Logo de la empresa

Franciso Rey Rivero

Redacción revista eSmás | revista eSmás O Salnés 38 Otoño 2026

Paco Rey foi medalla de ouro Marcial de Adalid, medalla de ouro de Belas Artes e un longo etcétera.
Franciso Rey Rivero

Ao falar de persoeiros de Vilanova é obrigatorio facelo de Valle-Inclán e dos irmáns Camba. Pero Vilanova ten outro gran adalid, non das letras, senón da música; e del imos falar. Francisco Rey Rivero nace en Vilanova no ano 1919. Na súa nenez emigra cos seus pais á Arxentina e alí inicia os seus estudos musicais, no Conservatorio Fracassi, onde chega a obter o premio extraordinario de fin de carreira. Do seu paso pola Arxentina contaría, moitos anos despois, unha curiosa anécdota que amosaba o enorme potencial gandeiro desta nación: cando saía coa familia ao campo, de excursión, era frecuente atopar carteis nos que poñía «deja el cuero», o que quería dicir que, se tiñas fame, podías matar unha vaca e comela, pero tiñas que deixar o coiro, que era o único que tiña valor, jaja.

Rivero volve a Vilanova no ano 1936 e traballa en varios oficios para gañarse a vida. Mesmo chegou a ser concelleiro. Desta etapa impresionoulle a pobreza que había no pobo, vendo a moitos nenos andar descalzos. Namórase, cásase e vaise vivir a Vigo, onde traballa, primeiro, para a firma Rodolfo Lama e, logo, para a empresa Massó, onde queda definitivamente. Chega o ano 1957 e o padre Javier de Madrid funda a Coral Casablanca. Ao pouco tempo, Francisco Rey Rivero é chamado para dirixila, comezando así unha carreira que levaría esta agrupación a situarse no estadio máis alto de Galicia dentro do mundo das corais, alcanzando multitude de galardóns, entre os que podemos destacar a medalla de ouro no Certame Internacional de Habaneras de Torrevieja, no 1968.

Paco deixa a Casablanca no 1988 e, ao ano seguinte, pasa a dirixir a coral do Real Club de Regatas de Vigo, coa que segue obtendo premios e galardóns. A última coral que dirixiu, tamén en Vigo, foi a Ureca. A outra gran faceta deste vilanovés é a de compositor, con máis de 200 obras, entre as que se atopan dúas misas, varias obras sacras, nove habaneras e máis de 20 composicións galegas. Unha delas é «Velaivai», cantiga que se fixo moi popular en toda Galicia e na que mesturou pinceladas folclóricas con outras de composición persoal. Podedes escoitala enlazando co código QR.

Paco Rey foi medalla de ouro Marcial de Adalid, medalla de ouro de Belas Artes e un longo etcétera. Aínda en vida, Vigo dedicoulle unha rúa. Paco finou no 2012, aos 92 anos de idade. Pouco despois, o seu concello natal, Vilanova, dedicoulle unha rúa.

 

 

 

 

 


Anunciantes en el número actual la revista eSmás:


Scroll to Top