Logo de la empresa

"GALICIA SABE AMAR" promociona os produtos do noso mar

Redacción revista eSmás | revista eSmás Vilagarcía Nº43 Invierno 2023

A Xunta centra a promoción dos produtos do noso mar collendo como protagonistas o Nadal, o deporte e a saúde.

 

A campaña procura levar peixes, mariscos e conservas aos fogares, sendo fonte fundamental de saúde e calidade de vida, especialmente nesta estación.

 

A campaña 'GALICIA SABE AMAR' da Consellería do Mar abordou o tramo final do ano 2023 enfocando os seus esforzos na promoción dos mellores sabores dos produtos do mar da comunidade autónoma por toda a xeografía galega. As súas foodtrucks dirixiron as súas rutas cara a destinos con actividades estreitamente ligadas a estas datas festivas, como os mercados de Nadal e distintos eventos deportivos en toda a autonomía, subliñando a saúde e a competición como a antesala perfecta para os propósitos de ano novo, nos que o coidado da saúde é prioritario. Un ámbito no que a alimentación tamén xoga un papel crucial.

Despois de percorrer máis de 400 municipios en toda Galicia e gran parte de España, conquistando os padais de máis de 400.000 persoas cos seus petiscos de peixes, mariscos e conservas, a exitosa campaña dirixiuse cara a eventos relacionados co Nadal e competicións deportivas que teñen lugar nestes últimos días do ano. Desde Xinzo de Limia, co campionato provincial federado de campo a través Cross Antioquía, ao partido de Copa do Rei entre o C. D. Lugo e o C. D. Mirandés no estadio Anxo Carro da cidade da Muralla, onde os lucenses gañaron para avanzar ao Día de Reis, o 6 de xaneiro, fronte ao Atlético de Madrid.

O obxectivo da Xunta de Galicia é resaltar os produtos pesqueiros e o labor dos profesionais do mar, que contribúen co seu esforzo a garantir unha alimentación esencial para a saúde é mellorar a calidade de vida dos consumidores. Outros eventos deportivos relacionados co Nadal levaron as foodtrucks a Celanova, Tui, Campo Lameiro, Boimorto, O Barqueiro, Ferrol ou Pontedeume.

 

 

 

Os mercados ligados ás festas de Nadal, torneos e carreiras protagonizan a promoción, tras ter percorrido máis de 400 concellos galegos e do resto de España.

 

Entre os destinos que se sumaron á iniciativa GALICIA SABE AMAR están un Lalín totalmente inmerso nestas festividades, así como Porto do Son, onde moitos atletas participaron ataviados con gorros e outras prendas típicas de estas datas na súa tradicional carreira Sin-Son 10 K. Entre outros destinos programados para as gastronetas vinculados ás celebracións de advento figuran Mesía (A Coruña), Mos (Pontevedra), Xove (Lugo) ou Marín (Pontevedra), xunto con eventos deportivos previos ao 25 de decembro, como a VIII Run Foz Run Nadal (Lugo), o Trofeo de Nadal Atletismo Barbanza en A Pobra do Caramiñal (A Coruña) e a XII Carreira e Andaina Popular do Nadal de A Rúa (Ourense).

Á I Marcha Interxeneracional San Silvestre de Ribadeo súmanse o I Torneo Solidario de Fútbol sala do Concello de Touro, o Callo Fest de San Ciprián (Cervo), o mercado de Nadal de Muimenta (Lugo) e as probas deportivas de San Silvestre de Muros, Fene e Castrelo de Miño, xunto coas XVIII Carreira de Fin de Ano 10 kms de Ares. Todos estes lugares convertéronse en escenarios idóneos para promover os produtos da pesca, marisqueo e acuicultura galegas, esenciais para gozar dunha mellor saúde, pois estes alimentos son fundamentais para todas as idades, das xeracións máis novas ás máis veteranas, así como para persoas activas e deportistas, e tamén as sedentarias.

As propiedades gastronómicas e nutricionais dos alimentos pesqueiros están máis que demostradas e forman parte dunha dieta atlántica que é sinónimo dun modo de vida equilibrado e saudable, contribuíndo á lonxevidade dos seus cidadáns. De feito, Galicia ocupa o segundo lugar en esperanza de vida en España.

Fonte de Omega-3, vitaminas D e B, ferro, potasio, iodo, calcio..., os peixes e mariscos son alimentos con importantes valores nutricionais e cunha pegada de carbono das máis baixas entre os produtos dispoñibles no mercado.

A Xunta de Galicia seguirá promovendo o consumo de peixes, mariscos e conservas entre todos os galegos e tamén fóra da comunidade, aumentando a presenza das empresas do sector en feiras e salóns alimentarios onde o mar de Galicia é sinónimo da máis alta calidade. Ás campañas máis xerais impulsadas pola Xunta, engádense outras específicas de produto, tanto do sector como da Administración, poñendo en valor recursos como a pescada, o bonito do norte, a centola, o polbo, os mariscos ou o mexillón, entre outros.

Con todo este traballo, Galicia aspira a que os profesionais do mar conten con mellores ingresos e que a actividade poida perpetuarse no futuro facéndose atractiva para as novas xeracións. O obxectivo é que a xente nova vexa que o sector marítimo-pesqueiro é unha boa opción profesional e que a comunidade manteña o seu papel de referente español e europeo na produción e comercialización de produtos do mar.

 

Impulso económico

 

As campañas de promoción para impulsar os prezos dos produtos do mar subliñan que consumir este tipo de alimentos é un dos mellores investimentos que se poden facer como sociedade, ao contribuír a mellorar a saúde, aforrar en gastos sanitarios e fomentar a sustentabilidade e a economía, especialmente a nivel local.

Ao adquirir peixes e mariscos frescos ou calquera dos produtos transformados ou acuícolas desta proteína mariña, non só se están promovendo mellores hábitos de vida, senón tamén o traballo de todas aquelas mulleres e homes que saen ao mar cada día para que este nutritivo recurso non falte en ningunha mesa.

Este xesto apoia aos profesionais dun sector que en Galicia ten un gran peso, dado que o 91% das actividades económicas da comunidade están relacionadas coa pesca e a cadea mar-industria. As exportacións galegas de produtos do mar superaron os 2.700 millóns de euros no ano pasado, a cifra máis alta na historia.

As máis de 60 lonxas galegas poxan unha gran variedade de peixes, mariscos, crustáceos, algas ou equinodermos, ofrecendo ao consumidor un amplo abano de posibilidades para levar ao seu fogar cada día e cumprir coas recomendacións sanitarias de consumir, como mínimo, tres ou catro racións desta proteína á semana. Como resultado destas accións, as cotizacións nas lonxas galegas encadearon varios máximos históricos nos últimos anos. En 2022, o prezo medio acadou os 3,26 euros o quilo, unha cifra un 30% superior á media da serie histórica, que se remonta ao ano 2002. O aumento nos ingresos e na rendibilidade da actividade permitiu amortecer as dificultades económicas derivadas da guerra en Ucraína e da inflación.

Por iso, o consumidor actual atopa no sector extractivo e na industria transformadora a confianza necesaria para obter un produto de calidade, respectuoso coa súa contorna e, á súa vez, xerador dun gran número de empregos. Só a cadea mar-industria galega dá traballo directamente a 40.000 persoas.

 

 

 

 

 


Anunciantes en el número actual la revista eSmás:


Scroll to Top