Logo de la empresa

Historia de Vilanova de Arousa

Redacción revista eSmás | revista eSmás O Salnés Nº 1

 Sitúase Vilanova de Arousa no fondo de saco da ría do mesmo nome, na banda dereita augas arriba,
Historia de Vilanova de Arousa

Sitúase Vilanova de Arousa no fondo de saco da ría do mesmo nome, na banda dereita augas arriba, en pleno corazón da bisbarra do Salnés. A combinación das actividades extractivas, transformadoras e comerciais da pesca e do marisco parecen estar na base dos primixenios asentamentos de repoboación deste litoral, feito común en todo o territorio costeiro galego. A un medio físico favorable para a agricultura, hai que sumar unha fachada marítima provedora de recursos de gran valor engadido que deben ser sumados á anterior. Estas actividades extractivas primarias haberán de traer consigo un tipo de poboamento específico configurado por un asentamento intensivo, pero diseminado en pequenos núcleos que adquiren a súa maior expresión na costa, espallándose os menos importantes ao longo das vías de comunicación. No interior do territorio estamos diante do fenómeno das vilas, antigas villae romanas, como núcleo básico de asentamento dunha poboación rural e dinámica.

En efecto, parece que hai vestixios materiais de que estas terras foron habitadas dende antigo, así temos restos do Paleolítico no conxunto de bifaces achados nas Sinas; a Cultura Megalítica vese superada por outra fase máis avanzada que ten que ver coa introdución dos metais en Galicia. Deste modo vemos que, aproximadamente, dende o  2500 a.C. ata a metade do primeiro milenio a.C., poboadores da cunca do Texo, a través de Portugal, van achegándonos o cobre, estano, ouro e a cerámica campaniforme. Non se trataría de relacións comerciais regulares perfectamente establecidas e definidas senón máis ben de contactos esporádicos. Con todo, a manifestación artística por excelencia da Idade dos Metais son os petróglifos ou gravados en pedra de diferentes motivos: espadas, cervos,  combinacións circulares...
Todos eles parecen ter unha intencionalidade relixiosa na que o sol ocuparía un lugar de relevancia. Por terras de Vilanova hai varias armas deste  metal, 62 en concreto, do tesouro de Bedoia. Os restos castrexos que adquiren meirande importancia para os vilanoveses son os pertencentes ao lugar de Calogo, onde a posteriori, século IX, e sobre eles se edificará o mosteiro bieito de San Ciprián. A romanización tamén deixará profonda pegada nestas terras así, Vilanova conta cun bo número de vestixios, como un tesouro de sesenta denarios de Caio e Lucio aparecido en Calogo; en Tremoedo acháronse 717 bronces pequenos de Constantino, Constancio, Constante, Crispo, Tétrico Pai e Dalmacio, e cerámica por diversos lugares do municipio. Andando no tempo, achegámonos ao baixo medievo no que a posesión do sal é vital para a supervivencia das sociedades e así comezan a explotarse as salinas da Lanzada a finais do século IX e durante todo o X. Por estas datas, os monxes de Cálago constrúen unhas en terras de Ucha, Cambados e na nosa vila favoreceuse o inicio dunha pequena industria de transformación pesqueira, consolidándose así moitos núcleos costeiros como o de Vilanova e Vilamaior.
Neste senso, na Historia Compostelá destácase a especial dedicación mariñeira que tiveron os homes de Arousa, dentro da pobre imaxe dos galegos como homes de mar que outorga esta fonte. Nestas, a torre de Cálago serviría como  vixía, xunto coas da Lanzada, San Tomé, Rianxo, O Meadelo e Catoira, das chegadas e acosos que os normandos e sarracenos facían ás nosas costas na procura dos tesouros da Catedral de Santiago.

 

A partir do século XII estamos diante do artellamento definitivo do poder feudal de nobres e cregos que a través de diferentes cargas impositivas van facéndose co excedente de labregos e pescadores. A expansión do monacato ten o seu máximo grao de esplendor agora apoiado polo monarca Afonso VIII particularmente interesado na instalación da orde do Císter. Por isto, ao longo do século XII comezan a xurdir ou a reformar a súa regra mosteiros importantes como os de Oseira, Sobrado ou a Armenteira. Os bieitos tamén terán a súa representación, sobre todo en Vilanova, no mosteiro de Cálogo fundado no IX, segundo crenza, por S. Fructuoso.
Segundo Ferreira Priegue, nos séculos XIV e XV a ría arousá aparece descrita así: “doblado Corrubedo, un cabo mal señalado en casi todas las cartas, se entra en la boca de la ría de Arosa. No hay ningún puerto que atraiga a los buques de gran porte a su interior. Zona eminentemente pesquera, su centro económico y administrativo es Padrón, cuyo puerto fluvial, defendido por las torres del Oeste, es cada vez más inadecuado, y que se ve superado en condiciones y actividad por los nacientes núcleos de la Puebla del Deán, Villanueva de Arosa, Rianxo, S. Martín y S. Vicente de los Grobes. Las islas de Sálvora y Arosa eran desde muy antiguo refugio de pescadores que iban sobre todo a buscar el pulpo y la merluza. Las cabañas de éstos que se montaban en la temporada de pesca veraniega, dieron origen, cuando se levantaban en tierra firme, a puertos permanentes como Villanueva de Arosa”.
Para os séculos XV e XVI Vilanova amósase como un dos portos principais da Ría e aínda así, debido ao estado precario ou ausencia de vías de comunicación, o peixe e o marisco tan só se consumían en fresco no litoral e áreas limítrofes pero a cuestión tornaba noutro matiz cando había que trasladar estas mercadorías ás terras do interior da Meseta e neste caso recorríase a diferentes métodos de conservación como o

escabechado e escochado. Por iso, o licenciado Molina escribe que de Vilanova e Vilamaior, porto anexo, se facía provisión “por tierra a toda Castilla de cecial y otros pescados… (de) ...ostras escabechadas… (que) …eran tan estimadas que los  proveedores de la casa real las buscaban con empeño”. Tal era así que, no ano 1561, “…arribó al puerto de Villanueva de Arosa un comisionado regio (…) con pretexto de surtir de  escabeche a la real despensa”. A relevancia de Vilanova no mar de Arousa queda reflectida na redacción no seu porto no 1554 das Ordenanzas de pesca para a ría arousá, modificadas na mesma vila no 1656. No político tamén resaltará o núcleo xa que, no seo das disputas entre nobres e vasalos do século XV, haberá de constituírse nel no 1467 a Irmandade do  Salnés, asociación de axuda mutua entre labregos e mariñeiros que pelexan polos seus dereitos contra os abusos señoriais. 
Logo da derrota irmandiña, a conseguinte represión señorial e as disputas do territorio entre nobres e bispos manterán á Vilanova nun estado de prostración económica e social considerables que se agravaban coa fame e as pestes destas datas, de modo que para 1754 o núcleo contaba tan só con 28 mariñeiros e dúas embarcacións pesqueiras. Diante deste panorama desolador, no 1748, a instancias do Intendente de Santiago baixo cuxa xurisdición estaba suxeita a vila, aínda deberá prover de víveres á “Armada de la Nueva España” borbónica e aos navíos franceses que lle facían convoi cara aos territorios de Ultramar. Tamén a “Escuadra de la Plata”, flota que protexía as costas das nosas posesións americanas se nutre con 500 homes levados da ría de Arousa.

 

Este marasmo social e económico ráchase cara a 1760 coa chegada dos industriosos cataláns á ría de Arousa e a Vilanova en concreto. Traen novos métodos de extracción moito máis produtivos, a xávega ou rede varredora, que  chocan contra as artes ancestrais dos pescadores patrianos, o cerco real, enrolados nos gremios que controlan a fidalguía e a igrexa. Salgan a sardiña enteira, sen eviscerar, ao estilo catalán copiado dos neerlandeses mentres que en Vilanova faise co eviscerado ou escochado. Os Goday e Llauger procedentes de Canet de Mar son exemplos emblemáticos destes fomentadores que se negan a pagar o ‘diezmo’ da pesca e do mar á igrexa, preitean contra ela, comercian con viños e augardentes ou panos, entre outros, copan os cargos de goberno municipal, a Milicia Nacional e rachan coas estruturas económicas, sociais e políticas do Antigo Réxime, logo emparentarán coa fidalguía dos Peña e Valle adquirindo título, rendas e terras.
Goday súmase á carreira  industrializadora da transformación da pesca e ergue na Illa de Arousa no 1879 a primeira fábrica de conservas ao estilo Nantes de Galicia logo das de Zuloaga, 1841, en Oza, A Coruña, Pelletier, 1853, tamén na Coruña, Carreño, 1856, en Noia, ou Curbera, 1861, en Vigo, entre outras. Grazas ás iniciativas dos empresarios da pesca o núcleo urbano comeza a súa transformación dende mediados do século XIX.
Así, énchense as marismas de Vilamaior, conéctase o casco urbano co territorio inmediato mediante camiños e no primeiro terzo do XX chegan a estrada de González Besada  que circunda Vilanova, o porto e as ramplas de acceso ás fábricas de salgado e conserva. Namentres, na segunda metade do XIX tiñamos a gloria do nacemento das figuras literarias de Ramón del Valle-Inclán (1866) e Julio (1884) e Francisco Camba (1882). Pouca gloria fica para o século XX xa que a Guerra Civil deixa pegadas moi profundas que  cicatrizar, logo, nos anos 50 a emigración cara a Europa e á España do “desenvolvementismo” franquista marca a vida  dos vilanoveses que coas remesas de cartos repatriados provocan o desenvolvemento urbano en altura do núcleo a exemplo do Mediterráneo. Hoxe, a economía baseada na miticultura, o marisqueo, a conserva como vestixio dos anos corenta nos que adquiriu especial importancia ao socairo do proteccionismo franquista, as explotacións agrarias e un turismo moi estacional que non acaba de agromar, definen as características da sociedade vilanovesa.


Anunciantes en el número actual la revista eSmás:


Scroll to Top