Logo de la empresa

Poesía: Raigame -Tania Salgueiros-

Redacción revista eSmás | revista eSmás Vilagarcía Nº 1

Fáltanme os versos e sóbranme as palabras
Poesía: Raigame -Tania Salgueiros-
Raigame

Fáltanme os versos e sóbranme as palabras
como sobran os toques de pandeireta
nas líricas fermosas e verdegaias,
como faltan os toques no son
na mesma canción sacada,
como faltan e sobran e sobran e faltan
os toques os versos e palabras.

Fáltanme a rima e o aturuxo
e vanme as letras aturulladas
como eivadas, de sangre e calor 
nas estrofas de voz desacougada.

Un alalá sen adornos gráficos
dos que só se oen e se cantan 
porque me faltan os aturuxos
e os desgarros que outros cantaban
como preciso da rima que corre,
foxe no deixe do son e escapa.

Non teño sequera un algo, que ter
máis por nin ter, teño a lembranza
desas voces cantareiras dun tempo
de toques de pandeireta e alalalas
de estrofas e versos ligados
que agora me regalan as palabras
aturuxos, voz, e paixón
que fan a poesía cantada.

Anunciantes de la actual edición de la revista eSmás:

Scroll to Top