Logo de la empresa

Mulleres Visibles, Mulleres do Grove

Redacción revista eSmás | revista eSmás O Salnés 36 Primavera 2026

A Idade Moderna, que se estende entre os séculos XVI, XVII e XVIII, foi unha etapa fundamental na configuración social
Mulleres Visibles, Mulleres do Grove

A Idade Moderna, que se estende entre os séculos XVI, XVII e XVIII, foi unha etapa fundamental na configuración social e económica de Galicia, xa que as vilas costeiras como O Grove desenvolveron unha intensa actividade ligada ao mar, á agricultura e á vida familiar. Neste contexto, as mulleres desempeñaron un papel decisivo que, durante moito tempo, permaneceu en segundo plano. Porén, os datos amosan con claridade que as mulleres non eran invisibles, senón protagonistas esenciais da vida cotiá.

No Grove, o seu labor ía moito máis alá do coidado do fogar. Participaban activamente na agricultura e na gandería, atendían ao gando e estaban involucradas en numerosas tarefas relacionadas coa pesca. Mariscaban nas praias, vendían o peixe capturado, transformábano mediante técnicas tradicionais de salgadura, reparaban redes e transportaban o produto cara ao interior, por citar só algunhas das actividades que protagonizaban. Este traballo constante garantizaba a subsistencia das familias e o funcionamento da economía local.

Un dos datos máis reveladores é a elevada porcentaxe de fogares dirixidos por mulleres, é dicir, casas nas que a muller era a cabeza de familia e a principal responsable da toma de decisións e xestión económica do fogar. No Grove, o 37,6% das casas tiñan xefatura feminina, unha cifra moi alta para a época, que está na liña do resto das comunidades costeiras de Galicia, como Sanxenxo, Portonovo, Cambados ou Vilanova de Arousa. Delas, o 24,5% estaban encabezadas por viúvas e o 13,1% por mulleres solteiras. Estas porcentaxes superan incluso as de moitas zonas urbanas, o que demostra a notable autonomía das mulleres do Grove. Ademais de xestionar a economía doméstica, tamén administraban propiedades, asinaban contratos, reclamaban herdanzas e acudían aos tribunais cando era necesario.

Este protagonismo explícase, en gran parte, polas frecuentes ausencias masculinas. Desde mediados do século XVIII, a implantación da Matrícula de Mar obrigaba a numerosos homes a servir na Armada, o que os mantía afastados dos seus fogares durante longos períodos. A isto sumábanse as migracións laborais, posto que a densidade de poboación da comarca do Salnés entre os séculos XVI e XVIII era a máis alta de toda Galicia, o que provocaba que houbese moitas bocas para pouco alimento, de modo que a válvula de escape para aliviar esta tensión era a emigración, nomeadamente a lugares como Cádiz. Como consecuencia, moitas mulleres quedaban á fronte das súas familias, asumindo en solitario a xestión das terras, o pago de impostos, o mantemento das vivendas e a educación dos fillos. Dicíase que estaban “casadas con ausentes”, unha expresión que reflicte a dureza da súa realidade cotiá.

O traballo feminino na costa era especialmente duro. As mulleres do Grove agardaban durante horas a chegada das dornas, incluso nas frías noites de inverno, cargaban pesados cestos de peixe e, en ocasións, introducíanse na auga para descargar as capturas. Posteriormente, ocupábanse da súa venda directa ou da súa transformación para garantir a súa conservación. Estas tarefas, mal remuneradas e fisicamente esixentes, eran imprescindibles para a economía local.

As mulleres xóvenes tamén desempeñaban un papel clave. Moitas traballaban como criadas ou en actividades temporais para reunir a súa dote e contribuír ao sustento familiar. Ao permanecer na casa, as fillas aseguraban a continuidade do traballo agrícola e o coidado dos pais na vellez, reforzando a estabilidade do núcleo familiar.

En definitiva, tanto as mulleres do Grove como as do resto das comunidades marítimas galegas foron un sostén esencial da sociedade mariñeira. O seu esforzo, capacidade de traballo e fortaleza permitiron manter a cohesión social e económica do Grove durante séculos. Recoñecer o seu papel non só corrixe un esquecemento histórico, senón que axuda a comprender mellor a identidade e a memoria colectiva do Grove. Sirvan estas palabras de humilde e merecida homenaxe.


Anunciantes en el número actual la revista eSmás:


Scroll to Top