Logo de la empresa

Lenda da Serea de Vilaxoán

Aitana Iglesias | revista eSmás Vilagarcía Nº 25 Verano 2019

A familia Mariño, afincada en Vilaxoán e dona do pazo de Sobrán, debe o seu apelido á serea tallada en pedra de Sálvora
Lenda da Serea de Vilaxoán

Os seres e criaturas mitolóxicas contan cunha notable presenza na cultura de todo recuncho da xeografía planetaria. Dragóns, elfos, faunos, centauros, ninfas, fadas, meigas... Son infinitos os entes creados polo imaxinario popular tentando dar á realidade unha explicación formal e non racional aos fenómenos da natureza. Deste xeito, a sabiduría galega atópase asolagada de múltiples exemplos de espécimes cuxa orixe se vincula a algún dos lugares, coñecidos ou recónditos, que conforman a orografía da comunidade. 

Entre todas as criaturas, as sereas son a peza central sobre a que se asentan a meirande parte das fábulas dos pobos asociados ao mar. Así, resultan incontables as narracións nas que teñen presenza e as que, con distintas historias e desenlaces, se extenderon polo territorio europeo. Muller e peixe a metades iguais, nereida é o nome máis axeitado a esta océanida, dado que a concepto serea fai referencia a un ser feminino dotado de alas e non cola. Sen embargo, foi esta segunda denominación a que gañou maior peso no falar do día a día, relegando á primeira ao esquecemento. 

Deste xeito, a familia Mariño, afincada en Vilaxoán e dona pretérita do pazo de Sobrán, debe o seu apelido á serea tallada en pedra que se erixe na illa de Sálvora. Aínda que con múltiples versións que difiren levemente, a crónica máis extendida afirma que Roldán, coma así é acuñado o famoso cabaleiro sobriño de Carlomagno, refuxiouse malferido no tesouro da ría arousana. Sendo habituais as súas camiñatas a lomos do seu cabalo, deu nunha deses tantas ocasións en divisar o que semellaba un corpo de muller esvarado na area. Ao achegarse, puido comprobar o errado da súa visión ao percatarse de que se trataba, en realidade, dunha serea. Espírito de cabaleiro, rescatouna da intemperie e levouna deica o seu fogar. Desprovéndoa de escamas, conseguiu que a fermosa nereida se convertise nunha atractiva muller. Malia as múltiples tentativas por saber o seu nome, Roldán caeu na conta de que a aposta musa era muda. Cavilando cal sería a mellor opción, decidiu darlle voltas e acuñarlle el mesmo un. Sendo coma era a súa orixe marítima, ¿por qué non Mariña? 

Namorados coma tolos, o nacemento preto de San Xoán do seu primeiro fillo colmaría de felicidade á recén estreada familia Mariño. Tal celebración abraiou á nereida que, observándoo todo coa curiosidade de quen se atopa fronte a algo novo, viu coma Roldán se achegaba e lle arrebataba ao seu pequeno dos brazos. Descoñecendo a tradición de saltar a fogueira, o pánico apresouse dela ao crer que o seu galán arroxaría ao neno ao lume, dando en berrar:

  • ¡Fillo!

Ao articular o vocablo, un trozo de carne se desprendeu do seu interior, momento a partir do cal a súa mudez se convertiu en auga pasada. Froito do seu amor naceron outros tres retoños, aos que criaron conxuntamente ata a morte de Roldán na batalla de Roncesvalles. Nese momento, a serea voltou ao mar, coa condición de que, de cada xeración, un dos nenos lle tería que ser entregado: aquel que nacese con ollos azuis e escamas nos muslos.

Aínda que a historia remata aquí, non así a historia da familia Mariño. Perseguida pola desgraza, dita estirpe perdía sempre a un dos seus fillos no mar. A pesares da prohibición de achegarse á costa ou elixir unha profesión a ela relacionada, a súa atracción era tan forte que daban en incumplir o mandato, desaparecendo sen deixar rastro.

Se cadra, esta historia teña algo que ver cos populares casos de Mariños de ollos azuis desaparecidos no mar. Ou, quizais, a lenda só sexa a razón pola que o escudo da familia vilaxoanesa contén unha nereida.

 

Serena de Vilaxoán, familia Mariño


Anunciantes en el número actual la revista eSmás:


Scroll to Top