Logo de la empresa

Que facemos coa rabia?

Elvira Romay Cousido. Terapeuta / Counsellor Humanista Integrativo | revista eSmás Vilagarcía N45 Verano 2024

A rabia é unha emoción moitas veces non permitida nin ben vista, por iso queda no noso interior.
Que facemos coa rabia?

Pensemos na última vez que nos enfadamos. Foi con nós mesmos? En moitas ocasións mostramos o noso malestar coa xente que nos rodea.

O dicionario da Real Academia Galega indica que unha das acepcións de rabia é “profunda excitación do ánimo producida por algún suceso adverso, que non saíu como se esperaba”. Tamén indica outra: “mala vontade ou disposición do ánimo contra algo ou alguén”.

Entendemos a rabia como unha reacción ante unha agresión do ambiente, xa sexa verbal ou física, e tamén por un cambio ou perda na nosa vida. Zurita e Chías, na obra "El Duelo Terapéutico. La curación a través del proceso del duelo", falan de que “o sentimento de perda leva implícita a conexión con momentos de tristeza, protesta ou rabia, medo e dor”. A rabia é unha das fases que atravesamos cando perdemos a un ser querido. Primeiro “pola súa morte, máis tarde virá a rabia por todo o que nos fixo mentres durou, que non estivo ben, e polo que non fixo e gustaríanos que si fixera”.

A rabia é unha emoción moitas veces non permitida nin ben vista, por iso queda no noso interior. Hai xente que non ten o permiso interno de expresala. Os que si teñen ese permiso a expresan por un suceso adverso que non esperaban, unha agresión do ambiente, física ou con palabras, por un cambio na súa vida e tamén no caso dun falecemento. É importante facilitar a expresión da emoción da rabia e protesta neses casos e tamén para non bloquear o proceso de dó. É aconsellable facelo de forma segura, sen romper nada, nin facer dano a ninguén, nin tampouco a nós mesmos.

A rabia aparece moito nas relacións de parella, coa nosa familia e no noso traballo. Os xogos de poder ou xogos psicolóxicos prodúcense nunha situación entre dúas, tres ou varias persoas e todos acabamos sentíndonos mal, cunha sensación de “outra vez igual”. Discutimos, sacamos rabia, e botamos a culpa ó outro do que acaba de pasar. E, se reflexionamos e analizamos o que pasou, atopamos que non solucionamos nada.

Que facemos con esa rabia? Tres opcións sas para non caer neses xogos de poder e non dar renda solta á nosa rabia:

1 - Poñemos límites claros e expresámolos con calma. E cando exista xa esa confrontación, temos en conta o respecto que merece a persoa ou persoas que están con nós, actuando e falando con asertividade. Se non podemos, tomamos distancia para atopar a calma.

2 - A nosa axuda, se a damos, imos ter en conta que a outra persoa ten recursos propios e pode responsabilizarse da súa vida. Tendo en conta isto, podemos dicir que NON cando sexan peticións de axuda coa que esa persoa está evitando responsabilizarse.

3 - Actitude activa fronte ás adversidades da vida. Para evitar caer nun rol de vítima.

A rabia, como vemos, é unha emoción que forma parte de nós. É unha emoción máis que nos axuda a protexernos, a coñecernos e a pechar procesos. Pero é importante saber canalizala ben para non facer dano.

Os terapeutas que traballan coas emocións poden ser de gran axuda para aquelas persoas que senten que a emoción da rabia as está desbordando, se mostran o seu enfado contra todos e contra todo de forma continua, e cando todo é negativo para esa persoa.

Arredor de nós, vemos diariamente casos de rabia mal xestionada, incluso en nós mesmos. Respiremos profundamente cando a sintamos: calor na nosa cara, palpitacións rápidas do noso corazón e axitación no noso corpo. Busquemos a forma de expresala sen facernos dano, nin facer dano a ninguén. Cando sintamos que o volcán sube e nos vai custar controlalo, tomemos distancia física ou mental da situación. A continuación, colleremos aire polo nariz, enchendo os nosos pulmóns e soltamos o aire lentamente, e así varias veces. Voltaremos á situación conflictiva máis calmados para así poder decidir cal dos tres puntos arriba indicados nos serve en ese momento.

Anímovos a que o poñades en práctica, sentiredes seguro a vosa mochila emocional moito máis lixeira.

 

 


Anunciantes en el número actual la revista eSmás:


Scroll to Top