Logo de la empresa

Plácido Castro

Xulio Rios | Revista eSmás Vilagarcía Nº 18

Cumpríronse o pasado 17 de xullo os cincuenta anos da morte de Plácido Castro (1902-1967)
Plácido Castro


Cumpríronse o pasado 17 de xullo os cincuenta anos da morte de Plácido Castro (1902-1967), unha figura a quen ese inexorable paso do tempo permítelle gañar proxección, solvencia e lembranza. Así o fixeron saber algúns dos seus ex alumnos con motivo da efeméride, ouvando a súa humanidade e vocación pedagóxica como tamén a súa capacidade innovadora na aprendizaxe do inglés. E así se sinala igualmente hoxe por moitos especialistas e observadores que adiviñan en Plácido Castro un perfil en extremo característico dunha época, dun proceder e dunha forma de pensar que o confirman como o que foi, un adiantado que hoxe está de plena actualidade.
Un vínculo principal que relaciona a Plácido Castro con Vilagarcía é a súa condición de profesor no Instituto Laboral, un recinto no que a Fundación que leva o seu nome procura recuperar algún tipo de presenza que o lembre coa dignidade que verdadeiramente merece.

Foi a partir da segunda metade dos cincuenta e ata os seus últimos días que Plácido Castro exerceu como profesor de inglés nese centro, onde puido explorar, teorizar e aplicar boa parte das súas reflexións a propósito da aplicación da ensinanza do inglés ao ensino profesional. Esa cualificación e valía permitiríanlle actuar como representante do Estado español na Vª Conferencia Europea de Educación, centrada no estudo do ensino das linguas modernas, celebrada en Baden, unha cidade balnearia situada preto de Viena, Austria, en 1964.

Velaí unha demostración máis desa capacidade innata en Plácido Castro para ser capaz tanto de recoñecer o apego á súa realidade, preocupacións e intereses mais inmediatos como para, a partir deles, desde o particular ao xeral, implicarse nun espazo cosmopolita ao que achega o valor da súa propia experiencia e inquietudes. Non en van, a Plácido cabe presentalo como un símbolo preclaro da universalidade do nacionalismo galego, un pensamento que rexeita fronteiras e que encara a reivindicación da identidade como unha expresión de progreso pero igualmente de construción de unidades novas, baixo novas formas, dando renda solta á creatividade cívica e pacífica.

Outro exemplo a outra escala podémolo atopar nas súas reflexións sobre o modelo turístico a promover en Galicia e nas terras do Salnés. A sensibilidade amosada, con moita anticipación, respecto de asuntos como a protección da paisaxe ou da arquitectura autóctona, a nosa arte e cultura como valores asociados á nosa promoción socioeconómica, o valor da gastronomía e dunha historia que tanto relaciona co Camiño de Santiago como coa chegada dos viquingos a Catoira, ou igualmente a profesionalización dos diferentes actores, etc. realzan o valor visionario dassúas inquedanzas e propostas.                                                               
                                                                                                                                 Trazos de Plácido

Regresando do desterro

 

Aquel Plácido que chega a Vilagarcía nos anos cincuenta do pasado século ten xa cumprida a pena de quince anos de inhabilitación absoluta que lle fora imposta en 1940 polo “Tribunal Regional de Responsabilidades Políticas” que establecera o bando vencedor da guerra para reprimir e purgar aos que se destacaran no compromiso democrático.
Esa pena incluía tamén 8 anos de desterro e unha multa de 25.000 pesetas da época. Aquel proceso e condena resultara da militancia política democrática e galeguista de Plácido, desenvolvida moi especialmente nos anos trinta no partido de Castelao e Bóveda, no que se implicou con grande afán dende o primeiro momento. Plácido despregou naqueles anos un sentido compromiso coa Galicia do seu tempo e militou nas expectativas e ambicións daquela xeración que procuraba modernizar o país en todos os sentidos devolvendo á nosa sociedade a autoestima que lle fora arrebatada durante séculos.

$O seu nome queda irremediablemente ligado ao recoñecemento de Galicia como unha nacionalidade por parte do Congreso de Nacionalidades Europeas, un organismo que contaba co aval e recoñecemento da Sociedade de Nacións, a ONU de entreguerras. En 2018 cumpriranse 85 anos dese momento clave da nosa historia recente.

Plácido volve de Londres. Neses anos, o xornalismo foi unha ocupación frecuente, deixando sólidos testemuños dun interese que permanecería ao longo de toda a súa peripecia vital. O xornalismo cativarao xa ben mozo, con vinte e poucos anos, cando comezou as súas colaboracións con El Pueblo Gallego e despois con moita prensa galeguista. Trala guerra e as limitacións derivadas da súa condena sería na prestixiosa BBC onde Plácido colaboraría no primeiro programa en galego no mundo da radiodifusión e tamén nos programas en castelán e inglés. Igualmente colaborou co Jornal de Noticias de Porto, Portugal. E estando xa en Vilagarcía retomaría es vocación colaborando, entre outros, co Diario de Pontevedra e, significadamente, con Faro de Vigo, mantendo unha estreita relación co director deste xornal, Álvaro Cunqueiro.

Un intelectual comprometido

Formado en Scarborough e Glasgow, Plácido contaba cunha sólida formación como moitos dos seus coetáneos galeguistas que conformaron unha xeración irrepetible. A diferenza doutros, claramente filoxermanos, o imaxinario do noso Plácido amosaba un perfil anglosaxón. Do Reino Unido, Irlanda e o mundo céltico que tanta admiraba chegou a ser un profundo coñecedor e a el acudía para escribir fermosas crónicas e relatos pero tamén para analizar a súa actualidade política, económica, cultural ou social. Nesas orixes e converxencias identificaría un dos sinais de identidade da nosa forma ser (como a saudade que interpretaba nun sentido abertamente contrario ao tópico).

A súa profunda devoción pola poesía e o dilatado coñecemento da lingua inglesa imprimiu nel o interese pola tradución. Así, Plácido realizou excelentes traducións poéticas –tamén teatro- que hoxe recoñécense como pioneiras dese labor en Galicia. A compilación publicada en 2016 da man de Laura Linares dignifica no seu conxunto e pon en valor a enorme altura da súa obra.

Se o sistema literario galego ten unha débeda coa tradución e se hoxe precisamos mais ca nunca desa dimensión para favorecer os intercambios espirituais e materiais cos demais pobos e universalizar e reafirmar o valor da nosa lingua, sen dúbida, Plácido Castro, para quen á lingua galega ningunha lle gañaba en calidades e posibilidades poéticas, constitúe un referente a reivindicar. Co seu empeño na tradución, Plácido abriu camiños novos para a nosa lingua universalizándoa máis a fin de garantir mellor o seu futuro e achegou un pensamento baseado nunha concepción da defensa dunha identidade conectada co exterior como fórmula para progresar.

En Plácido Castro non hai contradición entre o dominio do inglés e doutras linguas e o amor á propia, entre ser cidadán do mundo e asumir unha fonda identidade de seu, entre ser nacionalista e alentar a unión universal dos pobos, entre ser moderno e apostar polo progreso e dignificar as vigas esenciais do noso ser, mesmo entre contar cunha posición ben acomodada e avogar pola dignidade e a xustiza social.
Todos estes son tópicos habituais nos que a nosa sociedade desbalda inxentes enerxías autodestrutivas e para os que a vida, obra e pensamento do noso autor achegan solucións tan firmes como conciliadoras.

 

Plácido Castro encarna valores e actitudes de gran significación no noso presente: o altruísmo, o pacifismo, o humanismo; en fin, a devoción por unha Galicia de seu, xenerosa, con autoestima, reivindicada e reivindicable, aberta ao mundo. O rigor, o compromiso, a modestia e a elegancia que sempre observou en vida non deben impedir que esteamos á altura de lle ofrecer o recoñecemento que tanto merece. Por fortuna, eses tempos van chegando. Xulio Ríos é autor da biografía de Plácido Castro (Ir Indo, 1997)


Anunciantes en el número actual la revista eSmás:


Scroll to Top