Logo de la empresa

Vilaxoán, historias dunha Vila.

Teo Cardalda | Revista eSmás Vilagarcía Nº 14

Vilaxoán, historias dunha Vila.
Cesión de fotografías: A Vilagarcía Antiga

Vilaxoan e os primeiros poboadores:
Datos fidedignos e contrastados demostran o contacto daquel primeiro Vilaxoán cos romanos e o achado, cando se procedía á construción do actual peirao comercial de Vilagarcía na primeira década deste século, duns vestixios de baños e mosaicos de dita civilización na punta de Ferrazo. A súa aparición indica, consonte as teses expostas por Fermín Bouza Brey (outro eminente polígrafo vilagarcián), que os romanos escolleron a Vilaxoán como un dos portos aos que arribaren nas súas constantes viaxes pola Arousa. En opinión de Bouza Brey, as moedas e restos de ánforas que se recolleron naquel lugar procedían das tarefas de limpeza dos barcos atracados no porto.

Menos claro está, emporiso, a orixe das moedas dos reis visigodos Egica e Witiza atopadas no recinto do cemiterio parroquial de San Martiño de Sobrán. Non obstante, si se volve evidenciar un asentamento continuo doutros pobos nesta comarca, en xeral, e no aínda non nado Vilaxoán en particular.

Xa na época medieval, e dende a dominación sueva (o que era a primitiva freguesía de San Martiño de Sobrán), pertencía ao extenso bispado de Iria, que logo chegaría a ser de Compostela.
 

San Martiño de Sobrán, Unha xoia do Románico rural galego
Unha das máis belas manifestacións da arte románica en Galicia é, sen dúbida ningunha, a Igrexa parroquial de San Martiño de Sobrán. Non en van é citada en gran parte dos
estudios de historia da arte referidos non só á nosa comunidade autónoma senón a toda España.

Esta Igrexa, datada xeralmente en torno ao século XII (aínda que recentes estudios apuntan que ben puidera ser anterior), é un magnífico exemplo do tipo de templo dunha soa nave con ábsida semicircular. Algúns dos seus parangóns máis notables son as Igrexas de Nosa Señora do Mosteiro, en Meis, San Andrés de César, en Caldas de Reis, e A Nosa Señora da Lanzada.

Ergueita sobre unha construción anterior, o cal era acostumado, no seu interior atopáronse restos de enterramentos antropoides. A Igrexa de Sobrán distínguese maiormente pola harmonía das súas proporcións.

A pesar de ser unha Igrexa rural destaca a amplitude da súa única nave, que se divide en tres compartimentos por medio dos seus correspondentes arcos transversais que sosteñen unha espléndida bóveda semicircular.

En canto aos vans que se abren nos seus grosos muros, constitúen por si mesmos unha lección da arte románica: abertura en forma de frecheira, arco de medio punto, arquivoltas e unha coidada ornamentación nos capiteis.

É preciso salientar tamén o denominado axadrezado, decoración xeométrica que ornamenta as contornas das ventás e que son, por ben dicilo, o selo do influxo da Basílica Compostelá e das peregrinacións que a ela chegaban.

No tocante ao exterior, dous elementos merecen a nosa atención. Un, a fachada principal, que hoxe non presenta a súa fasquía orixinal xa que, por un lado, se perdeu a trazaría de pedra que dividía o gran rosetón central e, polo outro, falta tamén a figura ecuestre de San Martiño, patrón da parroquia, que ata finais do século XIX presidía o conxunto no fornelo central.

Outro dos aspectos que tamén merecen a atención no exterior deste templo é, por suposto, a ábsida, e non so polos seus ocos, senón polos canzorros, pequenas pezas decoradas que sosteñen a cornixa, onde o artista tiña maior liberdade de expresión. Proba diso é sen dúbida a postura, pouco respectuosa cando menos, que adopta algunha das figuras.

Unha última peculiaridade desta igrexa achámola no precioso catálogo de José Couselo Bouzas, “el siglo XVIII y primer tercio del XIX”, onde se recollen dúas noticias verbo dalgunhas obras que se realizaron para este templo, como “un cuadro de San Martín, por el que el pintor Benito de la Torre cobró 536 reales y 26 maravedíes en 1713” e “el dorado de un cáliz y una cucharilla, por lo cual el platero José Novóa recibió, en 1794, la suma de 174 reales”.



Os Soutomaior adquiren Sobrán
A esta época corresponde a primeira mención histórica de San Martiño de Sobrán da que temos noticia. Trátase da doazón deste territorio que o nobre galego Ramiro Muñíz realiza ao Apóstolo, e polo tanto á Igrexa de Compostela, a finais do século XII.

Segundo a opinión do xurista e historiador cambadés José Caamaño Bournacell, estas terras pasarían despois, por aforamento da Mitra Compostelana, ao dominio da poderosa Casa dos Soutomaior, da cal un membro habería fundar, séculos máis tarde, a vila e porto de Vilaxoán.

Esta familia, unha das máis nobres estirpes de Galicia, tiña o seu solar ou casa principal na Fortaleza de Lantaño –parroquia do municipio de Caldas de Reis–, hoxe desaparecida como tantas outras daquela época. A figura máis importante desta liñaxe foi Paio Gómez de Soutomaior. Segundo consta no seu testamento, ostentou en vida os seguintes títulos: Mariscal de Castilla, Caballero de la Banda, Señor de la Fortaleza de Lantaño con toda su tierra y de las villas de Santo Tomé y Portonovo y Villamayor y del puerto del Carril, y Señor de la Fortaleza y villa de Rianxo, algunhas freguesías en terras de Noia e Señor de la Fortaleza de Insua y tierra de Tabeirós y Cela y Sobrán.

Dos fillos deste Soutomaior, cunha vida tan ateigada de arriscados acontecementos, debemos salientar a dous: Sueiro Gómez e Xoán Mariño de Soutomaior, o fundador de Vilaxoán.
 

Anunciantes en el número actual la revista eSmás:


Scroll to Top