Redacción revista eSmás | Revista eSmás Vilagarcía Nº 18
Dende o 11 de agosto ata o 6 de outubro exhíbese na sala Rivas Briones da Casa da Cultura de Vilagarcía
Dende o 11 de agosto ata o 6 de outubro exhíbese na sala Rivas Briones da Casa da Cultura de Vilagarcía (situada na rúa Rei Daviña) unha exposición de fotografías antigas de Vilagarcía realmente especial. Elaborar esta mostra foi posible grazas ao esforzo persoal de décadas de Juan Carlos Porto, músico e un grande amante da historia da nosa cidade e que, grazas ao seu empeño e cunha grande carga económica persoal, foi reunindo ao longo dos anos unha colección persoal composta por máis de 30.000 fotografías antigas de Vilagarcía de Arousa. A maioría delas procede de coleccións inglesas, da época na que a Armada deste país visitaba o noso porto con asiduidade.
Esta exposición ten unha posta en escena fantástica grazas ao Concello de Vilagarcía, que apostou por esta incrible riqueza cultural e fixo que varios departamentos se comprometesen no desenvolvemento dunha exposición que oxalá formase parte dun museo permanente da historia de Vilagarcía.
A continuación incluímos un texto de presentación desta mostra realizado por Juan Carlos Porto, que xa está a preparar visitas guiadas á exposición:
“O meu pai gardábaos como ouro en pano. Aqueles amarelados manuscritos, deslucidos polo inexorable paso dos anos, tíñanme intrigado. A encadernación era rudimentaria: só dous gastados cordeis unían aquelas follas cheas de recordos. Ao seu lado, nun vello caixón, gran cantidade de vellas fotografías acompañábanos. Eu tiña 7 ou 8 anos, idade na que aínda me estaba permitido soñar, e observábaas detidamente con infantil curiosidade. Eran fotos dos nosos antepasados, naquela Vilagarcía, antiga e bela, que espertaba ao progreso e á modernidade.
Entre aquelas fotos, recordo que me chamaba a atención a dun señor maior de gran porte e longa barba branca, sobre unha locomotora de vapor nunha antiga estación de ferrocarril. A miña curiosidade por saber de quen se trataba levoume a preguntar con desaforado entusiasmo. A resposta desbordou a miña capacidade de asombro, e fixo voar, aínda máis, se cabe, a miña imaxinación. Aquel señor de gran presenza era o meu bisavó, Francisco Porto, ao que a compañía “The West Galicia Railway Company Limited”, a través do seu xerente, Mr. John Trulock (avó do Nobel Camilo José Cela), enviárao a Inglaterra para formarse no proceso de fabricación e manexo do modelo de locomotora de inspección e manobra ao que pertencía a “Sar”, que, polo seu pequeno tamaño, era coñecida entre os ferroviarios co apelativo de “Sarita”. El foi o primeiro maquinista daquela emblemática locomotora.
Aquela historia acrecentou a miña curiosidade por coñecer moito máis sobre a miña familia e como era Vilagarcía naqueles anos de esplendor, nos que, sen dúbida, o ferrocarril desempeñou un papel relevante naquela época de prosperidade. E eu, a pesar da miña curta idade, fun consciente de que o meu bisavó contribuíra, en certa medida, ao acontecemento histórico da posta en marcha da primeira liña férrea construída en Galicia.

Recordo que as primeiras fotografías que espertaron o meu interese foron as da antiga estación de Carril, pola relación que tiña coa historia que o meu pai me tiña contado. Logo viñeron moitas máis: o antigo Balneario da Concha, o espectacular e emblemático Peirao de Ferro, a Alameda ou a praia Compostela nos anos 30.
O meu interese foi in crescendo, e levoume a realizar unha intensa procura por multitude de arquivos repartidos por medio mundo. Curiosamente, Inglaterra é o país onde existen máis fotografías antigas de Vilagarcía. As longas estancias da Royal Navy fondeada na nosa ría ao longo de varios anos, propiciou que os mariños ingleses fotografasen intensamente, con inusitada curiosidade, aquela Vilagarcía e os seus arredores, deixando un legado de imaxes únicas e irrepetibles da nosa cidade, que antes foi vila.
Desde aquela inicial procura do señor de barba branca ata esta “Scenes at Arousa Bay” pasaron moitos anos. Sen dúbida, foi e segue sendo un pracer achar fotografías e documentos en lugares cada vez máis insospeitados, para logo, con amigos e familiares, pasar horas e horas catalogando imaxes e descubrindo as historias que hai detrás delas. Pero hai un pracer aínda maior, o de poder compartir este tesouro cos demais, con vostedes. Verán a cantidade de cousas que nos poden dicir as vidas propias vistas por miradas alleas.
Grazas, bisavó.”
Ropaz S.L. Materiales para la Construcción - Lugar A Goulla, 30 - Paradela - Meis. Telf: 986 715 353 www.ropaz.es
Oficina Técnica Forestal (informes periciales, medición de parcelas, topografía) y Turismo Ambiental en Cortegada. Rua San Roque, 15 - Vilagarcía de Arousa 36600 Telf: 986 56 56 04 - Móvil: 639870488 & 625807923 - E-mail: oftefor@yahoo.es
Estrellas Amarelas Escuela Infantil - Av. Cambados, 105 - Vilagarcía de Arousa - T. 886 30 35 78
Pza. Juan XXIII, 1 Vilagarcía de Arousa Telf.: 986 504 860 - web: www.ofimaticaarosa.com - mail: info@ofimaticaarosa.com
Tren Turístico Vilagarcía de Arousa. C/Sta Eulalia nº8, Vilagarcía de Arousa. Telf: 609 881 663 Web: www.trenturísticovilagarcia.com
Jaema- Nuestro mejor deseo sois VOSOTROS. Haciéndote sentir seguro desde 1990. Este 2025 cumplimos 35 años a tu servicio. - Juan Carlos I nº20, Local 1, Vilagarcía. - Telf: 986 510 244. - Visita nuestra web
Audicost Audifonos Vilagarcía. Rúa Baldosa, 17, Vilagarcía. Telf: 986 18 64 73 Audicost Vilagarcía
Tu tienda de moda multimarca para mujeres. Ropa y accesorios de diseño. R/ García Caamaño nº23, Vilagarcía. Telf: 986 509 380 Visita nuestra web
Av. Rosalía de Castro, 175 CARRIL Telf.: 886 905 133 - 626 011 938
Peluquería Mixta Patricia Torrado. Belleza y solarium - Entrada al Políg. Trabanca Badiña. Vilagarcía de Arousa. - Tlf: 986 50 47 75.