e Manolo Paz son artistas fundamentais na escultura galega do século XX
Cambados é berce de Francisco Asorey, Francisco Leiro e Manolo Paz, artistas fundamentais na escultura galega do século XX. Dos tres hai obra en rúas e prazas da vila, como do tamén cambadés Narciso Pérez (1904-1930), autor da fonte da praza de Alfredo Brañas onde hai un dos poucos edificios modernistas da vila, e das columnas da fachada do Pósito de Mariñeiros e Mariscadoras (oficialmente “Confraría de Pescadores”). As súas obras máis coñecidas, Guerreiro celta e Santo Ero de Armenteira, expóñense no Museo de Pontevedra.
Asorey (1889-1961), considerado o mellor escultor galego do século XX, na década de 1920 tivo recoñecemento artístico con obras en madeira policromada, pero na seguinte década labrou sobre todo en pedra, con excelentes mostras como Monumento a San Francisco en Santiago de Compostela e Monumento a Curros Enríquez na Coruña. Picariña, de 1919, en madeira policromada, para Castelao era a primeira escultura galega.
En concellos do Salnés e noutros próximos hai obra pública de Asorey que Maribel Iglesias estudou nunha monografía moi recente. En Vilagarcía están a lápida en bronce ó mestre Martín Gómez Abal (1926) e o busto en bronce de José Calvo Sotelo (1938), e na illa da Toxa hai un busto en bronce do Marqués de Riestra (1948). En Cambados deseñou o Monumento a Cabanillas (1958-59) do paseo da Calzada, feito con pedra de cons do monte da Pastora e do piñeiral de Tragove, espazos cantados polo poeta. A obra executouna Antonio Pérez “Antonio de Segundo”, irmán de Narciso; a efixie en bronce de Cabanillas é de Asorey, para quen pousou o seu fillo Ramón porque o poeta estaba moi enfermo. No Pazo de Fefiñáns hai un retrato en bronce de Miguelito Gil Armada (1920) da súa autoría.
De Asorey é a lápida en bronce, pedra de gran e mármore que en Catoira se dedicou ó médico José María Piay (1934); e en Rianxo súas son a lápida en bronce ó médico Ángel Baltar (1929) e a Virxe de Guadalupe (1932), en pedra de gra, retirada hai uns anos do emprazamento orixinal, un impresionante cantil na praia de Tanxil, onde a imaxe, segundo Maribel Iglesias, miraba a Cambados.
No 1965 inaugurouse en Fefiñáns o monumento a Asorey, cunha réplica en pedra de Naiciña, do seu discípulo José Cao Lata; a efixie do escultor en bronce fíxoa outro discípulo, Joaquín Gil Armada, compostelán de nacemento que pasou case toda a vida no pazo de Fefiñáns. A emblemática Naiciña (1921), en madeira policromada, dábase por desaparecida ata que a familia de Asorey a localizou nun museo de Rosario de Santa Fe (Arxentina).
Leiro (1957), que se declara admirador de Asorey, é hoxe o artista galego máis internacional. Inspirouse nas figuras graníticas do adro da igrexa de San Bieito na praza de Fefiñáns (dous guerreiros vixiantes con potentes mazas e escudos) para labrar en granito negro unha serie de esculturas nomeadas Balboas como esas populares figuras. Na praza Ramón Cabanillas de Cambados está a figura en bronce Representación de Baco (2000), por encargo do Concello nas vésperas das Vodas de Ouro da Festa do Albariño; e no interior do Salnés, no Sisto, camiño do miradoiro de Lobeira, hai outra escultura súa: un menhir en pedra e unhas mans e ronco da gaita en bronce como homenaxe ós gaiteiros da zona. O avó de Leiro, coñecido como Paco Leiro, foi ebanista de sona, con taller no baixo da casa onde nacera Asorey; é autor de imaxes relixiosas cambadesas, coma o Cristo da igrexa de Fefiñáns ou o San Xoán da igrexa parroquial de Santa Mariña.
Da tríada de grandes escultores cambadeses, Paz (1957) é quen conta con máis obra pública no concello. Na ribeira de Fefiñáns está Ponte da Seca (2006), situada no centro dunha liña recta cun estremo na torre de San Sadurniño de San Tomé e outro no muíño de Mareas da Seca de Tragove. A escultura son tres pedras que simbolizan a unión da terra e o mar e tamén simbolizan o remate da unión das tres viliñas históricas que conforman a actual vila do Cambados “deitado ó sol á beira do mar”. A vieira, un dos símbolos cambadeses, ten na beiramar o seu monumento, As Tres Carabelas, onde Paz representa en pedra tres vieiras; e no patio de entrada do Museo do Viño, ó pé das fermosas ruínas de Santa Mariña, instalouse a obra Loureiro (2001), seis copas de granito de diferentes tamaños. O título nomea no Salnés sitios onde tradicionalmente se despacha viño (os furanchos), que se anuncian cun loureiro na porta. Desde o 2010 ten exposición permanente na Fundación Museo Manolo Paz, en Castrelo, na desembocadura do Umia.
Nos xardíns do recheo da beiramar, fronte á Calzada, está a escultura O mariscador (1968), de Alfonso Vilar Lamelas (1927-2011), alumno de Asorey en Santiago. A obra orixinal eran unhas pedras a xeito de barco e na popa, de formigón, un mariñeiro co rastro; ó deteriorarse este, substituíuse por unha dorna cun mariñeiro. En Cambados tradicionalmente andábase ó rastro no Vao con gamelas (e non con dornas) e traballábase polos costados ou pola popa, e non pola proa como na nova escultura. Vilar, nado en Vilalonga, ten diversas obras no Salnés, entre outras, Familia mariscadora no Grove, monumento a Fleming en Vilagarcía e a “Pantera” Rodríguez en Vilaxoán e a coñecida Madama da praia de Silgar (Sanxenxo).
Lucas Míguez, escultor e pintor de Mos (1944) afincado en Meis, creou cunha minuciosidade realista personaxes de Valle-Inclán como Max Estrella ou o Marqués de Bradomín, expostos na beiramar en Vilanova. No 2009, no 50 cabodano de Cabanillas, fixo unha representación moi realista do poeta, velliño, sentado cunha libreta aberta e ollada perdida no mar. Esta escultura en bronce, destinada ó xardín da actual Casa da Cultura, colocouse provisionalmente na praza do Concello de Cambados, onde quedou ó converterse nunha das iconas máis fotografadas da vila. Do mesmo escultor é unha estatua en bronce de Asorey, que se colocou no comezo do paseo da Calzada (cerca da entrada do Parador) no 2011, no 50 cabodano do autor de Naiciña.
A ruta das esculturas que hoxe existe en Cambados debería completarse con outros temas (homenaxe á peixeira, á carrexona, á mariscadora, á labradora...), e á vez cunha exposición permanente do pazo Torrado (ou noutro espazo) con presenza de todos os escultores citados e doutros artistas plásticos cambadeses, coma o imaxineiro e escultor José Vaamonde Silva, a pintora Brígida Leiro, o pintor e escultor Lino Silva (referente de tantos artistas do Salnés) e de artistas máis novos coma o escultor Francisco Vaamonde Nuñez ou os pintores Fernando Arenaz, José Ramón Costa Trigo, Elena Silvoso ou Xurxo Durán, entre outros. E non deberían faltar nesa exposició artistas plásticos do Salnés e particularmente arraigados en Cambados, coma os chairegos Eduardo Baamonde e Emérita Méndez, o pontevedrés Manuel Busto Magdalena, o madrileño Juan Fernando de Laiglesia ou Saúl Otero, de Vilalonga.
Maribel Iglesias Maldonado: Francisco Asorey. Escultor galego. Allariz: Dr. Alveiros un selo editorial da Fundación Vicente Risco, 2018.
Cfr. Anxo Martínez: “Un paseo entre esculturas” https://www.farodevigo.es/portada-arousa/2011/03/06/paseo-esculturas/524334.html
Fisioterapia traumatoloxica, ortopedica, deportiva, pilates terapeutico Dir: rua José Caamaño Burnacell, 16 - Cambados Telf: 986 18 53 03 Visita nuestra web
Maquinaria, Herramientas, Construcción y Jardinería. - 986730300
Graduado en Podología - Máster en Podología Deportiva - Clínica DentalJaneiro Calle Valle-Inclán, 4 bajo - Barrantes - Ribadumia - http://www.facebook.com/Podología-Isidoro-Buceta-1416270455337178/
Abogado especializado en derecho civil y urbanismo. C/ Arapiles, nº2 - 2ºF - Vilagarcía de Arousa. Tlf: 986 50 97 23 - Fax: 986 56 63 89
Foto Estudio especializado en sesiones fotográficas, reportajes de todo tipo de eventos, grabación y montaje de videos, impresión en distintos materiales, venta de álbumes y marcos. - Rúa Galicia, 2 - Dena. - Tlf: 625019800. - E-mail: fotoestudopb@hotmail.com. - Foto Estudo
Diseño de Páginas Web y Tiendas Virtuales - Creación de Marca - Marketing Digital - Producción Audiovisual - Publicidad Impresa - Posicionamiento SEO y SEM en Google. Encuéntranos en Avenida de la Marina, 122 Bajo - Vilagarcía de Arousa Tlf: 986 50 82 72 Visita nuestra web
Envases metálicos para el mundo. Ctra. Pontevedra - Vilagarcía Km. 13.800 - Meis (Pontevedra) Telf: 986 71 67 07 - Visita nuestra web
Caneda y Chamosa - Tu centro Administrativo - Contable - Fiscal - Laboral - Jurídico - Subvenciones de confianza. Avda. Vilariño, 16 - BJ - 36630 - Cambados (Pontevedra) info@canedaychamosa.com Telf: 986 52 03 66 https://www.canedaychamosa.com/
AFYT - Asesoría, consultoría y gestoría con 40 años de experiencia en el sector - Rúa Arzobispo Lago, 17, 36600 Vilagarcía de Arousa, Pontevedra- Tlf: 986 51 15 42. - https://afytasesores.com/
Reale Vilanova (Concepción Arenal) - T: 986 555 944 - Concepción Arenal, 2 Entlo B - 36620 - Vilanova de Arousa (Pontevedra) www.reale.es