Logo de la empresa

Xornada Interxeracional na residencia e os nenos do Campamento

Redacción revista eSmás | revista eSmás Vilagarcía 53 Verano 2026

A rapazada ofreceu un variado programa de actuacións preparado con moita ilusión.
Xornada Interxeracional na residencia e os nenos do Campamento

Os 50 nenos e nenas de entre 7 e 10 anos que participan nos campamentos de verán Naturarte, organizados pola Concellería de Xuventude do Concello de Vilagarcía, protagonizaron hoxe unha emotiva xornada interxeracional na residencia de maiores Divina Pastora, onde compartiron unha mañá chea de música, baile, teatro e tradición coas persoas residentes.

A iniciativa, que xa se converteu nunha cita habitual do programa estival, ten como principal obxectivo favorecer a convivencia entre xeracións, estreitar os lazos entre os máis pequenos e as persoas maiores, promover o respecto mutuo e poñer en valor todo o que uns e outros poden aprender compartindo experiencias.

Durante a visita, a rapazada ofreceu un variado programa de actuacións preparado con moita ilusión. Os residentes puideron gozar dunha divertida rolda de chistes, representacións teatrais, pequenas actuacións de circo, interpretacións musicais con violín e frauta, así como diferentes coreografías. Entre elas destacou a tradicional Muiñeira de Chantada, que espertou a emoción de moitos dos asistentes, e tamén bailes actuais inspirados no grupo surcoreano KATSEYE, unha mostra dos gustos musicais da mocidade de hoxe.

Un dos momentos máis especiais da xornada foi o desenvolvemento do proxecto de recuperación da memoria popular e reactivación cognitiva a través do refraneiro galego. Os nenos e nenas recompilaran previamente, coa axuda das súas familias, numerosos refráns tradicionais que compartiron cos residentes, invitándoos a completalos ou a lembrar outros similares. A actividade deu lugar a un enriquecedor intercambio de recordos, expresións populares e vivencias que puxo en valor o patrimonio inmaterial transmitido de xeración en xeración.

A mañá rematou cun ambiente de ledicia, complicidade e emoción, no que as persoas maiores agradeceron profundamente o entusiasmo, a espontaneidade e a vitalidade que lles transmitiron os máis pequenos. Pola súa banda, os participantes nos campamentos levaron consigo unha experiencia chea de aprendizaxes, empatía e respecto cara ás xeracións que os precederon.

Con actividades coma esta, o Concello de Vilagarcía continúa apostando por iniciativas que fortalecen a cohesión social, fomentan o intercambio interxeracional e contribúen a conservar as tradicións populares, ao tempo que crean espazos de encontro nos que maiores e pequenos comparten cultura, emocións e momentos inesquecibles.

 

 

 

 

 

 


Anunciantes en el número actual la revista eSmás:


Scroll to Top